Autogoberno á luz das candeas

| De sete a sete

O masivo apagón eléctrico sufrido en España e Portugal viviuse en Galicia como un novo episodio de renuncia ao autogoberno. Se hai apenas un par de semanas o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sacaba peito pola súa decisión de reclamar e exercer “competencias útiles”, desta volta o Goberno galego preferiu declararse inútil ou inhábil para a xestión da emerxencia, replicando a actitude de e conformando fronte común coa outra manchea de autonomías en mans do Partido Popular na súa estratexia de confrontación -case acoso e derruba- do Goberno central, decote exemplificada polo histrionismo da presidenta da Comunidade de Madrid pero que, neste caso, deixou aberta a porta a máis figurantes.

Alfonso Rueda non quixo moverse un milímetro dun guión escrito na rúa Xénova e repenicado por boa parte do resto de autonomías conservadoras. Logo de que Isabel Díaz Ayuso abrise a veda pedindo que se activase o nivel 3 de emerxencias e por tanto o Goberno do Estado se ocupase de responder á crise, Murcia, Estremadura, Andalucía, A Rioxa, Galicia, Castela-A Mancha e a Comunidade Valenciana fixeron coro. No caso da última, vistos os precedentes, até resulta comprensíbel e coherente coa abdicación das súas funcións que xa é marca da casa do presidente Mazón.

A decisión do presidente xustificouse, novamente, polo sempiterno sentidiño que preside a Xunta dende a época tardovisigótica. O Goberno central concedeu apenas -xusto é dicilo- quince minutos para pensar se subir ou non ao tren, e o presidente non o pensou dúas veces. Na súa comparecencia do luns á tarde, apelou a ese mesmo sentidiño das e dos galegos para non malgastar combustíbel e outros consellos de primeiro de survivalismo. Tamén anunciou que as clases do martes quedaban suspendidas no ensino galego. Porén, ao entrar Galicia no nivel 3, esa competencia quedaba en mans do Goberno central, quen optou por manter os colexios. A inspección educativa comunicou de madrugada esta nova mudanza aos equipos directivos. O resultado foi unha xornada de caos e incerteza no ensino durante o martes, con familias e profesorado completamente desubicados. O sentidiño consume moita luz eléctrica.

Para a memoria deste baile de máscaras en que a frustración de Alberto Núñez Feijoo converteu a institucionalidade española a partir do 23 de xullo de 2023, o momento en que Alfonso Rueda, mergullado no mesmo marco vitimista –“non temos información suficiente do Goberno central”- que pairaba no PP durante todo o luns, non atendeu unha chamada do delegado do Goberno no medio dunha rolda de prensa. Hai comedias de enredo con peor guión.

En Galicia, o apagón cobrouse tres vidas, as dunha familia en Taboadela -Ourense- pola mala combustión dun xerador, que provocou un escape de monóxido de carbono. O feito de que o apagón deixase unhas sete vítimas mortais en toda España e que tres delas finasen en Galicia non pode tomarse como unha verdade estatística, pero si pode convidar a reflectir sobre o papel que o país ocupa no conxunto do sistema eléctrico e tamén socioeconómico de España. O debate, varios días despois, sobre como é posible que toda a península perda a subministración eléctrica de vez -isto é, sobre o centralizado do modelo- e a demora en recuperar a normalidade no conxunto de Galicia -se ben zonas concretas como a Mariña tiveron a fortuna de recuperala moi cedo- parecen convidarnos, por enésima vez, a falar do noso papel como produtor enerxético.