Rematadas as celebracións de Nadal, a vida pareceu desentalarse nesta primeira semana do ano. A actualidade acelerouse e, no caso galego, deixou titulares variados e, ás veces, reiterados.

Dous dos asuntos que centraron o interese no tramo final desta semana foron senllos pulsos “polo relato” entre a suprema institución galega e, por unha banda, a española e, pola outra, a principal forza de oposición no interior. Así, a Xunta embarcouse nunha batalla polos números co Goberno español despois de que o delegado do Goberno, Pedro Blanco, afirmase que a Xunta só executou algo menos da metade dos fondos europeos asignados ao país. A Consellería de Facenda respondeu ao día seguinte que segundo a eles lles constaba, a finais de 2024 executaran case o 80% dos cartos (que en total superaban os 1.500 millóns de euros). Unha guerra de números onde evidentemente alguén mente ou, peor, menten dous.

Máis sorprendente na guerra do relato foi o acontecemento a raíz do acto de homenaxe a Daniel Castelao polo seu 75 cabodano. Estamos moi afeitos a que Castelao sexa unha figura que xera tanto consenso na súa aceptación como disenso na súa patrimonialización. Decote, as críticas sobre esta última diríxense aos nacionalistas, aínda que en honor á verdade hai que lembrar que sempre que o BNG recorda, por enésima vez, que Castelao foi nacionalista, é en resposta a unha aseveración contraria, a un intento de furtarlle esa condición indispensábel do seu mito. Pero desta vez, aínda que volvemos asistir da man da secretaria xeral do PPdG Paula Prado a outra “desnacionalización” de Castelao, o gran incidente veu despois: o telexornal da TVG facíase eco dunhas declaracións do conselleiro de Cultura, José López Campos, onde lamentaba a ausencia dos nacionalistas no acto de homenaxe da Fundación Castelao. Unha suposta ausencia que choca co feito de que a alcaldesa compostelá e militante do BNG, Goretti Sanmartín, sentaba canda el, así como estaban presentes cargos de alto nivel da organización nacionalista como a deputada Olalla Rodil. Esta última dirixiuse por carta ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, esixindo unha rectificación inmediata, que efectivamente tardou pouco en producirse, desta volta na rede social X de Elon Musk e non en rigoroso directo nos informativos.

É de supor que na CRTVG as preocupacións sexan xa dabondo para enlearse nestes temas. O ano que vén de rematar supuxo a perda dunha quinta parte da súa audiencia, deixando un 21,9% de espectadores polo camiño e caendo por debaixo do 10% de cota de audiencia até o 8,6%. É a maior caída de entre as televisións autonómicas, segundo recolle un informe de Barlovento Comunicación con datos de 1 de xaneiro a 15 de decembro do ano pasado. O descenso afectou a todas as franxas horarias e todo tipo de programas, precisamente no mesmo ano en que arrincou a primeira folga indefinida da historia da canle arredor da polémica polo novo programa externalizado O Termómetro.

Os socialistas en 2025

O PSdG/PSOE comeza 2025 intentando deixar atrás as coitas dun 2024 que os puxo por baixo dos 10 deputados na Cámara do Hórreo, se ben o partido goza dunha implantación territorial que, fóra da cámara autonómica, lle permite aínda amosar músculo e vontade de recuperar a segunda praza. O vindeiro luns abrirá o prazo de precandidatura nas súas primarias, sen que momento José Ramón Gómez Besteiro, apoiado polo partido estatal e sen unha oposición detectábel agora mesmo no horizonte. O político conta con algo que foi un ben escaso para moitos candidatos socialistas antes ca el, que é tempo para probarse. Por se acaso, nesta ocasión, os avais necesarios para precandidatarese, en liña cos estatutos do 41º Congreso Federal do PSOE en Sevilla, é un 12% da militancia, o dobre ca da outra vez, polo que se farían necesarios 1.200 avais para facerlle fronte a Besteiro.

Por se acaso, co inicio do ano, os baróns marcan territorio, case do alcalde de Vigo Abel Caballero, quen volveu facer unha demostración da forza dos rexedores nun partido que non consegue un mando único claro dende os días de Emilio Pérez Touriño. Caballero avogou esta semana por unha AP-9 non traspasada (xa que no caso dun rescate da mesma, afirma, Galicia non podería afrontalo) e de carácter público, en contra da posición que defende o PSdG neste ámbito. Todo un aviso a un Besteiro que chegou a defender no Congreso dos Deputados esa cesión. Por outra parte, e preguntado sobre se esta postura era extensíbel ao outro nodo da AP-9 como a Coruña, do mesmo partido, Caballero preferiu envolverse, unha vez máis, na bandeira viguesa. “Contra nós quen poida”, case semellou querer dicir.