Chegou o Liberation Day e con el unha morea de aranceis disparados contra medio mundo dende o angosto e, tebroso de puro branco, despacho oval da Casa Branca. O presidente dos Estados Unidos anuncia unha vinganza a nivel planetario e impón gravames masivos sobre as importacións. Para Galicia non suporá, e de prever, un durísimo golpe -os Estados Unidos son o undécimo mercado internacional na lista dos socios-, pero si afectará gravemente nalgúns dos nosos sectores produtivos, onde o naval se destaca. Entre os sectores afectados tamén están o viño e mais as industrias química e farmacéutica. Durante o ano pasado, case a metade do producido no sector naval galego foi parar aos Estados Unidos, país que en termos globais non chega ao 3% das exportacións galegas. O impacto, xa que logo, será “por parroquias”, pero especialmente duro por afectar a sectores altamente ligados á innovación e o valor engadido.

Máis de mil empresas galegas exportan aos Estados Unidos, con carácter habitual ou ocasional. A industria química exporta insecticidas e biodiésel, máis dun terzo para América. A farmacéutica móvese en cifras parecidas. A maquinaria e a conserva tamén están no punto de mira.

De momento, Alfonso Rueda quixo marcar perfil de seu e reclamar a unidade dos gobernos autonómicos e estatal para facer fronte á situación. Unha reclamación que se antolla, con todo, un brinde ao sol, porque as respostas á ameaza trumpista debateranse e decidiranse no ámbito europeo. A Confederación de Empresarios de Galicia tamén esixiron medidas de apoio aos sectores afectados.

Outra empresa galega ameazada, neste caso non polos aranceis estadounidenses, é a emblemática Sargadelos. O propietario da firma, Segismundo García, decidiu aumentar a aposta ante a Inspección de Traballo cun peche patronal tras recibir unha multa de 5.000 euros e a notificación de 36 deficiencias en saúde laboral. Todo o asunto comezou a raíz de que unha das traballadoras da planta en Cervo contraíse silicose. Tras unha semana realmente errática e con declaracións contraditorias e mesmo surrealistas, e mentres no centro de Sada o traballo continuaba con normalidade fronte á situación en Cervo, a fin de semana segue sen dar respostas definitivas. García continúa a vetar o acceso do persoal á fábrica mentres continúe a haber deficiencias de carácter laboral, algunhas tan básicas como o uso de máscaras e equipos de protección. A Mariña, aínda en vilo con Alcoa, ve en perigo outro dos seus emblemas, e, neste caso, un referente cultural de todo o país.

A semana tamén deixou a finalización do proceso de remuda na Real Academia Galega. Henrique Monteagudo será o novo presidente da institución tras a marcha de Víctor Fernández Freixanes. Na comisión executiva entran nomes como o de Lourenzo Fernández Prieto. A Academia enfronta un momento crucial, coa apertura dos traballos para un novo Plan de Normalización Lingüística e as críticas cifras de uso do galego nas xeracións máis novas.