Só estamos de acordo en que non estamos de acordo. Así podería resumirse a XXVII Conferencia de Presidentes que se celebrou o pasado venres en Santander, e onde o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non perdeu a ocasión de sumarse aos seus correlixionarios -esmegadora maioría logo das autonómicas españolas de 2023- para facer fronte común ao goberno do Estado en detrimento de calquera axenda galega. O financiamento foi de novo o gran cabalo de batalla, insistindo no marco dun Sánchez vendido ao independentismo catalán onde Galicia, seria e cumpridora coa débeda, sería moeda de cambio. Así, Rueda insiste en que os acordos de financiamento sexan multilaterais a través do Consello de Política Fiscal e Financeira, e négase a falar dunha condonación que, asegura, o noso país non precisa.

Dende Galicia, os partidos da oposición criticaron a actitude do presidente, coa líder nacionalista Ana Pontón cualificándoo de desleal e acusándoo de defender os intereses do Partido Popular antes que os do país. Unha estratexia letal, considerou, que ademais desbota o traballo do BNG para negociar unha redución da débeda co Estado. Tamén José Ramón Gómez Besteiro atacou a postura do presidente da Xunta, considerando que se trata do único galego que se opón a que a débeda galega se condone.

Os ánimos caldéanse en Galicia mentres se achega a manifestación nacional contra Altri do domingo 15 en Compostela, convocada polas plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría. Greenpeace levou a cabo unha acción especialmente visíbel o pasado xoves, cando montou unha celulosa de cartón pedra na mesma porta de San Caetano. Os ecoloxistas lembran que Alfonso Rueda nin sequera respondeu á súa proposta para manteren unha xuntanza sobre o proxecto. Greenpeace depositou máis de medio millón de sinaturas contra o proxecto. Á espera do que suceda o domingo, está claro que existe unha oposición masiva á instalación da factoría que, de momento, a Xunta parece plenamente disposta a ignorar.

O pasado martes reparouse, lonxe de Galicia, unha das grandes inxustizas históricas do século XX. O Goberno do Estado, dentro da conmemoración do “Día de Recordo e Homenaxe ás Vítimas do Golpe Militar, a Guerra e a Ditadura”, declarou nula e ilegal a sentenza que condenou a morte a Alexandre Bóveda nun dos moitos pseudoxuízos cos que a ditadura tentou fiar o seu propio relato sobre os sucesos que desembocarían na súa instauración. Un simulacro de xustiza que apenas valeu para amparar un asasinato legal. Nese breve diploma que a súa filla, Amalia Bóveda, recolleu das mans de Pedro Sánchez vai tamén recollida, acaso resumida, toda a dignidade daquela temperá Galicia democrática que soñou con gobernarse.