Vasalos, señores, contratos e fútbol

| De sete a sete

Unha das sentenzas máis recoñecíbeis da literatura castelá -e por, tanto, en boa medida, do que se entende como cultura española- é aquel lamento que os burgueses burgaleses -ou os habitantes do burgo de Burgos- ceibaban aos aires ao paso do humillado Rodrigo Díaz de Vivar camiño do exilio a causa da tiranía de Afonso VI -seu irmán, o do rei, García, o derradeiro, discutidamente, rei privativo de Galicia, non tivo esa sorte-: “¡Dios, qué buen vasallo si hobiese buen Señor!”. A frase, verdadeiro emblema do rico romanceiro medieval castelán, integrouse para sempre na nosa memoria cultural para facer referencia a aqueles casos onde a entrega e fidelidade dun subordinado non son ben recibidas ou recompensadas polo seu superior. En definitiva, ese verso do Cantar de Mío Cid encarna fundamentalmente, e coma ningún outro, a absurdeza de servir a quen non o merece. Líbrenos a fortuna dun mal capitán.

É do caso esta evocación da épica castelá cando un contempla o desleixo con que o presidente da Xunta conforma o seu novo goberno. Non tanto, se cadra, pola altura intelectual e profesional que poidamos agardar dos seus integrantes, que haberá de todo, senón, novamente, pola dilatación dos tempos da interinidade nesta mudanza de lexislatura. Co Parlamento xa constituído, case dous meses logo das eleccións, cunha maioría clarísima que aforrou un ronsel de negociacións como aconteceu en España logo do 23X, non se entende que a estas alturas Alfonso Rueda siga a ser un capitán sen tripulación. O Goberno coñecerase, previsibelmente, mañá domingo. Sería interesante saber se na redacción dalgún medio do país xa se sabe algo.

O organigrama, explicou o presidente, irase coñecendo aínda ao longo da semana que vén, xa que non están tomadas, asegura, todas as decisións. Do que se pode extraer das súas intervencións durante a sesión de investidura, sábese que a ordenación do solo industrial pasará a Industria no canto de Medio Ambiente -toda unha declaración de intencións con Palas de Rei no horizonte- mentres que a tramitación de parques eólicos se divide entre ambos departamentos. Sorprendente foi o anuncio dunha dirección de Asuntos Constitucionais, se cadra a fotocopia galega da Oficina del Español de Ayuso pola súa función e cometido, no mellor dos casos e mediante unha lectura xenerosa, pouco xustificados. Defender a legalidade autonómica fronte ao Estado será o seu teórico obxectivo. A manobra soa, para un malpensado -e o xornalismo en Galicia esixe pensar mal as máis das veces- a que o presidente planea seguir a estratexia de desenvolvemento dunha “soberanía paralela” pola cal o PP, aínda traumatizado polo seu fracaso electoral en xullo do ano pasado, continuará utilizando todos os resortes ao seu dispor, isto é, todas as institucións onde concentre a maioría absoluta dos representantes, para facer oposición dende as institucións a un goberno español tan lexítimo como lexítima é a maioría electoral que representa. O Senado, convertido nunha sorte de asemblea nacional paralela no canto da cámara de representación territorial que a Constitución prevé que sexa, é bo exemplo.

Así pois, todo segue igual na terra da estabilidade e o sentidiño. Excepto polo feito de que esta normalidade é cada vez máis cuestionada polos seus teóricos heraldos. A asunción de que o galego era a lingua propia de Galicia e que era o deber das institucións a súa promoción foi unha das grandes conquistas democráticas do século XX no noso país, se ben pode dicirse, sen faltar á verdade, que foi unha desas felices consecuencias de defensas do autogoberno e a identidade propia ben máis ferreñas noutros territorios do Estado. Sexa como for, callou nunha normativa avanzada, tan avanzada que mesmo se viu recorrida en Madrid polo Goberno central -pouco lle importou a Felipe González que a Lei de Normalización Lingüística merecese un acordo unánime hoxe impensábel do noso Parlamento-. Agora, sen embargo, alá van corenta anos e os vellos consensos están para rachalos. Así o debeu pensar José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol. A única alcaldía popular entre os sete principais concellos de Galicia, dito sexa de paso. A parálise do Concello -aínda aprobou os seus Orzamentos hai uns días- parece ser o motivo tras o que se agocha unha nova expresión de desprezo pola lingua galega. O consistorio anunciou que redactaría unicamente en castelán os contratos futuros para axilizar o proceso. A instrución entraba en vigor este xoves, pero foi breve: o mesmo día, o Concello asegurou que continuaría publicando os seus contratos en galego e en castelán coa ineludíbel colaboración da Xunta de Galicia. Cabe preguntarse por que se considera que o galego é un idioma que atrasa os trámites e o castelán outro que os acelera.

A semana vaise cunha boa nova no ámbito futbolístico -tampouco imos cheos delas-: volve a Irmandiña. A Selección Galega de Fútbol renace de oito en oito anos, logo do partido contra Venezuela en 2016 e o que a enfrontou a Irán en 2008. A Real Federación Galega de Fútbol anunciou que o novo partido, nun estadio aínda por definir, enfrontará o combinado galego co de Panamá o 31 de maio. O encontro de 2016 congregou máis de 18.000 persoas en Riazor. Pouca dúbida hai de que este será outro éxito. Galicia, con ou sen goberno, aínda que sexa en funcións, existe.