Aquí non rompe nada

| De sete a sete

Malia que se faga esperar -e cadrando coa publicación destas liñas, ande de voda pola capital-, o presidente electo de Galicia, Alfonso Rueda, gusta de vestir o mesmo traxe que un día puxeron Núñez Feijoo ou Fraga Iribarne. Ese traxe gris de xestión e previsibilidade. A bandeira do sentidiño combina con todo.

Fiel a ese estilo, do mesmo modo que somos fieis aos costumes herdados dos nosos maiores ou aos ritos que non entendemos ben, Rueda promete continuísmo. O novo goberno da Xunta, o primeiro ceibo da tutela efectiva do seu antecesor, será anunciado durante a segunda semana deste mes de abril. O único que deixou dito nos días pasados é que non suporá unha “ruptura radical”. Ese exercicio de esconxuro de radicalismos e rupturismos -que implicitamente coloca na oposición ao presentar o goberno como libre delas- é unha das máis efectivas fórmulas do PPdeG e o marco narrativo que explica boa parte do seu indiscutíbel éxito. Aquí non se rompe nada. E se algo rompe, a culpa será do gato.

De momento, o presidente deixa que florezan as murmuracións. Mentres a xente ten que dicir dun polo menos enreda en exercicios inocuos, seguramente pense. Polo camiño, presume de resultado -aínda que nesta mesma revista Manuel Barreiro desmonte ese argumento analizando a redución notabilísima da marxe de vitoria do PPdeG nas eleccións do 18-F fronte ao Bloque como primeira forza da oposición-. O seu argumento é que o Goberno foi ratificado nas urnas e por tanto os seus integrantes “aprobaron”. Se isto fose certo, Ethel Vázquez non abandonaría un goberno no que levaba unha década para rematar na mesa do Parlamento, todo un aviso a navegantes dun Rueda que agora é amo e señor lexítimo e non de prestado.

Non todo é mel nin días de voda para o presidente. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia segue obstinado en protexer o patrimonio natural do país ou se cadra só en incomodalo a el. Este venres eleváronse a 27 os parques eólicos suspendidos de forma cautelar, engadindo ao listado os de Rodicio II, Alto de Montouto, Meirama, Monte da Croa, Gato, Cunca e Serra do Farelo.

Na mesma liña, o proxecto de Altri continúa complicándose e xerando suspicacias. Malia que algunhas asociacións agrogandeiras, caso de Asaga ou Agromuralla, se posicionan a prol do proxecto cos matices correspondnetes sobre a normativa, outras non menos representativas están claramente en contra: Unións Agrarias, o Sindicato Labrego e Fruga. Non é a voz dos ecoloxistas a única que se alza en contra deste proxecto. Greenfiber, de Altri e Grenalia, lanzou nos últimos días unha web na que trata de argumentar as bondades do proxecto. Porén, a información achegada resulta bastante vaga e non achega argumentos convincentes. Especial alarma causou o seu compromiso de non elevar máis de tres graos a auga que devolve ao río. Esta cifra, dentro das marxes legais é, porén, moi preocupante dende o punto de vista biolóxico.

A semana deixa tamén boas novas. O Concello de Ames e a Real Academia Galega anunciaron o martes a sinatura dun convenio para estender o proxecto de normalización lingüística “Modo galego, actívao!”, unha medida de especial importancia por apostar sen complexos por fórmulas de inmersión lingüística como animar ao alumnado dos centros escolares a expresarse integramente en galego dentro e fóra das aulas durante períodos determinados. A iniciativa comezou cunha experiencia piloto o curso pasado moi ben acollida nun dos municipios máis novos e con maior crecemento poboacional de Galicia, lar de acollida de veciñas e veciños de ducias de nacionalidades. Un camiño firme para o galego.