Unha voda e un funeral

| De sete a sete

Seguro que a vostedes tamén lles acorda aquela pastelosa comedia romántica británica que, nalgún momento, rivalizou na programación televisiva con Pretty Woman: ‘Catro vodas e un funeral’. A través de catro destas celebracións e unha destas lutuosas conmemoracións, os espectadores asistiamos aos amoríos dun solteiro británico e unha enigmática estadounidense, Hugh Grant e Andie MacDowell respectivamente.

Aquel filme é do caso tras botar un ollo á actualidade política galega dos últimos días. Desta volta, porén, casamento hai só un e cadra ben lonxe: en Madrid. Funeral, o mesmo que Galicia celebra decote dende hai máis dunha década, isto é, dende que se abandonou por completo calquera veleidade competencial: o do autogoberno.

A que vén este pesimismo? O pasado luns, 25 de marzo, a primeira xunta de portavoces da XII lexislatura do Parlamento de Galicia aprobou o calendario do proceso de investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta. Esta non chegará até o 13 de abril. Vaites! Coas présas coas que fomos a eleccións antes do esgotamento da lexislatura, e coa gaña que semellaba ter o presidente por gañar o título pola vía electoral, non ten demasiada ansia pola proclamación oficial. E logo, non podía ser o día 6? Non pode ser, xa quedou.

Porque si, o presidente da Xunta ten un plan. Un planazo. Unha voda. Cásalle un amigo en Madrid: o mesmísimo alcalde, José Luis Martínez-Almeida. E cunha neta da curmá de Juan Carlos I! A voda do século é boa escusa para ausentarse unha fin de semana de Galicia. Madrid vén vale unha misa, como en varias ocasións se ten adulterado a Henrique de Borbón polos corredores de San Caetano.

A autonomía galega é un caso un tanto estraño no conxunto das nacionalidades históricas recoñecidas logo da Transición. Galicia tivo un proceso autonomista posto en marcha por persoas que nunca antes acreditaran na necesidade do autogoberno, con boa parte das forzas nacionalistas opóndose ao modelo. Durante a maior parte da autonomía, a Xunta correspondeulle ao Partido Popular. Podemos dicir que a Galicia contemporánea é unha casa construída por persoas que xamais quixeron habitala, que soñaban cun chalé adosado en lugares onde chove menos. E, porén, esta caracterización faltaría á verdade. Non en van dende a Xunta, e moi especialmente dende os gobernos de Manuel Fraga, consciente se cadra da debilidade estrutural do autogoberno e do desapego dunha sociedade civil que, tras mobilizarse notabelmente, se desentendera masivamente da aprobación do Estatuto, houbo interese en alicerzar un sentido de país. Imítase, como unha estraña mostra do carácter cíclico da historia, a aquela limpeza de sangue e credo con que as elites políticas galegas a partir da conformación da Monarquía Hispánica gustaban de presentar Galicia como o máis antigo, fiel e cristián dos reinos peninsulares. Sede da España que viría ser, como tamén se conta pola banda das Asturias.

Ese consenso, callado en votacións unánimes hoxe imposíbeis sobre aspectos fundamentais da identidade colectiva de Galicia -falo de ti, Lei Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, tan galega e tan difícil de entender en Madrid que mereceu unha reacción contraria do Goberno dirixido por Felipe González-, rachou de vez a partir do momento en que os populares, condenados a un breve exilio interior en Galicia e no ronsel da recentralización como resposta ao temesiño ensaio dun Estatut co que vertebrar outra España, decidiron asumir teses lingüísticas e formas políticas que precederon o trumpismo. O derradeiro cravo neste sartego do autogoberno é este completo desinterese, por parte de quen debería encarnalo, polo seu cargo. A semana que arrinca o día 8 vai ser intensa. Mesmo os paseos militares son difíciles cando chove tanto, e en Galicia chove moito, xa sabemos.

Polo resto, xa saben: a Semana Santa pon a actualidade ao ralentí. Pola memoria de todos os ferroláns pasou se cadra a imaxe da ponte das Pías unha madrugada de 1998 cando o pasado martes, no medio da noite, un cargueiro bateu contra a estrutura da ponte Francis Scott Key causando o colapso da infraestrutura. Seis obreiros migrantes que traballaban no lugar perderon a vida, sen que polo de agora se recuperasen os seus corpos. No caso galego, a rotura do amarre do buque Discoverer Enterprise, nos estaleiros de Astano, precipitou esta embarcación contra a ponte das Pías, derrubando unha sección e deixando os accesos á cidade moi comprometidos. A reparación da ponte foi rápida, de apenas dous meses, e con carrís ampliados. Tivo que pasar algo así para que a alguén lle acordase Ferrol. Isto é Galicia: os nosos eventos sociais de referencia, como ben lle acorda ao presidente, son os funerais.