Non hai mellor cemento para a nación que o inimigo externo. Cando alguén dende fóra pon en dúbida a honra nacional en calquera grao ou baixo calquera forma, os pareceres máis diversos fúndense e confúndense. Desta volta, foi a secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, quen abriu a caixa de Pandora da que agroman editoriais, titulares, chíos e reaccións furiosas contra unha nova aldraxe. Todo é unha aldraxe en Galicia. O aldraxismo é a nosa relixión e o noso marco, a forma en que nos comprendemos e nos relacionamos co resto de pobos do planeta, especialmente dos que temos como veciños. Este aldraxismo impregna todas as capas sociais, todas as posicións e siglas políticas, e ten unha mecha curta, curtísima. Como marco, é totalizador e pode resultar -resulta- fundamentalmente ineficiente para entender o lugar que Galicia ocupa dentro do Estado e especialmente o que a categoría “galego” significa nese contexto. É unha forma de perder o tempo mirando o dedo do sabio no canto da lúa. É a versión galaica do terraplanismo e a conspiración: hai un consello de moi poucos homes poderosos dirixindo o mundo e inventando plandemias, e outro aínda máis reducido que procura fastidiarnos os galegos e rir de nós. De tanto pensar que diciamos que chove cando mexaban por nós, acabamos pensando que mexan por nós de cada vez que chove.

Desta volta foi Ione Belarra cun dos comentarios máis inocuos neste sentido que se recorda: sinalar que os galegos non temos fama de graciosos -o cal resulta curioso habida conta das veces que temos actuado como alivio cómico- mentres Mariano Rajoy tentaba pórse de perfil na súa comparecencia perante a comisión de investigación sobre a Operación Cataluña -un titular bastante máis importante, como o feito de que se desvinculase e negase a existencia dunha “policía patriótica”, quedou soterrado baixo a anécdota-. Non foi sequera aquel “galego no sentido pexorativo” que nos agasallara Rosa Díez (a pantasma de moitos nadais pasados) para referirse nada menos que ao leonés Rodríguez Zapatero. Pouca xente recorda, xa que falamos de M. Rajoy, aquelas declaracións da súa muller, Viri Rodríguez, onde sinalaba que os seus amigos non a consideraban “nada galega”.

O aldraxismo impregna todas as capas sociais, todas as posicións e siglas políticas galegas, e ten unha mecha curta, curtísima.

O aldraxismo é, xa que logo, un potente pegamento para afianzar as propias filas e un potentísimo detonador para activalas. A prensa do país encheuse -e dispénseme este artigo máis- de reflexións sobre o sucedido e de golpes no peito en defensa da dignidade de Galicia -xa non nacional, que é unha idea ten demodée na constante regresión discursiva do galeguismo realmente existente-. Baixo a chuvia non se escoitou outra voz, non se sentiu matiz ningún. Un comentario lixeiro dunha deputada no Congreso preparou o que máis necesitaban Mariano Rajoy e as persoas que queren cubrir as costas daquel goberno de infausta memoria en torno a Cataluña: unha mancha de tinta de lura.

En Lugo, mentres, coñeceuse o nome da persoa que tomará o bastón de mando local tras o inesperado pasamento de Paula Alvarellos. O socialista Miguel Fernández porase á fronte dun goberno de continuidade dirixido polo PSOE en coalición co BNG. Por diante o reto de que o PP non teña éxito no seu intento, moi serio, de facerse coa alcaldía e a Deputación en 2027. Fernández, unha persoa experimentada na política local, cambiou así de opinión sobre o inicialmente manifestado na contorna socialista.

Alfonso Rueda chegou á Arxentina nunha xira que trae inevitábeis recordos doutro presidente popular. O mandatario galego apostou por estreitar relacións económicas e facilitar o retorno da diáspora. O momento é especialmente complicado polos aranceis que impulsará Donald Trump e cuxo impacto en Galicia está por ver. Mentres a Xunta prepara un plan específico para facer fronte á ameaza, esta viaxe parece deixar entrever o interese por procurar un “amigo americano” que actúe de intermediario. O problema é que ese amigo, o goberno Milei, é se cadra menos fiábel que o executivo de Trump.

O PSdG-PSOE celebra o 8-M o seu XV Congreso Nacional nun momento de gran debilidade institucional -relegados a unha terceira posición cun número de deputados insólito polo baixo no Parlamento-. A cita necesita ser un revulsivo para un partido que pasou de gobernar en dúas ocasións a Xunta a esfarelarse nunha dinámica de clans e baronías que segue inflamando polémicas como a do grupo municipal compostelán. José Ramón Gómez Besteiro promete “rearmar” o partido.

A semana péchase coa celebración do 8 de marzo e unha nova polémica con moita dose de aire arredor do BNG. O cartel dos nacionalistas dividiu as opinións e mesmo mereceu unha curiosa referencia no informativo da TVG salientando que contén unha esvástica. A autora, Lúa Mosqueteira, presenta unha tigresa “humanizada” que golpea, segundo a versión, a motoserra do propio Milei ou a mencionada esvástica. Unha referencia á internacional reaccionaria que parece ter proído en algures. Que aldraxe.