A semana pechouse cunha bomba simbólica no corazón do PPdG. O Concello de Cariño, gobernado polo partido, retira o nome de Manuel Fraga Iribarne da súa avenida principal e acorda tamén a mudanza de denominación do centro escolar que levaba o mesmo nome. Así o acordou o pleno municipal cunha moción do BNG ante a que o PP se abstivo, que tamén prevía retirar do nomenclátor a Prudencio Landín Carrasco, alcalde e presidente da Deputación de Pontevedra e gobernador civil da Coruña, cargos todos exercidos baixo o franquismo.

O presidente provincial do PP, Diego Calvo, visibelmente perplexo, considerou “inxustificable desde todos os puntos de vista” o acordo e prometeu pedir explicacións á alcaldesa. Calvo presumiu do legado político e da figura de Manuel Fraga. Porén, por moito que o PP poña en valor o seu éxito político e as súas maiorías absolutas, herdadas tras a paréntese do bipartito por Núñez Feijoo e Rueda, o certo é que resulta difícil disociar o Fraga postfranquista do exministro da ditadura. O mesmo exercicio de recoñecemento que o PP defende para o expresidente da Xunta é o que lle nega, por exemplo, a Bildu. Aceptar que unha figura política pode estar vinculada, en postos de certa responsabilidade, a un réxime ou organización incompatíbel cos valores democráticos e culpábel dun bo número de violacións de dereitos humanos, e que froito dun período de reflexión e da mudanza dos contextos pode evolucionar cara a posicións de homologación democrática, implica recoñecer que do outro lado do taboleiro puideron darse pasos en idéntico sentido. A moción de Cariño é un espello que pon os conservadores de fronte coas súas propias contradicións: é moi difícil repartir carnés de demócrata sen que alguén nolo reparta a nós. E resulta innegábel, tamén, que a de Manuel Fraga, coa súa maleta, non é unha figura de consenso nin na súa Galicia natal, onde provoca tanta adhesión no conservadorismo sociolóxico como rexeitamento entre as persoas progresistas.

Esta foi a semana, tamén, en que abriu o esperado tramo Melide-Palas de Rei da autovía A-54, a obra que debe conectar nalgún momento do século a capital autonómica coa provincial. A primeira pedra, no tramo que conecta o aeroporto de Lavacolla con Santiago de Compostela, colocouse nun afastado 1996. Dende aquela pasaron pola Moncloa catro presidentes de dous partidos distintos.  A precariedade deste anuncio vén marcada pola recomendación de que o tráfico pesado non utilice aínda a autoestrada porque o acceso require dunha viraxe no medio da vila de Melide que pode colapsar o tráfico. O resto da autoestrada funcionará, se os astros se conxuntan como é debido, antes de que remate este 2025.

Máis ao norte, as nubes espésanse sobre a política local da Coruña. A alcaldesa herculina, Inés Rey, vai someterse o próximo martes a unha cuestión de confianza. Faino despois de que o PP e o BNG tombasen co seu voto o proxecto de Orzamentos do goberno local socialista. Se a rexedora non consegue o voto positivo na moción, a oposición disporá dun mes para preparar unha moción de censura cun candidato alternativo, algo moi pouco probábel pois requeriría do concurso do PP e o BNG. En consecuencia, Inés Rey veríase refrendada no seu cargo e, o quid da questión, os orzamentos aprobados automaticamente.