A semana das narrativas ultra

| De sete a sete

Os efectos dos medios de comunicación encheron páxinas e páxinas de literatura académica. Con distintos enfoques segundo a época e outorgándolle, conforme se depuraba e facía máis complexo o marco de investigación, un rol máis ou menos acusado aos medios no desenvolvemento dunha opinión pública e dun estado de ánimo cidadán, o debate sobre o que a prensa, a radio e a televisión -e agora, por suposto, as redes sociais- fan de nós está lonxe de rematar. A xulgar por episodios como o vivido en Combarro durante a pasada semana, parece claro que os efectos mediáticos, especialmente os máis perversos, son notábeis. Só así pode entenderse que un bo grupo de veciños se mobilizase para lle devolver unha propiedade a unha sociedade de xestión de activos tóxicos. Ou, traducido á linguaxe -groseira- de boa parte da prensa local e/ou rexional, expulsar dous okupas dunha casa. As televisións e os xornais deixaron imaxes desta concienciada xuntanza cidadá, acompañada sempre polo alcalde, pero non tiveron demasiado interese -só contei unha honrosa excepción- en retirar o ofensivo anonimato, a cousificación mesmo, que emana da palabra “okupas”, para explicarnos como e por que unha parella de mediana idade decidiu entrar nunha vivenda que non era de ninguén, no sentido máis estrito desta afirmación, ante a falta de alternativas habitacionais. O marco punitivista responde a un primeiro impulso, e nunca procura as causas senón os castigos. O marco esixíbel ao xornalismo, o social, non é unha vara máxica que vaia solucionar todos os problemas nin explique todas as situacións -esta si-, pero ten a honestidade de furar na codia das cousas en busca das causas.

As televisións e os xornais deixaron imaxes desta concienciada xuntanza cidadá, acompañada sempre polo alcalde, pero non tiveron demasiado interese en retirar o ofensivo anonimato que emana da palabra “okupas”.

Encarnación e Antonio optaron por ocupar unha vivenda da Sareb -o famoso banco malo- ante a imposibilidade de escoller ningún outro teito. A veciñanza, esa mesma veciñanza que leva anos a recibir os peores presaxios sobre a ameaza okupa entre publicidade e publicidade de sistemas de alarma, recibiunos con inmediata hostilidade, e mobilizouse para expulsalos. Outro exemplo do divorcio entre a realidade e as percepcións, mediadas por un xornalismo cruel: o Consello Xeral do Poder Xudicial ten rexistrados 66 casos de ocupación en toda Galicia durante 2024, chegados a xulgados de primeira instancia. Pode haber máis, pero aínda aceptando que a cifra real sexa o dobre, significaría que en máis da metade dos concellos de Galicia, de media, non houbo un único caso. Lonxe parece desa enxurrada okupa que prometen na televisión. Encarnación e Antonio, en definitiva, non facían mal a ninguén.

O desafiuzamento, broche dun episodio de mal disimulada aporofobia, foi presidido polo alcalde de Poio, o popular Ángel Moldes. Non foi a única adhesión ás narrativas ultras que protagonizou o PPdG nunha semana que tamén viu ao deputado José Luis Ferro Iglesias afirmar, en comisión parlamentaria, que non constan mortos republicanos na Illa de San Simón durante os anos en que este lugar foi campo de concentración. Seis mil persoas, presos republicanos de toda adscrición, pasaron polo penal ao longo de sete anos. Segundo “Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra”, de Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure, só no ano 1941 foron 250 as persoas mortas na illa. Certo que vivimos nun tempo onde se cuestiona que Miguel Hernández fose vítima do franquismo porque a súa morte se debeu a unha doenza collida en prisión, como se a enfermidade non fose unha consecuencia do encarceramento. Con esta afirmación revisionista, o PP conseguiu outra vez afastar o foco do debate: o desenvolvemento en Galicia da Lei de Memoria Democrática. A chegada ao poder de Núñez Feijoo supuxo un apagamento da memoria de San Simón e a conversión da illa nun espazo onde se pode facer de todo menos falar do seu pasado.

A voltas coa sanidade

A Xunta encetou 2025 con enerxía. O primeiro Consello do ano serviu para dar a coñecer que o plan de revisión de baixas laborais mandou case 14.000 galegos de volta ao traballo sen que se garanta que houbo unha mellora na situación que propiciou a baixa. Dende o Goberno galego acúsase, por unha banda, aos médicos de ser demasiado xenerosos coas baixas por descoñecemento da normativa e, polo outro, recoñécese que existen lentitudes nas probas médicas. A solución é pór a lupa por riba do cidadán, especialmente nos momentos de maior vulnerabilidade, e prexulgar que 22.000 persoas non queren traballar.

É na cuestión sanitaria, novamente, onde as costuras dos gobernos conservadores son máis febles. Sesenta mil persoas encheron as rúas de Vigo o xoves 16 convocadas por SOS Sanidade Pública para denunciar os sobrecustos -negados unha e mil veces polo Goberno galego- do hospital Álvaro Cunqueiro e a falta de medios da área sanitaria. Os manifestantes lembraron que coa saúde non se xoga e volveron pór Vigo no mapa como a última aldea gala nun país tinguido de azul. Ao día seguinte, Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, puxo os “mantras ideolóxicos” por detrás da convocatoria. O debate público honesto continúa sendo unha utopía nesta fisterra.