A primeira semana de campaña chega á súa fin sen grandes sobresaltos. As eleccións europeas en Galicia máis parecen un barco á deriva en busca dunha praia onde sobordar mansamente. Contrasta coa situación europea, onde o ascenso da extrema dereita e a preocupante connivencia que nas últimas semanas amosan os conservadores -abertos a pactos coa ultradereita italiana ou española, aínda que non coa alemá- con organizacións como os Fratelli d’Italia de Giorgia Meloni ou a mesma Vox. Porén, neste cabo do mundo parece que nada afecta do que veña fóra. Ou, por dicilo ao xeito poético de Avilés de Taramancos, Galicia sempre chega tarde.

Son dous os sucesos que veñen quebrar un chisco esta calma da fisterra. Tres, se contarmos a manifestación de Altri que enseguida mereceu o eterno reproche de agochar unha “intencionalidade política” -xa saben que a política e o inferno sempre son os outros-. O primeiro foi un novo caso de programación a horas absurdas na TVG: o debate electoral cos partidos galegos emitiuse en rigoroso directo ás 10 da mañá dun luns. Non se sabe cal é a concepción na televisión pública sobre os horarios laborais e as rutinas diarias dos espectadores, pero resulta difícil pensar que se poida programar así un debate de boa fe.

O segundo feito, que ten máis de anécdota que o primeiro -pero sempre son as anécdotas as que máis chaman a atención- é a visita de Ursula Von der Leyen, candidata do Partido Popular Europeo, a Galicia. Este sábado, 1 de xuño, a alemá deixouse acompañar por Alberto Núñez Feijoo e Alfonso Rueda nunha visita á Catedral de Santiago de Compostela e, posteriormente, pola romaría do PP a pouca distancia, no concello do Pino. O importante músculo do PP galego, ben demostrado o pasado mes de febreiro, convida a facer do país unha escala na caravana europea aínda que só sexa para garantir unhas fotos concorridas. Se cadra Von der Leyen non o sabe, pero neste 6 de xuño pasea por un dos últimos lugares de Europa onde a extrema dereita nin está nin se espera. Oxalá marche coas pilas do ‘sentidiño’ cargadas.

O único punto de fricción dentro da dereita galega está na falla ourensá. Logo de catro anos de amores e desamores, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, conseguiu contra todo prognóstico mellorar resultados, rachar marcas e recuncar como rexedor. Desde entón pasou outro ano marcado polo seu particular estilo de goberno e o seu eficaz uso da tecnopolítica. No aniversario daquelas eleccións, os socialistas moven ficha e propoñen unha moción de censura para desaloxalo da alcaldía. O alcalde, que sabe que o importante é cabalgar sempre o titular e que os complementos directos duran pouco en política, deuse présa para formular a posibilidade dunha “alternativa á presidencia” da Deputación. Poucas expectativas de mudanza tanto no Concello como no Goberno provincial, pero Ourense leva anos sendo unha caixa de sorpresas.

A semana remata tamén coa derrota do combinado galego ante a selección de Panamá nun partido amistoso en Balaídos. O estadio de Vigo cheo ao 75% viu caer a irmandiña por 0-2. Malas datas para un partido, ao final da tempada, convocado con escasas semanas de antelación e a dúas semanas da Eurocopa. Por riba, parece que a propia Xunta se contraprogramaba colocando na mesma semana o masivo O Son do Camiño en Compostela co partido da selección en Vigo. Parece.