O Parlamento galego, que ten acubillado maiorías absolutas durante a maior parte da súa historia -non é cousa de pórse a comparar pero se cadra había que chamar aos do famoso libro Guiness- funciona decote en dous modos. As cousas saen para diante por consenso ou, como diría Pablo Iglesias en referencia á vaporosa toma dos ceos, por asalto. Isto é: ou o partido maioritario na cámara promove ou se suma a un amplo acordo, ou as leis e iniciativas saen de maneira unilateral. Un problema, na medida en que esta prolongada “liberdade de iniciativa” do Partido Popular esfarelou e desartellou algo que os nenos da autonomía xa nin coñecemos: a cultura do diálogo e do consenso parlamentares. O acontecido esta semana coa comisión de investigación sobre a contratación pública da Xunta no eido sanitario -a pandemia e os sobrecustos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo- é boa proba.

Malia as tentativas de acordo, finalmente o PP blindou ao seu actual líder estatal e expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, evitándolle o trago de ter que declarar nunha comisión na que si estarán Alfonso Rueda ou o exministro de Sanidade e hogano presidente da Generalitat de Catalunya, Salvador Illa. O PP para así o penalti que lle tirou o BNG cando puxo en marcha, en solitario e facendo valer o terzo da cámara que controla, esta comisión. É xa un indicio de por onde van ir os asuntos parlamentares nesta lexislatura 2024-2028. Queda finalmente en 39 o número de comparecentes, entre os que se atopan todos os conselleiros de Sanidade que houbo dende 2005 -xa saben que a melodía “a culpa é do bipartito” nunca abandonou San Caetano- e varios responsábeis de hoxe e de onte en Facenda.

O bloque monolítico que constitúe o PP na política galega, con todo, ás veces fai augas. Acaba de acontecer en Ourense, unha cidade cuxas dinámicas políticas teñen maior impacto no país do que ás veces semella baixo o primeiro foco. O apoio dos populares en pleno ás modificacións de crédito do alcalde Gonzalo Pérez Jácome -as desavinzas e reconciliacións entre PP e Democracia Ourensá merecen unha crónica de seu- está por tras da última deserción do grupo municipal dos conservadores. O concelleiro Miguel Michinel fixo pública a finais de semana a súa renuncia á acta, achacándoa a varios motivos que poden resumirse na submisión dos seus ao excéntrico Jácome, un alcalde afeito ao unilateralismo e cunha personalidade, no mellor dos casos, volcánica e imprevisíbel. O edil recoñécese frustrado pola situación e amosa o seu malestar pola forma de proceder de Jácome nos plenos: “interminábeis soliloquios, completamente baleiros de contidos, cando non repletos de falacias, que causan á vez rubor e estupefacción”. Está claro que, até o de agora, ao alcalde valeulle esa actitude para sobrevivir politicamente e esfarelar os seus inimigos.

Pero na Galicia que funciona, estes desencontros axiña se esquecen. O problema é cando as cousas deixan de funcionar. Un informe do ministerio de Sanidade sinala Galicia como a segunda autonomía con menos investimento en Atención Primaria, con menos de 12 euros de cada 100. Só Madrid está por diante nesta lista, nunha nova vitoria de Ayuso sobre Rueda. A noticia complétase coa denuncia pública do Colexio de Médicos de Pontevedra, que alerta de que a Xunta contrata médicos en atención primaria que non contan co preceptivo título de Medicina Familiar e Comunitaria.

Os bens de Meirás

Malas novas para os Franco. Un xulgado madrileño outórgalle a razón á Avogacía do Estado e considera que case 600 bens -mobles e documentos históricos- que se atopan dentro do pazo de Meirás son propiedade do Estado e non dos herdeiros do ditador. Un paso máis na necesaria, por hixiene democrática, restitución destes bens ao poder público, pero tamén unha mostra da anomalía que supón que faga falla medio século de democracia para comezar a cuestionar o labor de usurpación de bens que o ditador ferrolán e os seus achegados levaron a cabo.