A distopía climática galega

| De sete a sete

Di o coñecido e se cadra apócrifo aforismo que os chineses empregan a mesma palabra para dicir crise que para dicir oportunidade. Esa parece a filosofía por tras da estratexia turística que a Xunta vén de desenvolver na Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR. Galicia, refuxio climático. O Goberno autonómico prognostica unha suba das temperaturas medias máis baixa -levemente máis baixa- que a española como consecuencia da mudanza climática e, coa alegre resignación do oportunista, promete que nun mundo requecido Galicia será simplemente un pequeno paraíso mediterráneo.

Galicia era un oasis político e o seguinte paso lóxico é que o sexa climático. Como naquela novela de Darío Xohán Cabana onde a guerra nuclear daba paso a unha bucólica Galicia que trocaba Mad Max pola Comarca de Tolkien, O Cervo na Torre, os relatos apocalípticos para o mundo exterior parecen non virnos mal de todo.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático -si, ese é o título completo- Ángeles Vázquez asegurou neste escaparate turístico internacional que Galicia representa “calidade de vida” e que a Xunta aspira a identificala como un destino “amábel, sostíbel e saudábel”. A sustentabilidade dunha promoción turística que aspira a que Galicia empeore un pouco menos que o resto dunha aposta turística que pasa porque as condicións climáticas de Galicia se degraden un chisco menos que as do resto é polo menos discutíbel. E resultaría cómico, se non fose tan grave, que se presente un aumento de 0,2 graos anuais da temperatura media anual como unha noticia positiva porque está 0,05 graos por baixo da media española.

Sexa como for Galicia Refuxio Climático é xa unha marca oficial de turismo co que a Xunta aspira a pescar a visitantes dispostos a acreditar que Galicia xa non é, en palabras da exministra socialista Raquel Sánchez, “o país isolado e bretemoso que describía Valle-Inclán”.

Ruptura en Compostela

Onde a temperatura dificilmente podería subir máis é no grupo municipal compostelán do PSdG. O partido consumou a ruptura coa maior parte dos seus representantes na cámara municipal da capital galega. A Comisión Executiva Federal vén de expulsar con carácter provisorio a Mercedes Rosón, Milagros Castro e Marta Álvarez por non recoñecer como voceiro municipal a Gumersindo Guinarte, logo da expulsión da persoa que ostenta aínda este cargo, Gonzalo Muíños. Catro dos seis edís socialistas abandonan así a vinculación co partido, nunha guerra máis ou menos soterrada que se intensificou a partir do pasado mes de xuño cando o grupo municipal aprobou, malia o criterio do partido, aprobar a ordenanza de limitación de pisos turísticos impulsada polo Goberno local, do BNG con Compostela Aberta. Din as bocas avezadas na política local que por tras de todo está o desexo de colocar no Concello, correndo a lista, o actual secretario xeral santiagués, Aitor Bouza. As augas do Sar baixan bravas.