Tras os graves sucesos que se están vivindo nas Comunidades do País Valenciano, Castela a Mancha e Andalucía, a miña máxima solidariedade con todas as vítimas e cos miles e miles de afectados que está a haber e vai haber conforme pasen os días. Convén, tamén, aínda que haberá que facelo con máis profundidade, reflexionar sobre algunhas cuestións, como os sistemas da alerta temperá e a súa efectividade nos tempos actuais, sobre o quecemento global e a súa relación coa DINA que está a arrasar a varias comunidades autónomas, así como outros fenómenos meteorolóxicos extremos que con cada vez máis frecuencia están a darse e vanse a dar no conxunto do planeta Terra, sobre a desastrosa planificación urbanística que se fixo en non poucos lugares, e sobre a necesidade imperiosa da adaptación a unhas condicións novas de emerxencia climática nas que os mapas de risco de inundación deben ser a folla de roteiro, entre outras moitas cousas.
Haberá que esperar aos estudos de atribución, e neste sentido coñecer canto puido influír o cambio climático na situación que se está vivindo, ademais de ter en conta, segundo as declaracións realizadas por distintos expertos meteorólogos, que se trata dun dos peores temporais da historia, cunha zona de precipitación intensísima concentrada durante horas e horas no mesmo lugar. Con todo, tampouco se pode negar as evidencias, como que, por cada grao de quecemento, o aire pode conter un 6-7% máis de auga, que un mar cálido como é o Mediterráneo intensifica as DINAs, e que o cambio climático tradúcese en extremos: cando chove, chove, ou cando a seca fai que se perdan os cultivos e as colleitas. Adóitase falar de desastres naturais, de inundacións catastróficas e imprevisibles, cando do que hai que falar é de construcións catastróficas. Se se ocupan os dominios dos ríos ou do mar, tarde ou cedo, serán ocupadas polas augas. As crecidas son fenómenos naturais previsibles. É fundamental intensificar a prevención e mitigación dos seus impactos coa ordenación do territorio, asignación dos usos do solo compatibles coa inundación, con dar máis espazo ao leito do río a través das chamadas chairas de inundación, protexendo en primeiro lugar ás persoas e ao medio ambiente, ademais de reducir considerablemente os danos materiais. Unha primeira cuestión fundamental e básica é que non se produzan vítimas. Ese debe ser o obxectivo máis importante. Calquera vítima deberiamos considerala como un fracaso colectivo. Cada vez máis, distintos expertos expoñen a “retirada estratéxica” en determinados lugares. Esta postura, recollida no estudo “O caso do retiro climático estratéxico e xestionado” elaborado por un grupo de investigadores encabezados pola profesora da Universidade de Harvard A. R. Siders e publicado na revista ‘Science’, avoga por que as poboacións se retiren das áreas próximas ao río que foron ocupadas de maneira irreflexiva co boom inmobiliario. Para esta solución, que require dun proceso longo, habería que conseguir a máxima implicación dos políticos para cambiar a planificación urbanística e facela o máis harmónica coa natureza, e tamén da propia sociedade, sendo conscientes da situación en que vivimos.