O brutal acoso que está sufrindo Cuba por parte da administración Trump pon en evidencia a dobre vara de medir que aquela, e non poucos gobernos e medios en Occidente, utilizan en Centroamérica e o Caribe. Porque cabe preguntarse que ten de diferente, de contrario a un orde internacional baseado na democracia, a liberdade e o progreso social, Cuba do resto de países centroamericanos (Honduras, Nicaragua, O Salvador, Costa Rica, Haití,…)? Por caso as liberdades e a democracia están mais ameazadas? A situación social é máis crítica? Periga a orde internacional?
En relación ao primeiro podemos, por caso, acudir a información que non fai moitos días subministraba un medio de prestixio e tan pouco sospeitoso de simpatías castristas como The New York Times sobre a situación das liberdades e os dereitos humanos na república de O Salvador que conta con un réxime “amigo” da Administración Trump. Nese medio, un avogado salvadoreño, Louis Benavides, escribía: “Bukele di que os cárceres son para as bandas. Entón, por que encarcerou a miña esposa?” -a esposa de Benavides, Ruth López, foi detida polas autoridades salvadoreñas en maio do 2025-. “Ruth é avogada e dirixía a Unidade Anticorrupción e Xustiza de Cristosal, unha organización de dereitos humanos con sede en Centroamérica. Liderou a investigación sobre presuntos casos de corrupción, entre eles o uso indebido de fondos durante a pandemia e fraudes relacionados coa implantación de o bitcoin como moeda de curso legal en O Salvador. O seu traballo sempre foi meticuloso, legal e público. Ruth é amplamente coñecida en O Salvador e en círculos xurídicos internacionais. Hai dous anos a BBC a nomeou unha das 100 mulleres máis influentes do mundo”.
O sucedido a Ruth López non é un caso único en O Salvador, onde “se consolidou un modelo represivo marcado pola prolongación do estado de excepción. Continuaron as detencións masivas e arbitrarias, acompañadas de denuncias xeralizadas de tortura, mortes baixo custodia e desaparicións forzadas. O goberno continuou priorizando a seguridade punitiva nun contexto de aumento da pobreza extrema. Afondouse no peche do espazo cívico mediante a aprobación da Lei de Axentes Estranxeiros para fiscalizar a sancionar as organizacións sociais; reprimiuse a protesta social e criminalizouse ás persoas defensoras dos dereitos humanos e as voces críticas… O estado de excepción, prorrogado todo o ano, continuou fundamentando miles de detencións arbitrarias” (Aministía Internacional. El Salvador 2025). En marzo deste ano 2026 Donald Trump recibía no seu despacho da Casa Branca a Nayib Bukele, a quen chamou o “seu amigo” e de quen destacou “o traballo que realiza para transformar O Salvador” (sic).
Agora, se en materia de dereitos humanos e liberdades democráticas ampliamos o foco a toda Centroamérica podemos atoparnos con que “o uso arbitrario do sistema xudicial converteuse nunha ferramenta chave para consolidar proxectos autoritarios. Dende a aplicación desigual da lei hasta a criminalización da protesta e do periodismo, fiscais e xuíces erosionan garantías básicas. Normalizar estas prácticas poñen en risco a democracia e converten a xustiza nun instrumento de persecución política” (Ciclos de Actualización para Periodistas -CAP). Mais, “a rexión está vivindo unha degradación acelerada do Estado de dereito. Esa erosión non empeza con golpes militares nin con rupturas súbitas, senón con un proceso máis silencioso: o uso arbitrario do sistema xudicial como ferramenta de castigo político” (Juan Pappiert, subdirector para as Américas de Human Rights Watch).
Se ademais nos fixamos na situación social atopámonos con que “entre 2018 e 2022 dous millóns de persoas emigraron de Centroamérica. Economías precarias e desiguais, inseguridade, fenómenos naturais e falta de posibilidades de mellora no futuro propician a mobilidade humana na rexión… Moitas das dinámicas migratorias que vemos en Centroamérica son globais, sobre todo, a partir do debilitamento dos Estados nacionais en materia económica e democrática” (Manuel Orozco, Ciclos de Actualización para Periodistas -CAP-).
Nada disto se recolle na maioría dos medios de información e opinión occidentais que, a pesar diso, só mostran tremendamente críticos coa situación política e social en Cuba da que responsabilizan en exclusiva ao réxime castrista. Un posicionamento político e informativo que pon as claras que usan dúas varas de medir claramente diverxentes pero que coinciden cos intereses imperialistas da Administración estadounidense de colocar a Cuba como unha “excepción, unha anomalía” en Centroamérica.
Para rematar e con relación a situación en Cuba e a súa comparación con outros países de Centroamérica sinalar que segundo o PNUD (Plan das Nacións Unidas para o Desenrolo) hasta fai moi pouco (2023) Cuba polo seu IDH (0,762) lideraba, xunto a Panamá (0,839) e Costa Rica (0,833) o listado de países centroamericanos con maior nivel de desenvolvemento humano e social. Unha realidade que, hoxe en día, o criminal bloqueo estadounidense está esnaquizando.
Nun artigo anterior xa deixei en evidencia a miña opinión sobre a situación en Cuba o que me autoriza a subliñar que carece de credibilidade quen denuncia a situación na illa caribeña e se esquece do que sucede no resto de Centroamérica e o Caribe. Carece de credibilidade por que usa unha dobre vara de medir.





