Presunción de inocencia: principio polo que unha persoa deberá ser tratada como inocente até que haxa unha sentencia firme de culpabilidade. É un dos dereitos fundamentais garantidos na Declaración de Dereitos Humanos e da Constitución Española.
Sexa cal sexa a decisión final que tomen os maxistrados do Tribunal Supremo encargados do caso xa nada poderá impedir que o xuízo ao que foi sometido o Fiscal Xeral do Estado pase a historia como unha enorme infamia xudicial. Un xuízo que non pode acabar doutro xeito que recoñecendo a súa inocencia, porque o Fiscal Xeral do Estado non cometeu ningún delito. Máis aínda, nunca debeu ter sentado na cadeira dos acusados.
Porque ao Fiscal Xeral do Estado non se lle respectou a presunción de inocencia, senón que dende o primeiro momento foi tratado como culpable sen que houbera sentencia e sen sequera probas da súa culpabilidade, como se vería ao longo do xuízo. Como se puido comprobar, non hai nin unha soa proba de que o Fiscal Xeral tivera filtrado o correo do avogado do señor Alberto González Amador, onde este recoñecía que cometera fraude fiscal, nin tampouco de que dera ordes de parar a vía de negociación do acordo entre o defraudador confeso e a Fiscalía.
Para maior desconfianza non se permitiu que o xuizo fora público (Art. 120.1 de Constitución Española: “As actuacións xudiciais serán públicas, coas excepcións que prevean as leis de procedemento”), que a cidadanía puidera coñecer que era o que se estaba xulgando e cales eran os argumentos das partes. Claro que, como sinalaron destacados periodistas, con esta decisión o Tribunal Supremo impediu ampliar o bochorno que este xuízo provoca. Por outra parte non debera sorprender esta decisión se se ten en conta que o maxistrado instrutor, o señor Angel Hurtado, fíxose famoso, entre outros casos, pola súa oposición a que se vinculara ao Partido Popular (PP) coa trama Gürtel. Ao non ser público tamén se evitou que a cidadanía coñecera o papel que nesta trama está desempeñando a Fiscalía Superior da Comunidade de Madrid, por medio de a señora Almudena Lastra, quen todo parece indicar foi quen realmente filtrou aos medios a nota do avogado defensor do defraudador confeso.
Tamén se evitou que puideramos coñecer os argumentos do responsable xefe da unidade operativa da UCO xustificando a súa impresentable e antidemocrática actuación -avalada polo xuíz Hurtado!- tanto nas formas e os modos á hora de “rexistrar” o despacho do Fiscal Xeral, como de apropiarse dos seus teléfonos móbeis, co conseguinte risco que supón que información tan sensible poida caer en mans indebidas. Claro que a xustificación de por que centraron a investigación só no Fiscal cando foron miles de persoas as que puideron ter acceso ao famoso correo rozou o esperpento e o insulto á intelixencia cidadán.
Se o xuízo fora público tamén teríamos a posibilidade de coñecer até onde pode chegar o cinismo e a desvergoña do Xefe de Gabinete da Presidenta da Comunidade de Madrid, o señor Miguel Angel Rodríguez. Un cidadán a quen se lle paga con fondos públicos, capaz de mentir -non cometeu o citado cidadán un “delito de calumnia” no xuízo?- cunha enorme facilidade así como de ter unha inmensa capacidade para inventar bulos e mentiras sen poñerse encarnado. Xunto á citada capacidade do señor M.A.R. para mentir e montar bulos tamén quedou en evidencia a complicidade dalgúns medios, como por caso El Mundo, capaz de publicar un bulo -que fora a Fiscalía quen ofrecera o pacto de conformidade que posteriormente retiraría por “ordes de arriba- sen logo desmentilo.
Tamén coñeceríamos a actuación no xuízo do Colexio de Avogados de Madrid, soprendente testemuña da acusación que ao través do seu Presidente afirmaría que a publicación do correo do avogado, no que recoñecía o delito e solicitaba un acordo coa Fiscalía, lesionaba os dereitos de defensa do defraudador confeso.
Finalmente poderiamos ver que actuación tivo o propio Tribunal en relación ás distintas testemuñas e avogados segundo foran a prol ou en contra do acusado, a pesar das claras diferencias nos argumentos. Lémbrese, por caso, o trato que se lle dou aos periodistas que declararon ter coñecemento do famoso correo moito antes que o Fiscal Xeral, testemuño que desmontaba toda a trama.
Todo este teatro político-mediático-xudicial perfectamente montado contra o Fiscal Xeral do Estado cos actores citados anteriormente e amparado, nada máis e nada menos, que polo Tribunal Supremo, susténtase nun suposto delito -”revelación de segredos”- do que non había probas antes do xuízo nin aparecerían logo no transcurso do mesmo, polo que, se o principio xuridico citado ao principio -”a presunción de inocencia”- ten validez no Estado español, non cabe outra que recoñecer que o “acusado” non cometeu o delito do que se lle acusa. polo que debe ser absolto. O contrario sería un escándalo máis que sumar a un Poder xudicial que, por mor da actuación de non poucos maxistrados, non ten a credibilidade e a confianza cidadán que sería mester nun estado democrático. Unha realidade que forma parte dos déficits democráticos que agocha o Estado español.





