Nas últimas semanas prolifera un argumento que se repite con insistencia nas análises xeopolíticas e financeiras sobre os efectos da guerra en Oriente Medio: o peche do estreito de Ormuz provocaría a maior crise económica da historia contemporánea.
Para sostelo, recórrese a unha comparación aparentemente contundente. En 1973, a retirada de arredor do 7-8% da subministración mundial de petróleo abondou para desencadear unha crise económica global. Por tanto, se hoxe o peche de Ormuz retirase entre o 15% e o 20% do petróleo mundial -ademais dunha parte substancial do comercio de gas natural licuado-, as consecuencias serían necesariamente máis graves.
A primeira vista, o argumento parece lóxico. En realidade, é conceptualmente equivocado. Confunde o detonante dunha crise coa súa causa. E ese erro conduce a conclusións profundamente enganosas.
O embargo petrolífero de 1973 foi un detonante importante. Pero hai tempo que sabemos que non foi a causa profunda da crise que transformou a economía mundial naquela década. A narrativa dominante simplificou tanto os feitos que rematou por deformalos.
O chamado modelo fordista -baseado en incrementos sostidos de produtividade, expansión do consumo de masas, uso intensivo de recursos naturais e crecemento paralelo de salarios e produción- empezou a atopar límites a finais dos anos sesenta.
Tras a guerra do Yom Kippur daquel ano, varios países exportadores de petróleo reduciron a súa produción e limitaron as exportacións aos países occidentais. O resultado foi -como sinalei- unha redución de aproximadamente o 7-8% da subministración mundial durante varios meses. Os prezos do petróleo multiplicáronse e moitas economías desenvolvidas entraron en recesión. A partir de aí instalouse un fenómeno que ata entón parecía incompatible coa teoría macroeconómica dominante -a combinación simultánea de inflación elevada e estancamento económico, coñecida posteriormente como estanflación-.
Con todo, se se examina o contexto económico previo no que iso se produciu, resulta evidente que os problemas e a gran crise que tivo lugar xa se estaban xestando antes do shock petrolífero.
A comezos dos anos setenta, o sistema económico internacional atravesaba tensións estruturais profundas.
O modelo industrial da posguerra estaba esgotado. O chamado modelo fordista -baseado en incrementos sostidos de produtividade, expansión do consumo de masas, uso intensivo de recursos naturais e crecemento paralelo de salarios e produción- empezou a atopar límites a finais dos anos sesenta. A produtividade desacelerábase, os mercados saturábanse e a presión salarial aumentaba, erosionando a rendibilidade empresarial.
Ao mesmo tempo, o sistema monetario de Bretton Woods descompoñíase. Os Estados Unidos acumulaban déficits crecentes, o dólar perdía estabilidade e en 1971 abandonouse a convertibilidade en ouro, inaugurando unha fase de desorde financeira internacional. A inflación xa estaba en marcha. O equilibrio produtivo quebrábase.
O petróleo actuou como amplificador. Non creou a crise; fíxoa visible e acelerouna.
E, xunto a iso, abríase unha fenda aínda máis profunda: a do consenso social. O pleno emprego (aínda que maioritariamente só masculino) e o consumo de masas funcionaran como mecanismos de lexitimación do sistema. Pero ese equilibrio empezaba a tensarse por conflitos laborais, sociais e políticos crecentes, nun contexto no que ademais existía unha alternativa sistémica real no bloque socialista. Non se xestaba só unha crise económica, senón unha crise de equilibrio do propio sistema.
Nese contexto, o petróleo actuou como amplificador. Non creou a crise; fíxoa visible e acelerouna. Intensificou a inflación, freou o crecemento e forzou unha reconfiguración do capitalismo que xa estaba en marcha.
Por iso, utilizar 1973 como referencia para anticipar o impacto de Ormuz carece de base analítica rigorosa. A magnitude do shock enerxético importa, pero non é o factor decisivo. O determinante é a estrutura do sistema que o recibe.
E esa estrutura hoxe é moi distinta.
A economía mundial é menos dependente do petróleo. O sistema enerxético está máis diversificado. Existen reservas estratéxicas, mercados máis flexibles e unha produción máis distribuída xeograficamente. Ademais, a economía é hoxe menos intensiva en enerxía: xera máis valor con menor consumo relativo.
E, sobre todo, hai unha diferenza aínda máis decisiva, e rara vez sinalada. Nos anos setenta estaba en xogo a propia estabilidade do sistema económico. Ademais de estar esgotándose o modelo no que se baseaba, sufría unha presión enorme e simultánea desde tres principais frontes: conflitos socioeconómicos internos, movementos de liberación nacional e a competencia sistémica do bloque soviético. O capitalismo non só enfrontaba tensións económicas, senón unha ameaza real á súa lexitimidade e ao seu modelo de organización.
Hoxe, en cambio, o panorama é distinto. O sistema presenta fisuras evidentes -vulnerabilidade financeira, endebedamento masivo, desigualdade crecente, tensións xeopolíticas, cambio climático-, pero o poder económico está máis concentrado ca nunca e non existe unha alternativa sistémica clara. Non estamos ante unha crise de lexitimación comparable, senón ante un proceso de reconfiguración dentro do propio sistema que presenta un singular paradoxo: esa concentración do poder faimo máis estable, pero as condicións sobre as que descansa e a fan posible convérteno en extraordinariamente fráxil, nun sistema practicamente insostible.
A lección histórica é clara. As grandes crises non adoitan ter unha causa única. Son o resultado de tensións acumuladas que rematan manifestándose a través dun detonante visible.
Nada disto implica que un peche do estreito de Ormuz non tería efectos graves. Teríaos, por suposto. Provocaría subidas intensas de prezos, tensións inflacionistas, crises alimentarias e perturbacións significativas, especialmente en economías dependentes de importacións enerxéticas.
Pero creo que dar por feito que ese shock provocaría automaticamente unha crise maior que a dos anos setenta é unha extrapolación mecánica. E equivocada.
A lección histórica é clara. As grandes crises non adoitan ter unha causa única. Son o resultado de tensións acumuladas que rematan manifestándose a través dun detonante visible. En 1973, ese detonante foi o petróleo. Pero as raíces da crise estaban en transformacións moito máis profundas.
Se hoxe se producise un shock enerxético de gran magnitude, o seu impacto dependería menos do petróleo en si mesmo que das fraxilidades estruturais do sistema actual que mencionei e que veño sinalando nos meus últimos libros e artigos: débeda, finaciarización extrema, fragmentación xeopolítica, transición tecnolóxica acelerada e crise climática.
Por iso, centrar a análise exclusivamente no estreito de Ormuz é un grave erro de enfoque. Non porque non importe, senón porque non é o esencial nin o que pode provocar que a crise que se desencadee sexa letal.
A estratexia das elites económicas e políticas tras a crise dos anos setenta consistiu, en boa medida, en consolidar unha interpretación que confundise o shock enerxético de 1973 coa crise estrutural do capitalismo. Mentres centraban a atención do resto da sociedade no petróleo e nos prezos, non se enganaron a si mesmas e dedicáronse a impoñer as políticas neoliberais que permitiron recompoñer a rendibilidade e reforzar a estrutura do sistema.
Deixarse confundir de novo sería aínda máis perigoso. O que agora está en xogo xa non é só a estabilidade dun modelo económico, senón a capacidade de todas as nosas sociedades para facer fronte a crises de alcance sistémico -desde a financeira ata a climática- das que depende, en última instancia, a propia sustentabilidade da vida no planeta.
Tradución ao galego do orixinal en castelán publicado no blog de Juan Torres





