O mercado eléctrico ten varios problemas de fondo. De entrada non é un mercado competitivo porque a oferta (xeradores) e a demanda (comercializadores) son uns poucos, e os mesmos, grupos oligopólicos. En segundo lugar, ten unha dimensión xigantesca (por caso o reino de España) que impide facer unha xestión resiliente fronte aos riscos de colapso. O terceiro, é que os mesmos que veñen dominando o complexo fósil-nuclear están a dominar as fontes renovables (hidráulica, eólica e solar). Para conxugar estes problemas existe un xestor da rede (Rede Eléctrica Española-Redeia, público nun 20% e privado no 80% restante) que debe encaixar oferta e demanda para uns prezos marxinalistas pero subordinado a lóxica do beneficio. Só con estes tres problemas a suposta “man invisible” destes axentes pode favorecer situacións de alto risco social, ambiental e económico. E é por iso que só un xestor cento por cento público con operadores públicos e a unha escala de menor tamaño pode evitar eses riscos.
Con este precedentes paso a relacionar algúns feitos -recentes ou inmediatos- vencellados ao shock eléctrico total do pasado luns na península ibérica.
No pasado mes de febreiro REE-Redeia advertía aos inversores do risco de que a retirada de xeración firme como carbón, ciclo combinado e nuclear (por regulacións de descarbonización e calendario de peche nuclear) supuña unha maior ameaza de apagón eléctrico, textualmente “implica una reducción de la potencia firme y las capacidades de balance del sistema eléctrico, así como su fortaleza e inercia”.
Compre sinalar que coincidindo con estes diagnósticos o tandem Feijoo/Abascal vén reclamando que o aporte fósil-nuclear se reconsidere e se axuste a parámetros trumpistas. O ministro francés da enerxía tamén se gaba de que un sistema forte no nuclear é máis resiliente.

Fonte: REE [ampliar gráfica]

Fonte: HuffingtonPost [Ampliar gráfica]
Mesmo reivindican en pleno colapso que fronte ao transporte colectivo electrificado (metro, tren) é preferible o privado con fósiles (atascos masivos disculpados, e colapso climático tamén). Menos se chega a discutir o xigantismo da rede eléctrica ou as megaconcentracións urbanas como Madrid e Barcelona asociadas a centrais nucleares.
E aos que, como en Galicia, podíamos ter todo o consumo doméstico cuberto con hidráulica nun subsistema propio, quédanos cara de parvos. Porque quen nos goberna é a man invisible dos Naturgy, Iberdrola ou Endesa pastoreados por REE-Redeia.





