As autoridades occidentais (Estados Unidos, Unión Europea) non paran de avisarnos aos cidadáns de que China, agora co apoio de Rusia (e poida que da India), quere conquistar o mundo. Que a chamada “nova ruta da seda” non é mais que unha versión actual da antiga longa marcha do camarada Mao Tse Tung coa que, agora baixo o liderado de Xi Jinping, China quere lograr a vella aspiración comunista de seren hexemónicos a nivel mundial.
En realidade esta “nova ruta da seda”, creada no ano 2015, consiste basicamente nun proxecto faraónico de grandes investimentos no estranxeiro cos que China, os seus grandes bancos e empresas, quere dar saída a enorme masa de capital acumulado grazas aos seus continuados e moi elevados superávits comerciais. Unha iniciativa expansiva que moitos países do Sur global, faltos de capital e decepcionados cos comportamentos dos organismos financeiros internacionais occidentais (FMI, BM) acollen favorablemente. Moito máis cando as condicións impostas por China resultan moito máis favorables para estes países pois non lle obrigan a que, por caso, teñan que aplicar “plans de axuste estrutural” que levaron a acumular enormes débedas soberanas e dispararon aínda máis as desigualdades,
Unhas actuacións coas que China, ao contrario do que aseguran os Estados Unidos e os seus aliados (Unión Europea), non busca derrubar o actual sistema mundial capitalista senón resituarse no mesmo agora como potencia imperial. Como unha potencia capaz de discutirlle o liderado aos Estados Unidos unha vez que a Unión Europea non é quen de competir e adopta unha posición cada vez máis subordinada ao Imperio estadounidense. Un resituarse na economía mundial que cando se trata dunha primeira potencia comercial, fai que se movan todos os marcos e que incluso por parte dos Estados Unidos se cuestionen as regras anteriormente fixadas que lle serviran para consolidarse como primeira potencia mundial.
Un cuestionamento que parte da evidencia de que esas regras neoliberais lle están servindo a China para discutir a vella orde e a hexemonía estadounidense. Velaí que poidamos asistir ao paradoxo de que aqueles que impuxeron o neoliberalismo aproveitando a caída do muro de Berlín e o derrube dos réximes de Europa do Leste, Rusia incluída, empecen agora a renegar do mesmo e dos seus principios básicos: liberalización, privatización, desregulación. Non vaia ser, por caso, que a cabalo deste marco neoliberal iniciativas como “a nova ruta da seda” se convirtan en pasarelas polas que China avance ao liderado mundial.
Neste escenario internacional, a pregunta que nos podemos facer e a de se é posible que tal cousa suceda dentro dun sistema creado por e para o beneficio do imperio estadounidense. As dúbidas son razoables polo que non resulta doado avanzar un prognóstico, pero o que si parece seguro é que os marcos internacionais se moven, o que está obrigando a mudar as estratexias e as alianzas. Velaí, por caso, o crecente aliñamento (“asociación estratéxica) da Unión Europea con os Estados Unidos e o de Rusia, e outros países relevantes (India?) con China. Aliñamentos que, contra o que afirma moita propaganda occidental, é de maior subordinación ao respectivo Imperio no caso de Occidente que no de Oriente.