Catalunya: cando o pacto é imprescindible

Moito se ten falado sobre Cataluña, moitas veces desde o cliché ou a análise interesada. O relato construído ao redor do acontecido a última década neste país de acollida ten condicionado a capacidade dos diferentes actores políticos para arribar a acordos. A fin do oasis catalán deu lugar ao procés. E daquel procés naceu o postprocés. Unha etapa presidida por unha dobre condición: os pactos non son naturais e, ao tempo, son imprescindíbeis para gobernar.

Cataluña só tivo dúas pequenas etapas de gobernos ocupados por unha soa forza política. A primeira experiencia foi de xuño de 2015 a xaneiro de 2016, cando Unió Democràtica rompeu a federación con Convergència. A segunda etapa desas características foi a comprendida entre outubro de 2022 e a actualidade, despois de que Junts decidira abandonar o goberno de coalición con Esquerra Republicana. O goberno de Pere Aragonès, polo tanto, arrincou a súa andaina co apoio na investidura das forzas independentistas (Junts e a CUP) e sacou adiante dous orzamentos co apoio dos socialistas e dos comúns. A centralidade ideolóxica de Esquerra permitiulle culminar a lexislatura –co President en exercicio na lexislatura máis aproveitada desde a época de José Montilla-. Un exemplo de estabilidade pero tamén da condición necesaria para predominar dentro do sistema político catalán: ter con quen pactar.

En calquera sistema parlamentario o gañador é aquel que consegue unha maioría suficiente para encabezar o goberno. Sábeo ben Núñez Feijóo, que despois de anos de maiorías absolutas en Galiza sucumbiu diante da coalición de partidos disposta a dar o seu apoio a Pedro Sánchez na investidura; Junts incluído. O caso catalán, desde hai anos, vén confirmándose como un exemplo de normalidade europea; cun Parlament altamente fragmentado que fai máis difícil articular maiorías políticas sen o concurso dun mínimo de dúas ou tres forzas políticas. Durante os tripartits, os seus detractores criticaban precisamente a participación de ata cinco forzas políticas (o PSC, a plataforma Ciutadans pel Canvi, Esquerra Republicana, Iniciativa per Catalunya Verds e Esquerda Unida e Alternativa). Unha sopa de siglas reflexo do alto grado de fragmentación do sistema político catalán. A última maioría absoluta nunhas eleccións autonómicas catalás data de marzo de 1992, cando Jordi Pujol acadou 70 escanos. E, como comentaba antes, CiU era unha coalición preelectoral formada por dúas forzas políticas. Nunca máis se repetiría tal circunstancia, tampouco cando no 2015 Convergència e ERC uniron forzas baixo o paraugas de Junts pel Sí.

Quen é o gañador deste 12M?

O carácter parlamentario do sistema político catalán maniféstase na dificultade que en moitas ocasións teñen os candidatos máis votados para encabezar unha alternativa de goberno. No 2021 a forza que recibiu máis votos foron os socialistas de Salvador Illa, que non foron capaces de sumar apoios suficientes; o mesmo que xa lle pasara en 2017 a Inés Arrimadas. Do mesmo xeito, o cabeza de lista de Junts pel Sí (2015) foi Raül Romeva, aínda que o candidato á presidencia desta coalición era, a priori, Artur Mas. Finalmente, quen recadou o apoio da Candidatura d’Unitat Popular para ser investido foi Carles Puigdemont. Polo tanto, temos que remontarnos ao ano 2012 para recordar un pacto estándar, no que o candidato máis votado sumou un apoio externo (Artur Mas, co apoio de ERC) para sacar a súa investidura adiante. O peso da aritmética parlamentaria é capital no contexto catalán.

Aínda así, o resultado acadado este 2024 polo Partit dels Socialistes é explícito. Impúxose de xeito claro, cun 27,94% dos votos e 42 escanos. Unha vitoria en porcentaxe e en representantes escollidos que non tivera nin Pasqual Maragall. A causa é evidente: o alto nivel de fragmentación. O PSC conseguiu, non só a vitoria, senón tamén un resultado suficiente como para bloquear unha posible investidura alternativa. Puigdemont non é capaz de sumar con ninguén, tampouco coa coalición independentista que impuxo a súa hexemonía en Cataluña desde o ano 2012.

Salvador Illa liderará as conversas para formar un goberno en coalición. A aritmética é sinxela: ten tres opcións para conseguir acceder ao Palau da Generalitat. A primeira opción, improbable, a de artellar de novo un tripartito de forzas de esquerdas, acompañado de ERC e Comuns-Sumar. A segunda opción, tamén facilmente descartable, que Puigdemont vote favorablemente á investidura do candidato socialista. En terceiro lugar, un escenario residual: contar co voto favorable do Partido Popular e dos Comuns, pero tamén coa abstención da forza de ultradereita VOX. Ese esquema permitiríalle a Salvador Illa evitar unha repetición electoral e acceder á Presidencia da Generalitat en segunda votación, onde só é precisa unha maioría simple dos votos.

A vantaxe aritmética de Salvador Illa, polo tanto, non lle garante unha investidura. Os mellores negociadores do carrer Pallars terán que adicarse a fondo, como xa fixeran para levar a Jaume Collboni á alcaldía de Barcelona en maio de 2023.

____

A versión completa deste artigo publicarase no número de xuño de Tempos Novos e simultaneamente en Tempos Dixital. Visita a nosa tenda e coñece todas as opcións de subscrición para poder lelo.