Xenocidio

A maior asociación académica mundial de expertos en xenocidio chegou á conclusión de que “as políticas e accións de Israel en Gaza cumpren coa definición legal establecida no artigo 2 da Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio”. Constitúen crimes de guerra e crimes de lesa humanidade conforme ao dereito internacional humanitario e ao Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional. Por iso mantén este alto tribunal ordes de arresto contra Netanyahu e o seu ministro de Defensa. A comisión independente da ONU que segue a escalada de ocupación israelí tamén o ratifica. E por vez primeira, unha organización israelí, a ONG B’Tselem, levanta a voz para acusar da súa intención xenocida ao goberno e ao exército do seu país “expresada tanto nos feitos como nas declaracións públicas dos seus máis altos cargos”. 

Con case 70.000 palestinos asasinados, 19.000 deles nenos e nenas, e con 150.000 máis feridos ou mutilados, facendo ademais da fame e da carencia de medicinas armas de guerra nun calendario de destrucción que acabou co 90 por cento das infraestruturas e con forzosos desprazamentos masivos da poboación, non cabe outra interpretación: o que se está materializando en Gaza é unha cruel e eficacísima operación de limpeza étnica. Que Núñez Feijóo o negue seguindo as instrucións de Aznar e do lobby sionista da Castellana que mantén con este último e coa madrileña Ayuso unha relación de intereses, deixa o seu liderado e a súa catadura moral polo chan.  

O recoñecemento do Estado Palestino por 155 países aumenta a presión sobre Israel para que, en chegando o hostigamento da comunidade internacional ao límite, e con Trump en modo pragmático, se vexa forzada a negociar cun interlocutor lexítimo oposto a Hamás. 

Tamén Bruxelas se resiste a abandonar a súa equidistancia, que veu xustificando co argumentado dereito de defensa israelí contra Hamás e a súa criminal acción terrorista do 7 de outubro. E para non verse comprometida co que comportaría legalmente acusar a Israel de xenocidio, a Comisión presidida pola conservadora Úrsula Von der Leyen ignora eses pronunciamentos amparándose en que os tribunais internacionais aínda non adoptaron unha decisión ao respecto. Por caso, o cesamento da transferencia de armas e outros equipos militares entre os países membros e Israel, tal como recomenda a Convención sobre o xenocidio de 1948. Ou a garantía de que empresas, organismos e persoas deses países non participarán en nada que puidera contribuír a soster xenocidios coma o que se está executando en Gaza contra o pobo palestino.  

O aliñamento de Bruxelas con Trump, o principal e decisivo avalista de Netanyahu, supeditou a razón humanitaria que está na base do dereito internacional ao medo. E tiveron que encherse de indignación popular as rúas europeas, multiplicando cada día que pasa o seu eco solidario e acusador, para que a Comisión acordara unha descafeinada proposta sancionadora con medidas comerciais de moi escaso impacto. A mesma razón pola que Francia, Gran Bretaña e Portugal decidisen sumarse a España, Irlanda e Noruega recoñecendo o Estado Palestino, como xa o fan tamén outros 149 países do mundo. Un paso na boa dirección. Porque aumenta a presión sobre Israel para que, en chegando o hostigamento da comunidade internacional ao límite, e con Trump en modo pragmático, se vexa forzada a negociar cun interlocutor lexítimo oposto a Hamás. Que se dean esas condicións vai depender da capacidade de presión que acade a marea mundial de mobilizacións para que os seus gobernos, incluído o dos EE.UU., paren o xenocidio botando man das recomendacións sancionadoras ás que se comprometeron os seus respectivos países cando asinaron a Convención do 48.  

Cal interlocutor? Despexar esa interrogante é o que a día de hoxe parece depender de cal da tres vías diplomáticas en competición acabe triunfando. A da iniciativa que Francia e Arabia Saudita impulsan desde hai tempo para que esa interlocución estea nucleada por unha Autoridade Palestina, parece quedar superada pola da chamada declaración de Nova Iorque, asumida pola ONU, que propón para  un período de doce meses un goberno provisional de tecnócratas, coa obriga de traspasarlle despois o poder a unha AP reformada, cunha constitución revisada e tras a elección dun presidente e dun Parlamento. A terceira das vías é a que quere patrocinar Trump: un goberno internacional de transición para cinco anos e presidido polo ex premier británico Tony Blair.  

A impronta política da proposta neoiorquina que concertaron 140 países choca coa que parece depositar na reconstrución da Franxa de Gaza, e no negocio que iso comporta, a súa principal razón de ser. Repárese se non no período de transición, todo un lustro antes de que a gobernación dese Estado Palestino recaia á fin en mans palestinas. E tamén no que suxire manter á fronte dese executivo internacional a un polémico líder británico que está baixo sospeita polo seu papel na guerra de Irak e pola súa participación en proxectos inmobiliarios nos que converxe canda recoñecidos lobbys israelís, que sempre se manifestaron coma el contrarios á solución dos dous Estados. 

Unha alternativa esta última un tanto rocambolesca, si, pero que nin Netanyahu nin Hamás estarían en condicións de rexeitar de plano. Con Trump abandeirando a operación paz por territorios, e controlando o tránsito entre a economía do xenocidio (como a denominou a relatora especial de Nacións Unidas para os territorios palestinos ocupados) e a economía da reconstrucción, ao goberno de Israel non lle quedaría outra que aproveitar para negociar vendendo moi cara a interrupción do seu ben deseñado plan de limpeza étnica.  

Porén, todo está por ver. ‘Vivimos momentos escuros’, como denuncian 43 premios Nobel e unha vintena de mandatarios políticos, entre eles o español Pedro Sánchez. Son tempos de polarización política e de inestabilidade global, coa democracia en descomposición. No xenocidio que o goberno e o exército israelí está executando en Gaza cristaliza como en ningún outro conflito esa gangrena destrutiva. Que ten no trumpismo o seu máis imprescindible aliado. Empoderar a opinión pública, nas rúas e nos escenarios, nas tertulias audiovisuais e no acontecer deportivo, nas universidades e nos auditorios educativos…,é o mellor dos antídotos contra tanta crueldade e tanta complicidade interesada.