Que o historial do caso Epstein chegase a nós con trinta anos de atraso non ten outra explicación que a dunha ben cebada omertá. Confírmana os documentos revelados, por imposición legal, polo Departamento de Xustiza estadounidense. Escravitude sexual, violacións, desaparicións forzadas, torturas, feminicidios…, entran no arrepiante sumario de delitos atribuídos aos integrantes dunha rede transnacional que, tendo por enlace ao multimillonario e pedófilo Jeffrey Epstein, estivo sempre sostida por diñeiro, complicidades e silencios comprados. Os expertos da ONU non dubidan en cualificalos de crimes contra a humanidade, dos que foron vítimas varios centos de mulleres e nenas menores de idade. Máis de 1.200 identificadas nos tres millóns de arquivos publicados até agora. E todo fai pensar que aínda quedan moitos por exhumar.
De quedármonos na descrición dun poderoso depredador sexual, disociándoo do entorno no que se movía, o que o historiador canadiano Quinn Slobodian define como capitalismo da apocalipse, dariámoslle gas ao que todo iso ten de diabólico, pero restaríaselle valor ao que ten ligazón coas forzas que promoven o colapso normativo do mundo e adoptan para iso un código de conduta criminal disfrazado de ideoloxía. Comprobada a magnitude do fenómeno a través dos documentos desclasificados ata o de agora, custa moito non ver detrás da confluencia de personaxes, escenarios e rituais algo escuro na maneira en que unha parte importante das elites occidentais entenden o poder: como licenza para mercar corpos, conciencias, vontades e silencios.
Só cando as filtracións documentais revelan a medias, e a contagotas, ese vademecum de intereses financeiros, de negocio, depravación, chantaxe, complicidade política e xudicial, empezan a removerse as augas putrefactas e todos os implicados temen pola súa reputación.
O que fixo Epstein, contando coa súa socia e principal colaboradora Ghislaine Maxwell, foi aproveitar ese entorno para conformar un sistema de complicidades múltiples (financeiras, xeopolíticas, sociais, científicas e mesmo culturais) que, á parte de garantirlle a impunidade que precisaba como criminal convicto, o acreditasen en nome de todos eles como forxador dunha nova realidade na que os poderosos impoñan o seu credo e fabriquen a súa verdade, sempre á marxe da legalidade e dos valores que salvagardan a dignidade das persoas. E deu coas teclas para artellar ese entramado de vicio e poder que, de non ser polo manto de encubrimento que lle aplican o trumpismo e aquelas corporacións mediáticas e dixitais que esas mesmas elites manexan co mando a distancia, estaría facendo que ardese o mundo. Ninguén se tiña atrevido a abrir a caixa dos tronos por un fenómeno desa natureza.
Nin sequera cando a denuncia dunha menor no 2008 o leva ao cárcere e queda exposta a escarnio público a súa condición de pederasta. Temendo que o magnate se revolva destapando a podremia das elites con nomes e apelidos, os poderes do Estado deciden taponar esa vía asinando con el a fiscalía un acordo de non persecución penal (NPA) a cambio de recoñecer delitos menores. Con ese acordo non só se libra de ter que ir a un xuízo federal por tráfico sexual de nenas menores. Tamén comporta, en consecuencia, unha amplísima inmunidade para posibles cómplices (WTF). É dicir, non só se protexe ao abusador, senón tamén ao sistema que o sostivo. Desde entón, calquera intento de abrir causas penais choca con tres muros: un acordo eticamente obsceno pero legal, delitos prescritos, e un sistema que esixe probas case imposibles cando o principal acusado está morto, como é o caso.
Vicio e poder integran a simbiose que mellor alimenta a nova aristocracia mundial que aspiran a crear. A que Epstein asume e representa. Nunha comunicación con Steve Bannon, o estratega político de extrema dereita que asesorou a Donald Trump e conspirou mesmo contra o papa Francisco, o propio Epstein confesa o monstro que o habita: “Como o gato Schcrôdinger, son un home deplorábel e ao tempo un membro da elite ata que alguén abra a caixa”. Deica agora ninguén se atrevera a tanto, malia que os seus delitos foron por décadas un segredo a voces, figurando ademais desde 2006 no rexistro de delincuentes sexuais en Nova Iorque. E só cando as filtracións documentais revelan a medias, e a contagotas, ese vademecum de intereses financeiros, de negocio, depravación, chantaxe, complicidade política e xudicial, empezan a removerse as augas putrefactas e todos os implicados temen pola súa reputación.
Velaí a razón da depuración silenciosa de líderes nalgunhas das máis importantes empresas de Wall Street que aparecen nos documentos como asociados ou vinculados a Epstein. E moi especialmente, á inversa do que sucede con Trump en EE.UU. -que está pillado ata as orellas como amigo e acompañante en viaxes a bordo do avión privado do pederasta-, os procesos que se abren en Europa contra personalidades da realeza e da política que aparecen nos arquivos divulgados en novembro pasado. Entre as primeiras, o ex príncipe Andrés e a súa esposa Sarah Ferguson no Reino Unido, así como a princesa Matte-Marit en Noruega. A listaxe de líderes políticos involucrados é longa. A subliñar o ex ministro laborista e ex embaixador inglés en EE.UU, Peter Mandelson, agora arrestado por filtrarlle ao financeiro información sensíbel do goberno británico; o ex primeiro ministro noruegués Thorbjorn Jagland, que intentou suicidarse hai poucos días; o diplomático francés Fabrice Aidan e o tamén diplomático noruegués Terje Roed-Larsen, un dos habituais no apartamento que Epstein posuía en París, quedando tamén tocado o ex ministro socialista de Cultura Jack Lang; o dúas veces ministro de Exteriores eslovaco Miroslav Lajcak; ou os Aznar, fillo e xenro Agag incluídos, aos que comprometen dous sospeitosos envíos a Moncloa e FAES e o pago dunha viaxe nunca explicada do daquela presidente a Nova Iorque.
“Es o diaño?”, pregúntalle o magnate e ideólogo ultra Steve Bannon a Epstein. “Non, pero son un bo espello”, respóstalle o pedófilo e bróker do poder. Recorrer ao sobrenatural diabólico para explicar a magnitude da argamasa de vicio e poder que ten como arquitecto a un único actor, é o máis fácil. O difícil é perforala ata descubrir nela as distintas pero interconectadas capas ou dimensións que a conforman. Non só a criminal, que é a que pon en evidencia a podremia moral, a decadencia interna e a depravación que reside no círculo dos ricos e poderosos do mundo occidental. Tamén a xeopolítica, na que Epstein se move como peixe na auga aproveitando as crises e os conflitos globais, ofrecéndose como asesor de confianza das grandes corporacións estadounidenses e como un potente inversor nas industrias emerxentes de medio mundo, as tecnolóxicas en xeral e as da vixilancia (tendo ao ex primeiro ministro israelí Ehud Barac de enlace) en particular. Iso si, comprometido cos postulados do trumpismo máis reaccionario, en sintonía co obxectivo distópico que o dúo Steve Bannon/Peter Thiel mantén activado a través do movemento MAGA.
Aínda quedan arquivos e descubertas por coñecer -a de saber, por caso, o que deparará a investigación que as autoridades aztecas ordenaron levar a cabo nos terreos do rancho que o financeiro construíra no deserto de Nuevo México-. Porén, o xa coñecido pon os pelos de punta.





