Volve Rueda ao escenario do crime -o secuestro ao que el e Feijóo veñen sometendo tanto os medios públicos como a lei que os tería que liberar das súas gadoupas-, e en vez de aplicar os protocolos para a reconstrución científica do delito, como vemos en calquera das series nórdicas de éxito, ordena que os seus fontaneiros amañen e contaminen o terreo, eliminando para a súa nova lei calquera rastro democratizador precedente.  

De saír adiante, os medios que conforman a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) quedarían baixo o control directo dun director xeral que faga voto de obediencia partidaria. Tanto no día a día, coa TVG e a Radio Galega ao servizo da axenda política do PP, como na toma de decisións, nun Consello de Administración conformado maioritariamente por adeptos á causa, que aseguren estratexicamente a súa doma e castración. Botando man da disposición adicional segunda, o goberno de Rueda podería prescindir da maioría reforzada do Parlamento que se estipula no articulado, para impoñer cos únicos votos do seu partido ao candidato que lle facilite manexar durante toda a lexislatura o mando a distancia. Lembrarlle a fórmula dun concurso público de méritos para a gobernanza (Consello de Administración e Dirección Xeral) dos medios galegos, tal e como sucede na BBC e tamén en RTVE -neste caso, temporalmente abortada-, verao como unha declaración de guerra. Pero sería a máis garantista.  

Nun exercicio de funambulismo da peor especie, á vez que renega das mordazas coas que réximes autoritarios atan en curto as liberdades de expresión, de información e medios, copia deles e fai tábula rasa de todo canto un réxime democrático prevé para impedilo. Empezando pola demandada regulación dos medios públicos de comunicación, que na lei do 2011 asumira a existencia de instrumentos de mediación e control profesional que o seu anteproxecto reformador elimina agora dun plumazo. Nunca chegaran a ter vida, porque os gobernos de Feijóo dos que el formou parte mantívoos conxelados, pero cando menos eran -e aínda son- un estandarte reivindicado polos que protagonizan os Venres negros contra a manipulación informativa e por uns poucos (moi escasos) actores sociais. En concreto: un Consello de Informativos e un Estatuto Profesional na redacción. Contra o que recomendan o Tratado de Ámsterdam (en vigor desde 1999), o informe do grupo de Alto Nivel sobre a Política Audiovisual (asumido pola Comisión no ano 2000), o Informe sobre Pluralismo e Liberdade de Medios de Comunicación (ano 2017) e a lei de Liberdade de Medios (2024), entre outros, o anteproxecto galego prescinde de todas as salvagardas profesionais coas que conseguir o obxectivo democrático de facer operativo o dereito que a cidadanía ten a comunicar e recibir información veraz. Desprezo que tamén queda de manifesto na composición que prevé o texto lexislativo para o Consello Asesor. 

Faino, ademais, retorcendo o argumentario co que tenta xustificar ese despropósito, ese atentado. Porque se ben a súa anunciada reforma se fixo inevitable ao ter que aplicar os cambios que se viñeron producindo na normativa da UE, o seu anteproxecto de lei para a gobernanza e o funcionamento da CRTVG incumpre de maneira flagrante o que o Parlamento de Estrasburgo aprobou, con só os votos en contra do neofascismo, na súa European Media Freedon Act, a lei que ten por finalidade salvagardar o pluralismo e a independencia dos medios nos diferentes estados da Unión. 

Con razón o lexislador europeo se amosa especialmente preocupado “polas reformas lexislativas” destinadas a aumentar “o control dos medios públicos”. Tamén polo que respecta “ao nomeamento das persoas que exerzan a dirección do consello de administración, ou o dos seus compoñentes”. E aínda precisa máis: os estados membros están obrigados a garantir que os medios públicos sexan “independentes desde o punto de vista editorial e funcional, e ofrezan dun modo imparcial unha pluralidade de informacións e opinións ás súas audiencias, de conformidade co seu mandato de servizo público”. Máis claro, auga.  

Rueda proponse seguir violando dereitos e regulamentos de obrigado cumprimento, adaptando a proxectada e contestada reforma (con manifestos en contra de todo o sector audiovisual, o Colexio de Xornalistas, a Mesa pola Normalización…) aos estándares de calquera lei mordaza, liquidadora de dereitos. Outro alumno avantaxado de Iribarne, aquel ex ministro franquista ao que Felipe González tanto contribuíra a rehabilitar, primeiro, e a recolocar na Xunta, despois, que en véndose necesitado de coraza pública, bota man das técnicas de desinformación e censura que con tanto éxito aplicara na ditadura, e dá un golpe de listas negras en San Marcos, asegurando con ese colchón mediático -que reforzou corrompendo con diñeiro público a prensa do país- o seu interregno político. Unha estratexia antidemocrática e politicamente perversa que -cómpre dicilo ben alto- os do bipartito de esquerdas non se atreveron a desmantelar, poñéndollo a Feijóo e aos sucesivos gobernos do PP como se di vulgarmente a huevo non só para reeditala, tamén para institucionalizala. 

Rueda é así mesmo un alumno avantaxado do seu amigo M. Rajoy quen, aos poucos días de sentar na Moncloa, botou por terra mediante un decreto (que o TC derrogou cinco anos despois por inconstitucional) o empeño democratizador que puxera Zapatero en desgobernamentalizar e despartidizar os medios da CRTVE. Cun dano colateral, o de matar de vez o proxecto de creación dunha autoridade estatal de vixilancia e control que tiña o seu asentamento na lei do Audiovisual aprobada no 2010. Outra cafrada que axiña copiarían Feijóo -conxelando a creación do Consello audiovisual que ordenaba a lei galega de medios públicos- e agora Rueda -ignorándoo no texto deste anteproxecto reformador-. Fai tamén nisto oídos xordos ao mandato comunitario de teren que aportar os Estados representantes das súas respectivas autoridades mediáticas para a composición dun organismo de vixilancia previsto no articulado da lei europea de medios. 

Rueda volve, pois, ao escenario do crime. Con nocturnidade (fixo de agosto o periodo de alegacións) e alevosía. Cun único obxectivo: converter os nosos medios públicos nunha demoledora TeleRueda. Nun instrumento que gangrena a democracia. Impedilo a tempo non só é necesario. É imperativo.