A rexeneración

Unha milonga máis. Feijóo desprezou así no Congreso o que moitos demócratas vimos demandando desde hai anos: a imperiosa necesidade de rexenerar a democracia. Para unha vez que alguén se atreve a poñela na axenda do Estado, vai o líder das dereitas españolas e, revestíndose de gaucho, dálle a ese desiderátum un sonoro corte de mangas. Como se non fosen tamén con el, co seu partido e cos seus respectivos gobernos (en Galicia e en Madrid) as cambadelas que entalan nesta hora de sobresaltos (tecnocomunicativos e parapolíticos) a democracia.

Non teñen, é certo, a exclusiva nesa deriva que con tanto ardor perseguen os patróns do neoliberalismo, pero son os que máis a viñeron musculando, e encabezan por iso o catálogo de atropelos dexenerativos. Ese que nos anos do marianismo acumulou gürteles de corrupción, colleitou lawfares de xuíces amigos, coleccionou as sentenzas coas que saciar a sede de vinganza contra os independentistas do Procés, rexistrou as peores cotas de manipulación nos medios públicos de comunicación -coa TVG encabezando o ranking-, acolleu a restra de damnificados pola lei Mordaza, almacenou os escándalos da policía patriótica que (en sintonía co máis granado do nacionalismo mediático español) comandaron un tal M. Rajoy e o ministro do Interior Fdez. Díaz co obxectivo de espiar e eliminar adversarios políticos, ademais de anotar un récord no tempo utilizado para manter secuestrada unha institución tan medular como a do Poder Xudicial e para instrumentalizar o Senado con fins espúreos.

Lonxe de botar balóns fóra poñendo o peso da culpa exclusivamente na balanza do tan manoseado sanchismo, ben faría Feijóo en desactivar as mil e unha minas que seguen ameazando a democracia e a convivencia. Como? Colocando o pé no acelerador do plan de rexeneración democrática que Sánchez apenas programou ao ralentí o pasado 27 de xullo. 

Deses e outros moitos pos, o enlamado actual. Estámolo vendo na apoteose coa que as cúpulas da xudicatura exhiben a súa condición de conmilitóns políticos na guerra sucia que as dereitas (políticas, económicas, mediáticas) libran, utilizando todo tipo de atallos, para facerse co poder. Por iso, lonxe de botar balóns fóra poñendo o peso da culpa exclusivamente na balanza do tan manoseado sanchismo, ben faría o líder político das dereitas en desactivar nesa braña as mil e unha minas que seguen ameazando a democracia e a convivencia. Como? Colocando o pé no acelerador do plan de rexeneración democrática que Pedro Sánchez apenas programou ao ralentí cando o presentou no Congreso o pasado 27 de xullo. Aínda que iso comporte recoñecer o pecado cometido por el e polos seus nese inmediato pasado. Porque sen o aval de demócrata a tempo completo e non só en modo estacional, como adoita facer desde que iniciou o seu periplo de vida pública e converteu Galicia nun laboratorio experimental en prácticas autoritarias e compañías de pésima reputación, malamente pode expulsar do poder ás esquerdas e gañar a pulso a bitola presidencial.

Cando Sánchez regresou do seu famoso retiro espiritual comprometéndose a facer un “punto e aparte” na súa acción de gobernante, botamos de menos a concreción dunha axenda que fose máis alá de librar unha batalla contra os bulos. Con ser esa unha preocupación medular se a ligamos a todo un entramado de causas que colonizan o noso sistema de comunicación/medios e o xornalismo, focalizar o obxectivo exclusivamente nos bulos podería parecer que ao presidente só lle preocupa a cadea de infundios que as dereitas converteron na argamasa contra el e a súa esposa. Neste mesmo espazo editorial apuntabamos daquela como vías imprescindibles de rexeneración democrática a democratización a fondo da Xustiza, darlle o finiquito á lei Mordaza por ser liquidadora de dereitos, e unha lei de Medios que garanta o dereito da cidadanía a unha información veraz.

Ninguén se atreve a negar a existencia do lawfare, que ten nos xuíces Peinado e Aguirre a dous dos seus últimos e teimados soldados. E detrás do historial de incursións xudiciais nos procesos de decantación política descubrimos a significados representantes dos máis altos tribunais. Sen que se albisque para os vindeiros anos -e moito menos despois do pacto polo que PP e PSOE se repartiron os vogais do Consello do Poder Xudicial- a remuda que se considera imprescindible para desclasalos, pluralizalos e independizalos. Por caso, poñendo en marcha un novo sistema de acceso á carreira xudicial. Pero nada diso preanunciou na súa última comparecencia parlamentaria o presidente español, curtocircuitado sen dúbida pola sinatura nas vésperas dese pacto. Pasou de largo por iso e pola tan demandada derrogación da lei Mordaza, que acentúa as eivas antidemocráticas da contestada lei Corcuera.

Que dicir a respecto da regulación do convulso sector da comunicación e dos medios, para o que Sánchez non apuntou outra cousa que a toma en consideración das medidas que xa foran acordadas na UE, que serán de obrigado cumprimento no Estado a partir do mes de agosto do 2025? Que ese é o camiño. Porque, aínda que teña detractores que se agarran ao consabido ‘a mellor lei de prensa é a que non existe’ -un apósito decimonónico-, nos tempos actuais non hai outra alternativa coa que garantir o dereito que ten a cidadanía a comunicar e recibir información veraz.

Por máis que Internet faga viable sen apenas restricións o poder e o dereito a comunicar información, a garantía da veracidade non a terá o cidadán sen contar cuns medios de comunicación e cun xornalismo que se rexan, por enriba de intereses empresariais e/ou corporativos, por unha ética e unha deontoloxía profesionais.  Sen un marco regulatorio, todo o que se move nese macrosector seguirá indo en dirección contraria. Os xigantes tecnolóxicos que dominan o espazo de Internet fan circular ininterrompidamente información como se dunha simple mercadoría se tratase. Non como un ben público que é. Sen que os poderes institucionais e políticos fixeran nada até agora por regular esa nova orde global sostida polos contravalores da desinformación e a mentira.

Por iso recibimos con gozosa esperanza a lei europea para a liberdade dos medios e contra a desinformación, con artigos que mandatan a transparencia empresarial, financeira e publicitaria dos medios, a independencia e autonomía profesional dos entes audiovisuais públicos (ollo con Rueda, que prefabrica outra lei mordaza contra os medios da CRTVG), e tamén a creación dun organismo independente de control que vixile o seu cumprimento. Porén, non abonda con asumila sen máis, como fixo Sánchez. Cómpre complementar esa normativa mediante unha específica proposta de lei que contemple todo o que singulariza como problema o sistema de comunicación e mediático español (e galego).

Non se escude, pois, Feijóo na milonga que lle atribúen a Sánchez para quedar ben e non botar gota a prol dunha democracia de calidade. Ten por onde entrarlle. Se non o fai é porque non quere -agora si-. Nin el, nin as dereitas que o tutelan.