Vímolo en directo. A bispa episcopaliana de Nova Iorque meteulle a Donald Trump o dedo nun ollo reclamándolle misericordia cos gais, lesbianas e nenos trans. Bandeiras da cultura woke que ordenou combater. E o papa Francisco recordoulle nunha carta os dereitos dos migrantes. Bufou contra a que o sermoneou na catedral, e reaccionou contra o pontífice nomeando embaixador seu no Vaticano a Brian Burch, un dos fundadores do grupo ultra CatholicVote, que o acusa de gobernar a igrexa ‘cun patrón de vinganza’. Non parece senón que o republicano teña nas igrexas, e de maneira especialmente significativa na católica, a súa principal oposición ideolóxica. Coa que xa se atopara durante o seu primeiro mandato na Casa Branca. As relacións foron bastante tormentosas. Steve Bannon, o seu colaborador de cabeceira, fixera piña co ex nuncio Viganó, excomulgado posteriormente por negar a lexitimidade papal, para acusar ao pontífice arxentino de complicidade cos lobbies da Axenda 2030, a loita contra o cambio climático e a apertura ao colectivo LGTBIQ+.
Aproveitar que o pontificado de Francisco encara a recta final para desacreditar o seu legado e asegurar nun próximo cónclave a elección dun papa conservador, é o que explica as acometidas que vén sufrindo por parte dos que o teólogo Juan José Tamayo describe formando parte da internacional do odio e a alianza cristofascista.
Un papa woke. Vírono e veno así non só cantos agora desafían desde os santuarios do poder (político, económico, financeiro) o actual ecosistema internacional. Tamén os grupos que, como se puido constatar en Maryland na Conferencia Conservadora de Acción Política, conforman unha envalentonada internacional ultra, con Trump e a súa troupe á cabeza. Contando para a cruzada ideolóxica -unha batalla cultural reaccionaria que patrocinan, promoven e expanden de norte a sur- cos movementos conservadores e integristas que aniñan dentro da igrexa católica. Sorprendéraos no 2013 a elección de Jorge Bergoglio, que chegaba para poñer orde na desorde plagada de escándalos que acabou coa non menos sorprendente dimisión de Benedicto XVI. Pero, ben mirado, o reformista católico accedía ao pontificado en sintonía coa traxectoria da década. Malia os retrocesos provocados pola elección de Trump e o referéndum do Bréxit, dábanse fenómenos que facían pensar nunha marcha progresista cara adiante. Eis, por caso, a legalización do matrimonio gai e o aborto por referéndum en Irlanda, a marcha das mulleres e o movemento Me Too, o axuste de contas racial do Black Lives Matter norteamericano…
Unha temperatura ambiente que cambiou radicalmente. Desde os anos da pandemia, e coas guerras de Ucraína e Gaza tensionando o calendario xeopolítico, a tendencia que prima no mundo véñena marcando as grandes superestruturas de poder (tecnolóxico, económico, político) en aberta confrontación ideolóxica coa que predominou ata entón. O momento propicio para o sorpaso. Con éxito. Con Trump de novo na Casa Branca, e cos amos tecnolóxicos do mundo guionizando a súa estratexia de ocupación do espazo público, dentro e fóra dos EE.UU., a avanzada ultra e de connotacións fascistas estase afianzando. Calquera forma de contestación virá pois acompañada dunha inevitable reacción conservadora. Incluída a que ten nas encíclicas, nos documentos e nas declaracións do papa Francisco un evidente impacto entre os 1.200 millóns de seguidores que a igrexa católica ten no mundo. Aproveitar que o seu pontificado encara a recta final para desacreditar o seu legado e asegurar nun próximo cónclave a elección dun papa conservador, é o que explica por iso as acometidas que vén sufrindo por parte dos que o teólogo Juan José Tamayo describe formando parte da internacional do odio e a alianza cristofascista.
Non é que o reformismo do que Santiago Abascal chama despectivamente ciudadano Bergoglio entrase facendo estragos no sancta santorum do catolicismo. Por máis que os seus opositores eclesiástios, que teñen no cardeal alemán Gerhard Ludwig Müller ao seu principal portavoz, o tachen de herexe, Francisco nunca traspasou a delgada liña doutrinal que delimita e afianza a natureza da fe apostólica. Non sobordou o establecido en relación co matrimonio home/muller, o diaconado feminino, o celibato sacerdotal e a homosexualidade, Si que impulsou que eses e outros temas pendientes entrasen a debate na axenda da asamblea sinodal, na que por vez primeira participaron medio cento de mulleres, enfrontándose por iso a un intento de boicot capitaneado por cinco cardeais pata negra (o estadounidense Burke, o alemán Brandmüller, o mexicano Sandoval, o guineano Sarah e o chinés Zen). O cardeal Rouco Varela e cantos por ser maioría lle deron a presidencia da Conferencia episcopal española ao conservador Luís Argüello están tamén, soto voce, nesa sintonía. A resistencia a asumir, como esixiu o papa, responsabilidades polo sumatorio de abusos sexuais en centros relixiosos ten nesa dirección ultraconservadora a súa razón de ser.
O cardenalato que Francisco ten en contra cuestiona abertamente as súas reformas -a da Curia vaticana, entre as máis polémicas-, a profundidade do seu pensamento teolóxico ou a apertura a outras relixións, pero tamén os seus documentos e as súas reflexións políticas e sociais. “Os temas centrais da igrexa non deberían ser o cambio climático, a política migratoria, os postos de poder dos laicos, senón o Evanxeo de Xesús”. Müller dixit, nun conciliábulo ultracatólico montado en Madrid pola Asociación Católica de Propagandistas. Nese substrato temático, ao que é preciso sumar o cuestionamento claro da orde económica dominante -a do neoliberalismo puro e duro-, o grito contra o xenocidio (sic) perpetrado por Israel en Gaza, o reclamo a prol dunha vía de negociación que deteña a guerra en Ucraína, a denuncia contra a xentrificación das cidades e a crise da vivenda, ou que chama paradigma tecnocrático, converxen eses eclesiásticos cos que fóra da igrexa fan de todo iso negocio, explotación e desigualdade. A vitoria de Trump, e a súa entente cos movementos ultras do mundo nesa cruzada antiwokista e reaccionaria, acelera esa involución. Velaí o da alianza cristofascista á que se refire o teólogo Tamayo.
Retomar o control do trono de San Pedro é para os urdidores desa pérfida alianza un imperativo. Fracasados até agora os intentos de aproveitar o desgaste físico do arxentino para forzar a súa renuncia, todos se aprestan a abrir de maneira abrupta o melón do seguinte cónclave. Teñen a favor o climax conservador que anestesia conciencias e vontades progresistas. E teñen en contra, cando menos de entrada, a composición internacional (con máis de 70 países representados) e maioritaria do colexio cardenalicio, un oitenta por cento dos votantes nombrados por Francisco. Así que, como na narración cinematográfica dese thriller político/relixioso, Cónclave, que se proxecta actualmente nas pantallas de todo o mundo, preparémonos para un tempo de tensa conspiración cristofascista. Que eficacia vai ter esta operación Vaticano? Ninguén o sabe. Hai demasiadas variables involucradas, e faise difícil predicila. Iso si, as condicións ambientais amóldanlles o camiño aos conspiradores.