Na gala do Audiovisual, o berro contra a macrocelulosa que Altri e Greenalia queren chantar na Ulloa rompeu o muro de contención que veu facendo da TVG un aliado de Rueda e da pasteira lusa na campaña que montaron, e seguen pagando, para desacreditar e criminalizar aos milleiros de cidadáns que denuncian ese atropelo. Sen pretendelo, porque nada se escoitou nesa dirección, metéronlle un sonoro gol ao mellor instrumento que teñen o goberno e o PP para impoñer, neste caso e noutros moitos, un relato adulterado, por mendaz, inxurioso e paifoco. Cousas do directo. Nun momento máis que oportuno. Na véspera, lexitimaran cunha lei ad hoc o último dos asaltos aos nosos medios públicos. Así que nada como ese clamor cívico na noite dos premios para demostrar desde dentro o que uns medios públicos non amordazados poden dar de si cando, coma neste caso, unha parte moi sensible do territorio está en risco de ser colonizada.
Unha dobre mostra de autoritarismo e desprezo dos valores que vitalizan a democracia. Porque o voto electoral maioritario non amnistía actitudes e procedementos que, aínda non sendo ilegais, desbordan os principios constitutivos dunha democracia. Na nova lei de medios públicos, que incumpre dolosamente o mandatado pola Lei de Liberdade de Medios europea -entrará en vigor o vindeiro 8 de agosto-, o goberno de Rueda e o partido que o sostén desenganchan a TVG e a RG do tren institucional e privatízanas na práctica. Na teimosía en darlle á multinacional portuguesa carta branca para facer da comarca da Ulloa un estercoleiro industrial, e en aparearse con ela nunha embaucadora estratexia que ten por obxectivo acorralar, comprar e silenciar a discrepancia social, sobrepasaron todos os límites da racionalidade política e da decencia democrática. Unha cousa é defender un modelo de sociedade e de país no que a lóxica económica, e industrial, a convirten na medida de todas as políticas, e outra ben diferente é a de poñela en práctica pola brava, sen consensos e de costas a canto científica, social e culturalmente demanda non sometelo todo a esa lóxica. Sobre todo se, como sucede na propulsión que do proxecto macrocelulósico fan a Xunta e a empresa, aparte de reactivar un modelo industrial depredador e insostible, se utilizan técnicas de camuflaxe, engano e estres administrativo para impoñelo.
O goberno de Rueda banaliza e criminaliza canda o PP as mobilizacións sociais que os acorralan, temendo que esa marea cívica acabe reproducindo os efectos que tivera para Fraga Iribarne e o partido a do Prestige.
En efecto, o proxecto naceu envolto en vestimentas de camuflaxe. A de Palas de Rei ía ser unha planta de fibras téxtiles. De lyocell, máis en concreto. A alternativa ideal, segundo se publicitou, porque a súa produción non xera os altos niveis de contaminación que se lle atribúen á das fibras de poliéster e algodón. Os discursos de Feijóo e do CEO José Soares converxeron desde un primeiro momento nas bondades dunha factoría milagre. Argallando un argumenta río/ensalada a base de posibilidade, innovación, economía circular, centos de empregos e fixación de poboación no rural, que a prensa amiga e os medios de San Marcos fixeron seu a cegas, amoldaron a opinión pública e disiparon sospeitas nas bancadas da oposición.
Con esa cantinela chegaron ás eleccións do 2024. Delas saíu non só a maioría absoluta do PP, tamén o verdadeiro plan GAMA. O complexo industrial ocuparía unha parcela de máis de 300 hectáreas no corazón xeográfico do país, en Palas de Rei, e aparte das 200.000 toneladas de fibra téxtil por ano, está deseñado para producir 400.000 toneladas de celulosa. Unha macrocelulosa dez veces maior que a de Ence e insaciable consumidora de madeira de eucalipto nesa mesma proporción. Esa era a axenda oculta que Rueda/PP e Altri/Greenalia concertaran para que a bomba non detonara na campaña electoral. Confirmouno o que veu despois: a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico, privilexiando a súa tramitación administrativa, e a de Impacto Ambiental, que o adecenta para darlle o ok político definitivo. Nada de impacto hidrográfico no embalse de Portodemouros, no río Ulla e na ría de Arousa onde desemboca. Nada de impacto sobre os valores do territorio, nin sobre os sectores agrarios, gandeiros, turísticos e mariñeiros. Os técnicos/funcionarios que o referendaron ás ordes da directora xeral que asinou esa DIA e do subdirector que agora ten garantida unha praza fixa na administración, contradin así aos máis acreditados científicos e expertos universitarios que ven nese órdago unha demostrable ameaza. Non só contra ese entorno socioecolóxico e habitacional no que milleiros de persoas teñen o seu medio de vida. Tamén para o país no seu conxunto. Entre outras cousas, porque acabaría convertido nun eucaliptal.
Que a empresa condicione a instalación desta megaindustria depredadora e contaminante ao diñeiro público da Next Generation é o único que queda fóra dese conciliábulo especulativo e autoritario. Por iso tanto a pasteira coma os seus cómplices políticos e mediáticos redobran agora as liñas de ataque. Os empresarios lusos seguen propagandeando a mentira dun macroproxecto industrial e medioambientalmente modélico dedicado á produción de fibras téxtiles (unha publirreportaxe a toda páxina en El País para contrarrestar a multitudinaria manifestación en contra na Pobra do Caramiñal, da que ese mesmo día daba conta ese diario con foto de portada). O goberno de Rueda banaliza e criminaliza canda o PP as mobilizacións sociais que os acorralan, temendo que esa marea cívica acabe reproducindo os efectos que tivera para Fraga Iribarne e o partido a do Prestige.
Non as teñen todas consigo. Víronse sorprendidos polo clamor popular que a Plataforma Ulloa Viva soubo activar contra ese macroproxecto, ignorando que se por algo ten dado o callo en todos estes anos de democracia a sociedade galega é pola defensa do seu territorio e a salvagarda do seu medio natural. Sempre que tentaron darlle por lebre de progreso e felicidade medioambiental o que non era se non o gato dunha industria porca. Por se acaso, o dirixente da multinacional, José Soares, non volveu dicir “non facemos inversión onde as comunidades non as queren”. E non parece que botando man á desesperada de grotescas etiquetas (a do comunismo do século XXI empregada pola conselleira Lorenzana para deslexitimar aos milleiros de manifestantes é para nota) vaian poder paralizar Rueda e os seus esa marea cívica que a dirixente Paula Prado desprezou con mala fe reducíndoa a un alboroto da esquerda.
Malia que non o televise a TVG nin a prensa bien pagá o leve ás súas portadas, ese alboroto cívico, transversal e plural, ten coma no Prestige un inevitable poder de influencia e decisión. Cos informes de científicos independentes en contra e con medio país gritando Altri non, a axenda que ocultan os do conciliábulo nunca debería pasar polo fielato europeo onde se deciden as Next Generation. Acabará sendo a macrocelulosa de Palas o Prestige de Rueda?