A zona gris. Velaí a razón de ser da crise humanitaria, social e política en Ceuta. O espazo onde un Estado, o marroquí neste caso, busca obter vantaxes xeopolíticas substanciais utilizando medios non militares (ciberataques, desinformación, presión económica, fluxos migratorios forzados), manténdose sempre por debaixo do umbral que xustificaría unha resposta armada ou unha declaración formal de guerra. Marrocos estaría instrumentalizando persoas e colectivos vulnerábeis para arrancarlle á democracia liberal española concesións políticas e económicas que non conseguiría doutra maneira.

Unha mirada polo retrovisor, no que sobresaen os desmarques litixiosos para naturalizar o control do Sáhara Occidental, convida a pensar que ese é o modus operandi do réxime autoritario que personaliza Mohamed VI. Sucedeu no 2021, cando de golpe irrompiron en Ceuta uns dez mil marroquís. E tamén agora, coa deixación intencionada do control fronteirizo por parte da xendarmería, que se saldou os días 30 e 31 de xullo nunha alarmante avalancha migratoria. Máis de 75.000 persoas, duplicando en cuestión de horas a poboación da cidade autónoma. De non terse producido de inmediato o retorno voluntario a Marrocos da maior parte delas, unha vez que se percataron de que foran vítimas dun engaño masivo, ese sorpresivo e estrepitoso asalto levaríanos a darlle pábulo ao mantra dunha invasión, planificada e executada co obxectivo de prefabricar unha nova soberanía para Ceuta, esa aspiración nunca desactivada. Pero non.

A crise diplomática que alentan as dereitas non aportaría seguridade. Entrarían en recesión as bases socio-económicas actuais de Ceuta e Melilla. Rabat endurecería a súa posición nunha previsíbel negociación dos términos de cooperación en materia de seguridade e terrorismo, comercio e inversión española, abastecemento de gas licuado, fosfatos e enerxías verdes.

Desta vez, o modus operandi marroquí en busca de concesións, ora políticas ora económicas, que tan ben lles saíra hai cinco anos -a renuncia de España en 2022 a seguir defendendo o dereito de autodeterminación para o Sáhara Occidental- fóiselles das mans. Porque ao flexibilizar a saída desordenada de migrantes, e dar esta última nunha incontrolábel avalancha transfronteiriza, se ben forzaron algo que ese seu xogo político contempla -dividir internamente ao adversario, desgastar as súas institucións e meterlle presión ao goberno de Sánchez-, as autoridades marroquís tamén probaron da súa propia medicina. O réxime quedou panza arriba, desacreditado e máis debilitado ca antes: mentres o rei discurseaba na anual Festa do Trono reafirmando o seu legado de “seguridade, estabilidade e funcionamento institucional”, un exército civil conformado por milleiros e milleiros de desesperados e desarmados súbditos desertaba e fuxía denunciando a pobreza e a ausencia de dereitos no seu reino. Moitos deles a nado, perecendo 142 no intento (dos que xa ninguén se acorda), agarrándose a unha sentenza do Supremo que lles garantía quedar a salvo dunha devolución en quente. Axiña derivou ese asalto nunha crise humanitaria. Para os que se negaron a retornar voluntariamente, a cidade ceutí acabou convertíndose nun cárcere ao aire libre.

Dous meses máis tarde, ao tempo que o goberno progresista de Sánchez se afana en reparar o que a súa inicial neglixencia política deixara empezoñar, as dereitas non soltan a presa supeditando o estado de dereito (e por iso obvian a realidade dunha crise humanitaria) á razón de Estado. Marrocos violou a soberanía española, afirman, e todo o que non sexa expulsar de inmediato a todos os migrantes, menores incluídos, é causa de traizón. Un discurso que calou maioritariamente na sociedade española, e provocou na ceutí un clímax de desarborado racismo en rúas, praias e prazas contra os migrantes (atacando incluso a quen, como é o caso das ONGs, os socorren dándolles comida e auxilio sanitario) que pese a todo seguen renegando de Marrocos e mantendo a esperanza de transitar cara Europa. Debaixo das soflamas nacionalistas é fácil descubrir o que está detrás: instrumentalizar a crise humanitaria de Ceuta (como quedou de manifesto unha vez máis na manifestación convocada a 700 quilómetros de distancia por unha autodenominada Sociedade Civil Española, que ten a Esperanza Aguirre de vicepresidenta), e embridando os cabalos patrióticos, reventar o sanchismo dunha vez por todas.

Que tras a cesión nunca argumentada nin xustificada de asumir a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental, Sánchez e o seu goberno confiasen en ter desactivado o nó gordiano que enfrontaba Madrid con Rabat, asegurando así o control fronteirizo de Ceuta e Melilla e a conseguinte desactivación migratoria, é dunha inxenuidade difícil de asimilar. Minusvalorar por iso os avisos dos servizos de intelixencia nas vésperas da avalancha última foi temerario. E a tardanza de tres semanas en impoñer o mando único en aplicación da Lei de Seguridade Nacional para afrontar a crise humanitaria resultante, con maior razón ao constatar desde os primeiros días a deslealdade institucional do presidente Vivas e a carroñería política de PP, VOX e a dereita mediática, foi extremadamente neglixente. Todo iso pesará como unha lousa na mochila gobernamental, por máis que lle estea dando escusas o boicot das acollidas de menores -os menas, recórdese- nas autonomías que controlan as dereitas.

Como valorar o silencio estratéxico de Sánchez ante a provocación marroquí que xa ninguén pon en dúbida?  Sacrificou a verdade para evitar un mal maior? Iso parece. Sendo como é razoábel esa prevención diplomática, pois que a crise climática e alimentaria que se extende no Sahel (con todos os Estados da zona en mans de xuntas militares e sumidos en conflitos interétnicos) é unha ola a presión que seguirá facendo da fronteira sur europea o seu desafogo, a insistencia en negar a responsabilidade de Marrocos fíxoo máis vulnerábel.

Porén, a crise diplomática que alentan as dereitas non aportaría seguridade. Co peche da fronteira, entrarían en recesión as bases socio-económicas actuais de Ceuta e Melilla. Rabat endurecería a súa posición nunha previsíbel negociación dos términos de cooperación en materia de seguridade e terrorismo, comercio e inversión española, abastecemento de gas licuado, fosfatos e enerxías verdes. Máxime cando, como sinala o xornalista Ali Lmrabet, o réxime está envalentonado co apoio de Trump e co de Israel, con quen vén de anunciar un intercambio de embaixadas, obtendo a cambio non só ter a Netanyahu da súa parte na reivindicación da soberanía sobre o Sáhara Occidental, senón tamén trato de favor na compra de material armamentístico e de cibervixilancia.

Unha diplomacia soberana, vixiante e de esixencia democrática. Iso si, sen deixar nunca de poñer a proba a lealdade dos dirixentes dun Estado  constitucionalmente semi-feudal pero co que hai que contar porque segue tendo o control das migracións africanas, e de poñer ao descuberto as cabriolas abandeiradas das dereitas, que agora mesmo non teñen outros obxectivos que os da prioridade nacional e a morte inducida do sanchismo. Unha negociación permanente, na que se ten que implicar directamente a UE. Para salvar vidas e asegurar o cumprimento do dereito humanitario en circunstancias como a de Ceuta. Denunciando ao tempo a existencia desa zona gris.

Foto de apertura de Mario Sánchez Bueno, tomada en 2012, con 2.700 × 1.800 píxeles e licenza CC BY-SA 2.0.