Medios ultracómplices

| Carta de axuste

A tan só vinte días das eleccións no länder de Sajonia-Anhalt, o semanario alemán con máis prestixio e influencia, Der Spiegel, levou á portada o rostro sobre fondo negro de Ulrich Siegmund, candidato ultra de Alternativa para Alemaña (AfD), anunciando en interiores unha reportaxe cun impactante titular: O home máis perigoso de Alemaña. Lonxe de rexeitar a acusación, o líder que segundo as sondaxes estaba ás portas de inaugurar o acceso do partido de extrema dereita ao poder -cando escribo, aínda non se celebraron os comicios- apropiouse da portada e manexouna electoralmente como un símbolo na súa campaña contra a elite do país. A polémica quedou servida. Se quen encabezaba unha candidatura con neonazis e recoñecidos negacionistas se permitiu esa sorprendente carambola, entregando de balde aos seus seguidores exemplares da publicación asinados por el, cabe preguntármonos pola eficacia editorial desa maneira de poñer no asador da opinión pública a partidos e candidaturas que, como é o caso da AfD, representan unha ameaza contra os fundamentos dunha democracia. 

Poderáseme dicir que algo tan aparentemente contraditorio é unha consecuencia máis da vaga neofascista que, alimentada polo trumpismo e polas alianzas cos oligarcas tecnolóxicos que a globalizan, se manifesta en Europa feudalizando as institucións e os gobernos, para o que se serven de grupos e actores de remarcado ideario nazi-onalista, xenófobo e supremacista. Cun efecto inmediato que nos corroe: a polarización que esa nova orde internacional e ideolóxica está producindo no corazón das sociedades democráticas. Mesmo daquelas nas que o fascismo deixara nun pasado, que aínda supura, marcas imborrábeis de deshumanización, odio, violencia e morte. A excepción alemana, que mantivo activado un eficaz cordón sanitario contra a ultradereita pactado no seu día por Ángela Merkel, caeu agora en desuso, dándolle alas á AfD. Entre nós, nin iso. O PP de Feijóo é xa, na retórica e na praxe dos seus gobernos de coalición, unha mímese de VOX.  

Todo iso é certo. Pero tamén o é que esa andanada destrutiva reaviva e encoráxase no día a día aproveitando o efecto paralizante que ela mesma acabou producindo en sociedades e institucións, véndose os movementos antifascistas indefensos á hora de facerlle fronte coas armas da legalidade e a razón democrática. O da portada acusadora de Der Spiegel non deixa de ser, o mesmo que o fora no político o cordón sanitario alemán entre os países do seu entorno europeo, unha excepción entre os medios de comunicación máis importantes. O que obriga a retomar o debate non só arredor de como atar en curto e coa lei na man organizacións manifestamente reaccionarias, tamén sobre como medios e xornalistas han cumprir nesas circunstancias co seu papel social en defensa dos valores que sosteñen o andamiaxe constitucional e democrático dunha sociedade. Con maior razón cando investigacións das últimas décadas abriron incógnitas arredor de se o eco mediático das teses e temas dos que alardea a extrema dereita contribúen a darlle proxección e a normalizala. 

Os expertos en comunicación política e xornalismo acoden para explicar esas dúbidas ao sucedido nos anos vinte do século pasado co Ku-Klux-Kan e a agresiva cobertura que durante tres semanas fixera contra esa organización racista e criminal o New York World. Grazas ás súas reportaxes de denuncia -que ademais saíran reproducidas noutros dezasete xornais- ese influínte diario estadounidense gañou cen mil lectores, pero o KKK multiplicou ao tempo en centos de miles os seus membros. Beneficiáronse mutuamente. Pasou máis dun século. Certo. Abonda con ver a maquinaria tecnolóxica e algorítmica que manexan as organizacións neofascistas de agora para deducir o seu inmenso poder de sedución e a capacidade para impoñeren a súa ideoloxía e a súa axenda. Pero hai un común denominador estratéxico entre as de antes e as actuais que todos os demócratas, e no seu nome os medios de comunicación e os xornalistas profesionais, temos a obriga de curtocircuitar. 

Aínda sabendo das súas mañas en sumar adeptos facéndose as vítimas, medios e xornalistas teñen a obriga de non contribuir a que as mensaxes e prexuízos da extrema dereita se normalicen. Unha anomalía que xa foi asumida por unha boa parte da sociedade española. 

Refírome ao que, por caso, vén de poñer en evidencia o deputado Figaredo, de VOX, cando requiriu do Exército a cacería e expulsión inmediata dos inmigrantes marroquís que buscaban en Ceuta refuxio e tránsito cara unha vida digna en Europa. O mesmo que naqueles anos vinte en EE.UU, aprovéitanse os ultras da tendencia sensacionalista á que actualmente se dobregaron os medios para sobreviviren ás crises económicas e de identidade que os manteñen estresados e desacreditados. E tíranlle rédito montando shows en prazas de touradas, organizando quedadas hitlerianas, debullando espigas de odio e revanchismo en tribunas públicas, sementando bulos e teorías conspiranoicas alí onde hai materia (dinas, incendios, accidentes ferroviarios, emerxencias fronteirizas…) para alimentar o caos. Todo o que nun clímax político tan endiañadamente tóxico, coas redes sociais e os seus innumerábeis charlatáns de feira (os chamados influencers) facéndolle a cama aos medios de sempre, ten para estes últimos un perverso efecto chamada.  Porque acaba converténdoos en cómplices.  

Polo engado que esa axenda afascistada e forzosamente polémica ten en términos de audiencia, e polo medo a perdela se os ultras conseguen facer críbel o seu aireado e falso vitimismo mediático, os neofascistas entran a peito descuberto nos platós televisivos, e tanto as súas proclamas revisionistas como os seus ameazadores Sieg Heil protagonizan portadas de prensa, titulares e tertulias radiofónicas sen filtro profesional algún. Como se reivindicar a xenofobia, o racismo, a homofobia, o machismo ou o legado de Franco foran opcións respectábeis e dignas. E o que aínda é peor. Metidos de cheo na campaña antisanchista á que se entregaron as dereitas en corpo e alma, son numerosos os medios que na práctica integraron a normalización do fascismo nas súas respectivas estratexias editoriais. Maior complicidade, imposíbel.

Predican a indebida neutralidade como parapeto. E nadan na equidistancia, poñendo ao mesmo nivel a fascistas e antifascistas activos. Establecen así unha falsa simetría coa esquerda militante, ocultando por descarte o xusto fiel da balanza. E non. Aínda sabendo das súas mañas en sumar adeptos facéndose as vítimas, medios e xornalistas teñen a obriga de non contribuír a que as mensaxes e prexuízos da extrema dereita se normalicen. Unha anomalía que xa foi asumida por unha boa parte da sociedade española. 

Hai que aplaudir por iso a portada e a reportaxe desenmascaradora de Der Spiegel. Pero non debera ser unha excepción, senón a regra. Ignorar as algaradas da extrema dereita, do fascismo e a dereita radical populista non é a solución. Forma parte dela pisarlles a iniciativa, non mercarlles a axenda nin o marco viciado de debate e confrontación que pretenden monopolizar, tampouco darlles cancha nos platós á súa estratexia comunicativa de provocar. E que non chupen cámara nin micrófonos a discreción. Por máis que sexa legal, un partido como VOX que cuestiona os dereitos humanos e pon en almoeda a democracia non é un partido máis. É unha excrecencia do sistema. Por certo, á que nutren agora Feijóo e os seus.