Manipulación e dopaxe 

Andan os expertos poñendo negro sobre branco unha alarmante premonición: a desinformación será neste 2024 a maior ameaza contra a democracia. Nun ano no que medio mundo vai celebrar eleccións, algunhas tan decisivas como as dos EEUU e as europeas da UE, ese novo fenómeno da era dixital pode perfectamente desestabilizar e corroer sen apenas resistencia os procesos electorais. Razón pola cal os comunicólogos que participaron no último Cumio Global da comunicación (en Miami, hai cinco meses) chegaron á conclusión de que a desinformación intencional conspira contra a democracia, e que quen utiliza as súas técnicas de mala fe comete delito.  

Porén, unha cousa é que constatemos esa tendencia e esixamos por iso canda os expertos dese cumio internacional unha lexislación coa que facerlle fronte, e outra que con idéntica mala fe un partido político que ademais detenta o poder, como é o caso do PPdG en Galicia, prefabrique unha suposta ‘trama de manipulación dixital’ ou o que a xefa da campaña Paula Prado tamén denominou en rolda de prensa ‘operación organizada de desinformación’ sobre a xestión que da crise dos pallets fixo o goberno de Rueda. O que, sen aportar proba algunha, describiu como ‘unha rede de perfís falsos coordinada desde Madrid, traballando para a oposición e contra Galicia’ (sic) resultou ser un esperpento propagadístico. Do que, por certo, nunca máis se soubo. 

Como hai que cualificar ese intento de introducir en plena precampaña electoral un falso obús co que a secretaria xeral dos conservadores pretendeu atribuirlles esas malas artes da política ao BNG e ao PSdG?. O sucedido non pasaría das chanzas que deambularon polas redes a costa dese abultado ridículo, se os que montaron esa estratexia non fosen reos, ao facelo coa intención de interferir engañosamente no proceso electoral galego, do mesmo delito de desinformación que tentaron endosarllo sen probas aos seus adversarios políticos. 

Están nerviosos. Rueda débelle a Feijóo unha breve estancia de ano e medio no sillón presidencial, e o líder das dereitas españolas esíxelle a cambio non perder o poder. E non o dan por seguro. Saben que eles teñen un teito e que a vitoria das esquerdas depende dunha alta mobilización do seu electorado. Algo que podería suceder se, como tentan impoñer desde Génova 13, españolizan máis da conta a contenda electoral. Por iso, non se van parar en barras, como xa o demostraron, precisamente con Rueda na sala de máquinas, con aquela campaña do 2009 para desbancar ao bipartito, na que os bulos, as mentiras, a maledicencia e a difamación conformaron un vomitivo manual de desinformación e manipulación á carta. Con éxito, sen dúbida. Ao que contribuiu decisivamente a complicidade da principal empresa mediática do país. 

Máis alá do esperpento en que deu esa denuncia de supostos falsos perfís nas redes, o que chama a atención é esa maneira de espectacularizar o PPdG a súa condición de vítima dunha suposta trama de desinformación e manipulación político/electoral. Porque diso saben moito os seus principais dirixentes, Feijóo durante trece longos anos e Rueda en continuidade.   

Máis alá do esperpento en que deu esa denuncia de supostos falsos perfís nas redes (cando menos un deles é un recoñecido bots ourensán), o que chama a atención é esa maneira de espectacularizar o PPdG a súa condición de vítima dunha suposta trama de desinformación e manipulación político/electoral. Porque diso saben moito os seus principais dirixentes, Feijóo durante trece longos anos e Rueda en continuidade. Controlando por caso co mando a distancia os medios públicos, e saboteando a lei que eles mesmos aprobaron no 2011 e que, sobre o papel, lles garante a autonomía que nunca tiveron. Medios manipuladores ao seu servizo, no dicir das voces e das pancartas, das folgas e manifestacións que unha boa parte dos traballadores e traballadoras da TVG e da Radio Galega levan a cabo dentro -os chamados venres negros– e fóra das instalacións da CRTVG. 

É precisamente nos tempos electorais cando máis abertamente eses medios demostran a súa dependencia. Que se traduce en múltiples fórmulas de desinformación e manipulación. Como sucede cando adaptan as súas axendas ás que os coordinadores de campaña do PPdG van marcando no día a día, por exemplo durante a pésima xestión da crise dos pellets, levando a Rueda a pintar a mona en programas folklórico/populistas, ou aínda peor, meténdoo con calzador no medio dun Telexornal. Unha adulteración en toda regra dun formato televisivo que ha nuclear o seu minutado no que a propia Constitución mandata (artigo 20): satisfacer o dereito que a cidadanía ten a recibir unha información veraz e de calidade. Non alimentándoo de postverdades. 

Porque o vídeo de 1’47 minutos de duración, previamente producido polo partido, no que interveñen as fillas, a muller e a nai do candidato das dereitas que, como é fácil deducir, fan do pai, do marido e do fillo un referente de virtudes, é no contexto dun Telexornal un fenómeno de manual do que os teóricos chaman postverdade. Quérese dicir: unha distorsión deliberada da realidade na que priman as emocións e as crenzas persoais fronte aos feitos obxectivos, coa fin de modelar a opinión pública e influir nas actitudes sociais e políticas. Neste caso, para influir nun proceso electoral. 

Malia non ter ese glamour que aportan as imaxes, Rueda e o PPdG contan así mesmo coas postverdades das que botan man tamén os medios privados galegos -e nesta ocasión, tamén a morea dos que militan no nacionalismo mediático español- para darlles a cobertura que lles negan ás candidaturas do cambio. Unha cobertura previamente negociada a cambio dos subsidios, convenios a gogó, publicidade institucional, contratos de programas e de series, etc. repartidos sen transparencia e sen control parlamentario.  

E por se esa sobredose mediática non abondara para que o PPdG e o seu candidato Rueda entren en campaña dopados, e a salvo de padecer as estocadas que merecen as súas políticas -poño por caso, as que manteñen hibernado o autogoberno e en emerxencia crítica o estado de benestar-, a normativa que rexe para o seguimento do proceso electoral nos medios audiovisuais anula a capacidade de iniciativa dos xornalistas e dállela aos partidos. E non só impoñen o que lles interesa nas axendas dos informativos. Tamén ocupan os tempos televisivos en base á lei do máis forte. Nunha cadencia que imposibilita a igualdade de oportunidades. Se ademais son quen de encorsetar os debates nun milimetrado cruzamento de monólogos, sen intervención verificadora dos xornalistas moderadores, o obxectivo a perseguir -que a cidadanía teña a información contrastada do que lle ofrecen uns e outros, para así exercer en liberdade o seu dereito a decidir conscientemente nas urnas- vólvese unha quimera. 

Hai moito que rascar en democracia. Que tomen nota os partidos do cambio.