Un golpe de efecto. Coa operación militar contra Venezuela, Trump non fixo senón ensinar os dentes. Un ilegal e criminal acto de agresión, sen dúbida. Abonda con recorrer á propia Constitución de EEUU. para sentencialo. Pero, máis alá do sucedido na madrugada do pasado 3 de xaneiro en Caracas, nun enfrontamento armado que perseguía o secuestro de Nicolás Maduro e que se saldou cun cento de mortos, o que o mandatario estadounidense e os seus ideólogos de cabeceira buscaban era demostrar que van por todas. O asalto contra Venezuela non é senón o inicio dunha ofensiva de longa duración para o control absoluto do que a recente Estratexia Nacional de Seguridade define como hemisferio occidental 

Ningún goberno latinoamericano poderá sentirse a salvo de que os seus respectivos países sexan vítimas do que os trumpistas consideran o seu dereito de dominación. Tampouco ningún outro que se atope na converxente entre Alaska e a Terra de Fogo na Patagonia, pasando pola illa de Groenlandia. Teñen un obxectivo: tomar o control de todo o continente americano. Farano pola brava invadindo militarmente o territorio, ou farano negociando transicións neocoloniais que comporten a entrega de recursos naturais a cambio da supervivencia política dos réximes e dos gobernos concernidos. Velaí o caso venezolano: tras o golpe co que Trump demostrou a eficacia da forza bruta para impoñer a súa vontade, e tras exhibir en Nova Iorque como trofeo de guerra a un Maduro encadeado -emulando o que o emperador Xulio César fixera co líder galo Vercingetórix polas rúas de Roma-, non é a opositora María Corina Machado senón a vicepresidenta chavista Delcy Rodríguez a que se xuramentou como Presidenta encargada. Iso si, co petróleo, as terras raras e as bases militares na factura. Cuba podería vir de seguido.

Pensabamos que non hai nada máis perigoso para a humanidade que a pobreza, as epidemias e as catástrofes climáticas. A deriva autoritaria e a subordinación a unha nova orde internacional sen normas fai que a xeopolítica se converta na súa principal ameaza. 

“Non necesito o dereito internacional”. Así de tallante responde Trump ao entrevistador do The New York Times. Guiarase exclusivamente pola súa propia moralidade, pola súa propia mente (sic). Para non parar de tremer. Porque, ademais do asalto a Venezuela, xa sabemos en que se ten traducido neste seu primeiro ano de mandato ese negacionismo: a complicidade no xenocidio palestino e no obsceno negocio que el e Netanyahu se propoñen facer sobre as ruínas de Gaza, o reparto de Ucraína, as masacres de Darfur, os bombardeos sobre Irán… Do que deducimos que ten unha moralidade moi laxa. A utilización descarada da forza ou a expresión, como tan crudamente a interpretou Stephen Miller, un dos principais membros do clan Trump, dun imperialismo neocolonizador que pretende substituir unilateralmente o sistema internacional e multilateral inspirado na Carta de Nacións Unidas por un reparto de zonas de influencia das grandes potencias.  

Pensabamos que non hai nada máis perigoso para a humanidade que a pobreza, as epidemias e as catástrofes climáticas. A deriva autoritaria e a subordinación a unha nova orde internacional sen normas, rexida exclusivamente pola forza, fai que a xeopolítica se converta na súa principal ameaza. É o que se traduce do cambio histórico que representa o xiro xeopolítico dos Estados Unidos cara o expansionismo territorial baixo a presidencia imperial de Donald Trump. As recentes accións e ameazas de Washington son moito máis que unha nova versión da Doutrina Monroe -América para os americanos-, coa que a principios do XIX Estados Unidos lle marcou a cancha a Europa en América. Como subliñan algúns analistas, esa abrupta viraxe conecta mellor coa doutrina das relacións internacionais de John Mearsheimer, o prestixioso e influínte director do programa de Seguridade Nacional da universidade de Chicago, para quen a política global debería ser guiada e dirixida polos países que teñen maior forza, debendo en consecuencia, por dereito e por necesidade, asumir unha lóxica de acción que chama realismo ofensivo 

Nas bravuconadas dun ególatra, amoral e pendencieiro Trump hai, efectivamente, moito matonismo. Disfruta ensinándolle os dentes aos débiles -entre eles, os países dunha Europa subordinada que vai ter que lidar sen apenas capacidade de disuasión con tres adversarios imperiais: Washington, Moscú e Pekín-, e demostrándolles a Putin e a Xi Jinping que EEUU. é a única potencia con capacidade de exercer o seu poderío a escala mundial. Porén, o que o recente documento Estratexia de Seguridade Nacional veu confirmar é que, máis alá do personaxe e das súas verborreicas soflamas propias dun chaplinesco ditador, hai un plan. Que ten nos ideólogos do trumpismo e na doutrina MAGA o seu verdadeiro cerebro. 

Ese documento ratifica a vixencia dun postulado histórico imperial. Vén de moito atrás, sempre enmascarado baixo a advocación de grandes causas: a seguridade enerxética, a estabilidade rexional, a defensa da democracia, a loita contra o narcotráfico… Desde 1851, cando o secretario de Estado Daniel Webster defendeu que confería a Estados Unidos o dereito case divino de dispoñer dos recursos naturais doutras nacións, posteriormente cando propulsaron a axenda América Primeiro e o discurso  ante o Congreso dos xefes militares do Comando Sur, e agora co das terras raras de Ucraína, o petróleo venezolano, ou o litio de Groenlandia.  

Tempos e accións conectadas por un mesmo corpus ideolóxico: os recursos naturais do mundo están aí para ser utilizados pola potencia que se asume predestinada a lideralo. É polo que reactualizan un modelo de relacións internacionais baseado na coerción, a desigualdade e o descoñecemento da soberanía allea. Trump é o instrumento do que se valen os do clan MAGA (Fai EEUU grande outra vez) para darlle continuidade a esa tradición imperial. Ignorando para iso o dereito e os organismos que, como o da ONU, restablecían e aseguraban tras a segunda Guerra Mundial un sistema de convivencia e cooperación internacional. Despois deste primeiro ano de Trump na Casa Branca, durante o cal Estados Unidos levou a cabo máis ataques que durante todo o mandato de Biden, cada vez resulta máis evidente que ‘America First’ non e un lema illacionista, senón unha gramática compatible coas organizacións armadas no estranxeiro.  

Nesa desorde, que o neofascismo internacional aproveita para desabastecer de osíxeno as democracias, o reto que temos ante nós é civilizatorio. Coa defensa do dereito intenacional, os dereitos humanos e as liberdades democráticas na axenda. Nunca máis terá que repetirse a foto da vergoña na que se ve aos líderes europeos rendíndolle pleitesía a Trump na Casa Branca. Non é de fiar. Que o discurso sorprendentemente crítico do canadiano Mark Carney en Davos o traduzan eses mesmos líderes nunha alternativa de resistencia e compromiso inspirado nesa axenda. Construíndo con outros líderes do mundo unha articulación ampla e diversa que coloque o antiimperialismo e a loita pola soberanía e a autodeterminación dos pobos como prioridade.