Lapidario Núñez Feijóo: “Enhorabuena por la abrumadora victoria de José Antonio Kast. Los chilenos han elegido libertad”. O autopoclamado xefe da oposición española lexitima de maneira tan gráfica como atronadoramente distópica o discurso co que as extremas dereitas capitalizan, preto e lonxe de nós, a desorde institucional que está asentando no mundo. Non debera pillarnos por sorpresa. O líder do PP non é precisamente un político lido. E acostuma a interpretar o acontecer sen outro condimento ideolóxico que o que lle reportan os propulsores do antisanchismo. Descoñece por caso o que algúns dos máis lúcidos pensadores europeos prediciron cando tentaban descifrar a capacidade reinstauradora dos fascismos clásicos. Un deles, o nobel de literatura Thomas Mann, un exiliado da Alemaña nazi, que en conferencias, na súa cativadora narrativa e nos artigos de prensa non parou de alertar a futuro: “Cando regrese o fascismo, farao no nome da liberdade”. Descoñéceo e, o que é peor, contribúe a normalizalo por codicia de poder. 

Abrindo o 2026, estamos nese estadio. Que ten entre nós un campo de experimentación e blindaxe preocupante. A Europa de Orbán en Hungría e de Abascal en España, a da AfD e da Reform UK en Alemaña e Reino Unido, respectivamente, a dos Fratelli italianos que comanda Giorgia Meloni ou a da Rassemblent National liderada por Marine Le Pen en Francia, entre outros que se fan imprescindibles en Chequia, Finlandia ou Suecia, avanza con ese grito de guerra. Con inusitada eficacia. Segundo a última sondaxe Eurobazuca, case a metade dos europeos considera que a inmigración é unha ameaza para a cohesión nacional dos seus respectivos países de pertenza. As extremas dereitas impoñen sen apenas resistencia o seu enganoso relato. Sen que a Europa institucional e democrática saiba como saír do seu estrondoso silencio para propoñer un discurso ou unha narrativa alternativa. Un relato de futuro, en definitiva, que sexa quen de ofrecer respostas estruturais a unha cidadanía fortemente golpeada pola precariedade, a desigualdade e a perda dun horizonte esperanzador. Sen ese revulsivo, dificilmente se poderá deter esa riada de desencantados que ven nos populismos reaccionarios, antisistémicos e desacomplexados, un refuxio para a contestación.  

Nunha extensa e documentada análise publicada no The New York Times, David Broder, o autor de “Os netos de Mussolini”, alertaba do risco dunha Europa en mans da extrema dereita. Cousa que sucederá a menos que os gobernos democráticos do continente -sobre todo, os liderados nesta hora de desasosegos por Macron, Mertz e Starmer- cambien de rumbo e deixen de lexitimar ese tsunami. Porque pode levar a subverter desde arriba a orde social creada en Europa tras a segunda Guerra Mundial. Despois de coñecer o que Trump e os seus mentores intelectuais veñen de certificar no documento que lle dá contido á Estratexia de Seguridade Nacional estadounidense, ese parece ser un obxectivo compartido -¡en nome da liberdade!- a ambos os dous lados do Atlántico. Cal obxectivo? O de “axudar a Europa a corrixir a súa traxectoria actual”, na que os relatores, ousados eles, atopan todos os síntomas que levan á “desaparición da súa civilización nos próximos vinte anos ou menos”. O que comporta facer propias as teses sobre a decadencia do continente que esgrimen para desestabilizalo os partidos da ultradereita europea, cabalos de Troia patrióticos nos que a Administración Trump deposita apoio, medios e recursos cos que levar a cabo a reconversión identitaria de signo reaccionario que promove e alenta. Chámanlle a iso “cultivar a resistencia desde dentro das nacións europeas”. Unha confesión en toda regra da interferencia directa na política nacional dos estados soberanos da Unión. 

A colonización social, política e institucional polas extremas dereitas non se resolve con equidistancia. Resólvese con claridade ideolóxica, políticas audaces e radicalismo democrático.  

Xa o preanunciaran o secretario de Guerra, Pete Hegseth, no Foro Nacional de Defensa Reagan, e o vicepresidente J.D.Vance na Conferencia de Seguridade de Múnich, este último cun incendiario discurso que proxectaba unha apocalíptica visión do Vello Continente. Un e outro dando por superada unha política de alianzas baseada na defensa de valores ou de intereses comúns, reemprazándoa por outra baseada na vasalización. En efecto. O documento final, pensado e estruturado conforme aos postulados do ideario MAGA, consolida o divorcio ideolóxico de EEUU. con Europa abandonando os valores de solidariedade, a defensa dos dereitos humanos e dun sistema multilateral baseado en normas que lle deran até agora pouso e continuidade a esa alianza. Fano ademais provocando con esa súa estratexia prioritaria que acelere no interior do continente o proceso de fragmentación. Sen importarlles nin sequera os efectos negativos que pode comportar para os propios intereses estadounidenses. Velaí polo que o presidente de JPMorgan, Jamie Dimon, que pasa por ser o banqueiro máis influínte do planeta, levantou a voz contra esa acometida trumpista: ”Se Europa se fragmenta, EEUU. verase afectado máis ca ninguén, xa que é un aliado importante en todos os aspectos, incluídos os valores comúns”. En vez dunha estratexia de seguridade abertamente hostil coa Unión, Dimon avoga por unha estratexia de compromiso. 

Na súa documentada análise do diario neoiorquino, o citado David Broder subliña a “audacia política” do español Pedro Sánchez encarando, a contracorrente da maioría dos demais gobernantes europeos, esa escalada parafascista. Ata cando? É a pregunta do millón. O goberno progresista de coalición resiste a ausencia dun maioritario respaldo parlamentario amparándose na boa saúde da macroeconomía e do mercado laboral. Porén, as ramificacións corruptas do caso Ábalos/Cerdán/Aldama, o goteo de acosos machistas que lle dá ao PSOE onde máis lle doe, e a cruzada -política, mediática e xudicial- que pretende o poder polo atallo, ameazan a supervivencia na Moncloa e forzan que o partido sobreviva en shock. O que leva a pensar nun inevitable cambio de ciclo. No que VOX pase factura. 

Facerlle fronte a esa internacional neofascista, que ten nas organizacións de ultradereita europeas a súa franquicia expansiva, require algo moito máis sólido que propagar alertas co consabido “que vén o lobo”. A riada de desencantados da política que nutre ese movemento ascendente -como vén de suceder en Extremadura- non se vai desactivar ameazándoa con ese espantallo. Como entón? Liberándose da domesticación ideolóxica que padecen as organizacións políticas de ideario democrático, e con políticas que recuperen a conciencia de que gobernar non é manter a orde, senón alterala en beneficio das maiorías. En España coma no resto de Europa. A colonización social, política e institucional polas extremas dereitas non se resolve con equidistancia. Resólvese con claridade ideolóxica, políticas audaces e radicalismo democrático.