Emerxencia democrática

| Carta de axuste

O que vai alumbrar o 29-N non é só cal dos dous bloques que polarizan o mapa político tivo máis apoio popular. É tamén un test sobre a capacidade que ten a democracia para resistir a abordaxe de forzas que, de teren o poder, poderían convertela nun espantallo. En circunstancias normais, a alternancia na conformación de goberno, e todo o que iso comporta para a reactivación negociada das demais institucións, é o que xustifica a súa existencia. Porén, non estamos en circunstancias de normalidade.

O mundo vive unha transición cara un novo sistema histórico, marcado pola converxencia simultánea de múltiples rupturas (xeopolíticas, demográficas, climáticas). E algúns dos seus actores máis poderosos lideran unha onda expansiva de carácter involucionista, que ten nas extremas dereitas e na ideoloxía neofascista que defenden aos seus máis eficaces axentes. En España é VOX. Como sucede con outros grupos dese cariz noutros países europeos, os de Abascal aproveitan a precariedade, a incerteza e o desasosego que xeran esas rupturas para alimentarse e medrar. Xa se sabe, como demostra Noemí Klein en Unha viaxe ao mundo do espello, que cando as institucións democráticas tradicionais demostran ser incapaces de protexer a vida cotiá das persoas fronte a canto as mantén nese estado de rabia social, o voto de protesta transfórmase axiña nun voto polo autoritarismo.

Feijóo debería saber que o pasado sempre volve, aínda que só sexa para desvelar os falsos relatos cos que políticos coma el, sen outra épica e sen outra ética que a de escalar o poder a costa do que sexa, tentan acadar a primoxenitura.

Se, ademais diso, a dereita tradicional -neste caso, o PP- prescinde de principios e abraza as escaramuzas antidemocráticas dos ultras, facendo desde o minuto un da lexislatura causa común na estratexia golpista -o todo vale contra un inventado tótem, maléfico a máis non poder, chamado sanchismo– que ten como obxectivo expulsar á esquerda do poder e colonizar as institucións do Estado, non é esaxerado chegar á conclusión de que o que nos xogamos neste outono electoral desborda os límites dunha simple alternancia política. A transferencia de votos desde o PP a VOX que detectan as sondaxes demoscópicas é a constatación desa simbiose. O que fai pensar nunha volta ás orixes dun partido que tivo en Alianza Popular, fundada por sete exministros de Franco, o seu tronco nutricional. Do que nunca se deu desprendido de todo, pois que ao contrario do sucedido noutros países europeos, en España non houbo unha derrota do fascismo nin unha liberación como en Italia e Francia. A desaparición da ditadura franquista produciuse por esgotamento biolóxico, non por unha implosión democrática. O que comportou que as elites políticas, xudiciais, económicas e policiais do franquismo non fosen xulgadas e seguisen activadas no novo sistema. A dereita española democrática é, en definitiva, unha evolución do propio franquismo.

Esa orixe explica hoxe en día moitas cousas. Por caso, que a dereita española teña unha relación tan complicada coa memoria histórica e que lle custe condenar de forma clara o franquismo. Ou que a extrema dereita, que aniñou nela ata que pariu VOX, retome os símbolos e os discursos do nacionalcatolicismo e do centralismo autoritario coa intención de levalos á práctica. Empezando por valerse dos pactos que lle puxo en bandexa o PP nas autonomías de Andalucía, Castela/León, Extremadura e Aragón, para entrar nos seus gobernos e ir dinamitando desde dentro e pouco a pouco as súas competencias.

O mesmo que explica fenómenos como o da chamada policía patriótica e o do lawfare xudicial, que tivo na revolta de togas contra a aínda non nata lei de amnistía o seu máis emblemático e desaforado desafío político. Ou a nova versión do que nos anos 90 do século pasado se coñeceu por sindicato do crime -daquela, para derrubar pola brava o goberno do socialista Felipe González-, para socializar esa estratexia golpista contra o goberno de coalición progresista. Contaron para iso coa implicación directa de medios, pseudomedios, xornalistas, vitosquiles e vingativos predicadores mediáticos, que non dubidaron nestes últimos sete anos en “forzar as costuras do Estado” con ese obxectivo. Tomo esas palabras da confesión que o exdirector de ABC e fundador de La Razón, Luís María Ansón, fixo anos despois valorando a carga conspirativa que el e outros influíntes directores e intelectuais da época activaran para acabar co felipismo. Como agora, pero con Sánchez e o ficcionado sanchismo na diana.

Todo un traballo de base que, se ben non foi quen de darlle ao goberno o golpe mortal, conseguiu que doce millóns de españois vexan en quen o veu presidindo a un apestado. Que Feijóo o declarase “o máis corrupto de todos os gobernos da democracia”, autoabsolvéndose el e o PP tanto dos presididos por Aznar -cunha restra de ministros investigados, procesados e encarcerados por corrupción- como dos que capitaneou M. Rajoy, con ministros que aínda penan as súas corruptelas nos tribunais, é unha mostra máis do seu acentuado cinismo.  Sánchez terá que cargar sempre co morto que lle endilgaron Ábalos e Cerdán. Pero o morto da Gürtel, da Púnica, dos Rato, dos Pablo Crespo e dos Fernández Díaz, dos sobresoldos que tiraban do botín, con sedes e campañas electorais pagadas co diñeiro da corrupción, non hai grúa que o levante para desguazalo e facelo desaparecer.

Feijóo debería saber que o pasado sempre volve, aínda que só sexa para desvelar os falsos relatos cos que políticos coma el, sen outra épica e sen outra ética que a de escalar o poder a costa do que sexa, tentan acadar a primoxenitura. O idílico relato dun neno de aldea que nunca foi, dun político decente que viviu cinco anos pegado en corpo e alma a un narcotraficante, dun excelente xestor do público que deixou Galicia con todos os indicadores económicos en negativo, dun líder moderado e dialogante que fixo da mentira e da agresividade verbal o santo e sinal da súa traxectoria política, dun demócrata de convicción que non dubida en provocar un estado de desinformación secuestrando a TVG e asegurando con cartos públicos a omertá dos medios privados…, xa non cola. Tampouco en Madrid, onde antes o adornaban de virtudes cando ía de plató en plató facéndose o que non era e agora botan as mans á cabeza véndoo baleiro de ideas, sen cultura política, insultante, mentiroso e contraditorio, “un arribista e trepador que carece de valores éticos” en palabras do falecido Xosé Manuel Beiras, pero predestinado pola demoscopia para ser despois do 29-N o presidente do goberno de España.

Claro que aínda queda fuelle para darlles un revolcón ás sondaxes e aos que as pagan e propagan, como vén de demostrar Lula da Silva no Brasil, que se impuxo nas urnas botándolle un pulso aos algoritmos pro Bolsonaro dos tecnoligarcas trumpistas de Silicon Valley, valéndose para iso dun auténtico exército dixital. Hai partido. A chave está, como nese país carioca, na mobilización dos progresistas. Co feminismo e o colectivo LGTBI, que están na lista negra dos ultras, á cabeza. O que agocha a maridaxe das dereitas, co PP de Feijóo simbiotizado e declaradamente involucionista -en discursos, programas e listas de candidatos- é un proxecto que ameazaría dereitos e liberdades conquistadas. Xa o ensaian alí onde gobernan coaligados. Serían quen de escrituralo formateando a Constitución.

Isto é, si, unha emerxencia democrática.