Na presentación en Cannes do seu último filme (The old oak), o admirado Ken Loack volveu incidir nunha idea que o obsesiona: a desesperanza en que dá o desacougo político provoca monstros. Memoricei esa declaración, e foi na pasada noite electoral do 28-M cando, a rebufo dos resultados de azuis e pardos, me pareceu máis evidente. Porque a vitoria da dereita extrema e da extrema dereita non é se non o desenlace en votos do estado de desacougo que souberon crear retorcendo a realidade para desnaturalizala e volvela contra o goberno de coalición que, malia ter que lidar coas crises que globalizaron o malestar, foi quen de controlar os seus efectos máis destrutivos, construíndo contra elas un eficacísimo escudo social.
Nunca en convocatorias electorais anteriores se viu coma nesta a engranaxe tanto ideolóxica como estratéxica das dereitas políticas e mediáticas. Converxeron en facer da campaña unha cruzada nacional sobrecargada de simboloxía negativa coa que seducir incautos.
A convocatoria express de eleccións xerais para o 23 de xullo responde no fondo ao medo de Sánchez a que, vendo a eficacia da estratexia político/mediática de manipulación e propagación desenvolvida antes e durante a campaña, Feijóo e Abascal compitan en reeditala, e teñan tempo de aquí a fin de ano para conseguir que ese desacougo, que vén de penalizar con saña ás esquerdas españolas, acabe en desesperanza e depresión. Unha especie de segunda volta botando novamente man de ETA e da ameaza contra as esencias da patria que para eles representan os que chaman filoetarras (Bildu) e os independentistas de ERC, anchearía o campo de minas emocional que alimentaron na primeira, no que poderían seguir caendo milleiros e milleiros de electores indefensos. Non pola súa capacidade de oratoria, que é certamente cativa, senón polos que son quen de multiplicar ese estridente e falseado relato, que ten nos comunistas o necesario complemento narrativo: a inmensa maioría dos medios de comunicación. Sen eles, e sen o que os investigadores en comunicación definen como marco informativo (o que forza que concentremos a nosa atención na realidade que a eles lles interesa enmarcar), non houberan podido enmascarar a súa desidia programática. Nunca en convocatorias electorais anteriores se viu coma nesta a engranaxe tanto ideolóxica como estratéxica das dereitas políticas e mediáticas. Converxeron en facer da campaña unha cruzada nacional sobrecargada de simboloxía negativa coa que seducir incautos. Extirpado das axendas a problemática local, conveñiron en que as copara a cruzada coa que Feijóo e Abascal veñen ameazando con reventar o sanchismo, quérese dicir, o goberno progresista de coalición, que segue a ser para eles un goberno ilexítimo. E sen correr maiores riscos, sabéndose secundados desde a sombra polo poder económico/financiero, que ten asento nos consellos de administración dos medios de comunicación dominantes. Ao berro de “Que te vote Txapote” -o etarra que leva máis de vinte anos no cárcere-, saíron en tromba tódolos comunicadores do duopolio televisivo e radiofónico privado e os da maior parte dos medios públicos, coas Ana Rosa e os Jiménez Losantos de quenda atizando o lume. ETA volveu abrir, coma cando mataba e extorsionaba, tódolos telexornais e tódalas portadas. “Está viva”, proclamaba con aires de adolescente indisciplinada Díaz Ayuso, identificando como terroristas en activo aos Óskar Matute do abertzalismo de esquerdas, e responsabilizando a Sánchez de gobernar con eles o Estado. Non habendo pacto algún que os obrigue a interactuar nesa dirección, o que a indocumentada presidenta madrileña di, sempre con grande alarde mediático, é pura patraña. Éo, sen dúbida, pero circula polas redaccións, polos platós e polas redes sen desmentido algún. Tendo, como vimos de comprobar, forte incidencia nun electorado que está acostumbrado a deixar, veña de onde veña, que chova información. E se, coma neste caso, esa información toca as súas arterias máis emocionais, con maior razón. A reata de medios con ADN reaccionario enmarcou tamén a actualidade dese tempo de campaña no caso Vinicius e, xa pechando calendario, na compravenda de votos en Melilla e outros pequenos concellos. Ultrapasando de novo o ámbito desa convocatoria, déronlle rango de gran causa nacional ao antirracismo cando Florentino Pérez e os seus homes/satélite no negocio do fútbol se fixeron os ofendidos polos berros, certamente inadmisibles, lanzados por seareiros do Mestalla contra o xogador madridista. Como se o sucedido nese campo fose cousa dun día e non viñera dos ventos que eses mesmos directivos sementaron entre os seus ben subvencionados hooligans. No contexto enmarcador do que falo, este repentino fervor antirracista dá para pensar mal. Pregunto: activarán eses medios, comunicadores estrela e tertulianos mil esa mesma onda antirracista cando PP e VOX negocien gobernos nas autonomías e concellos nos que suman maioría? Non vai pasar, seguro. Outro tanto habería que dicir do balbordo que se montou por mor da fraudulenta pero puntual compra de votos. Como se o alcance do descuberto respondese ao iceberg dunha trama organizada, por Sánchez naturalmente. Estaban embarrando o campo de xogo por se as cousas saísen mal, esparexendo entón a idea dun pucheirazo electoral? E por que fracasou entón a operación derribo que o PP e La Región escenificaron contra Jácome? As gravacións da vergoña amosan a un servidor público confesando ser indigno de presidir unha institución como a do concello ourensán. Ora ben, que DO e Jácome acabasen pese a todo sendo a forza máis votada poidera deberse ao castigo que 18.450 electores lle inflinxiron a quen, tendo esas gravacións desde hai moitos tempo no seu poder, non as fixeron públicas desde o minuto un nin as levaron ao xulgado, como sería o seu deber, coa idea de xerar en plena campaña electoral unha conmoción política da que o rexedor sairía escaldado. E non. Abondoulle con facerse a vítima dun complot para seguir sendo o beneficiario directo do voto anti/clan Baltar que persiste na cidade. Ten razón Sánchez en advertir da radicalización coa que as dereitas e o nacionalismo mediático español van acometer o 23 de xullo a que consideran unha segunda volta electoral. A do anticonstitucional “Sánchez ou España” que se lle escapou a Feijóo. E con VOX xa naturalizado compañeiro de viaxe. Un tsunami reaccionario de gravísimas consecuencias. Ante isto, non cabe a desesperanza, nin moito menos a depresión. Só cabe a rebelión democrática. Que ten para as esquerdas un particular e definitivo desafío.