Celebramos a festa das letras. E poñémoslle nome: Begoña Caamaño, a xornalista e literata na que a RAG viu un modelo a seguir. O mesmo que a cultura, da que son expresión cabal de modernidade, a literatura e o xornalismo canalizan valores -ideoloxía, símbolos, imaxes, actitudes, modos de vivir, linguaxe, pautas de comportamento…-, dos que se serven os procesos de comunicación para crear e dinamizar espazos sociais de relación. A homenaxeada deste ano soubo facelo en vida poñendo eses valores ao servizo da verdade. Da literaria, que tanto reivindicou García Márquez, porque a través da súa escrita de ficción foi quen de lle dar pouso á nosa realidade social, e da informativa, porque pasou polos medios de comunicación sabéndose profesional e intelectualmente ao servizo das causas xustas. Con Galicia como marco sociopolítico e como desafío sociocultural. 

Porén, sen deixar de valorar o compoñente exemplarizante da efeméride, útil sen dúbida para darlle visibilidade e revalidar a literatura e a lingua do país, non sería realista, nin ético, nin patriótico convertela nunha burbulla, desligándoa do vendaval que ameaza o sistema cultural no que se singularizan e se diferencian no mundo. Non é algo novo. Resistir as acometidas do franquismo e a españolización, antes, as oquedades que provocaron nel a industrialización e as novas tecnoloxías da comunicación, despois, tivo os seus custos: deron en crise o sentido tradicional da cultura e o de todas e cada unha das súas múltiples expresións. Impúxose a regra do mercado e a cultura deixou de ser a excepción. O de agora é, con moito, máis desnaturalizador. O campo da cultura, da información e dos contidos quedou subsumido no informacional e no dixital. Malia seguir sendo a quintaesencia da creatividade humana, e a forma e leitmotiv principal das comunicacións e das relacións sociais. 

Apelar nesta nova era mundial ao resistencialismo de sempre, repregándonos nunha sorte de reserva india para evitar os efectos homoxeneizadores da globalización e os efectos desnaturalizadores do tecnofascismo e do turbocapitalismo asoballador, sería suicida. 

Creadores e artistas en ámbitos como os da literatura e a música, o cinema e os novos formatos do audiovisual, as artes plásticas e as artes da representación, ou a arquitectura e o deseño, que viven un momento excepcional na Galicia de hoxe, vense así atrapados nese tsunami, que ten en internet e nas redes sociais (nas fakes, o ruído, a desinformación industrial e o entretemento que producen) o seu principal caldo de cultivo. Non porque se lles corte o alento creativo, individual, senón porque o que sae deles é flor dun día. Baixo ese mesmo efecto fagocitador, as outras maneiras de representar os valores distintivos dunha colectividade nacional tamén acusan ese estrés de supervivencia. Xa non é posible pensar máis o culto e o popular á marxe dos instrumentos a través dos cales unha comunidade -por caso, Galicia- se fai social e culturalmente visible na sociedade global. 

Desde a década pasada, multiplicáronse os sinais de alarma. De entre eles, e en paralelo co da emerxencia dun neofascismo político, o que exterioriza un choque brutal entre a cultura entendida como proceso e proxecto emancipador, por unha banda, e a neocultura tecnolóxica que revirte na arañeira de dominación urdida por unha plutocracia que xestiona tecnoloxías, redes e fluxos de información, pola outra. Nun manifesto futurista disfrazado de comunicado corporativo, a empresa tecnolóxica que move todos os fíos no corazón da intelixencia estadounidense e do Pentágono, Palantir, vén de cuestionar o pluralismo cultural, poñendo na picota a existencia das culturas nacionais. Na cruzada por impoñer pola forza un réxime tecnocrático mundial, e autoritario, esa é toda unha ameaza. Da que non se libra a Europa das culturas, que ten nesa súa condición a baza que asegura a súa supervivencia como estrutura compartida de poder. E son as culturas sen Estado, como a galega, as que de maneira máis dramática se xogan o ser ou non ser nese envite deshumanizador.

Mirando cara a nós, o verdadeiro problema é, en palabras de Edward O. Wilson, un dos pais da biodiversidade, que “temos emocións do paleolítico, institucións medievais e tecnoloxía propia de Deus”. Sentimentos de galeguidade, si, pero sen que se teñan traducido maioritariamente en conciencia política, en boa medida por mor dunha rémora institucional e de goberno que clienteliza a sociedade e anestesia a nosa despensa cívica e cultural. Somos, pois, terreo abonado para que o tecnofeudalismo do que fala Varoufakis nos borre do mapa. Sabemos da resistencia dun pobo que soportou todo tipo de desgrazas históricas. Porén, apelar nesta nova era mundial ao resistencialismo de sempre, repregándonos nunha sorte de reserva india para evitar os efectos homoxeneizadores da globalización e os efectos desnaturalizadores do tecnofascismo e do turbocapitalismo asoballador, sería suicida.  

Velaí a imperiosa necesidade dunha ambiciosa intervención pública no noso sistema cultural. Partindo de concibir a cultura galega como valor de identidade, e de abrila á contemporaneidade botando man dunha estratexia política, transversal e coparticipada, que en maneira algunha se está reflectindo agora mesmo no país. O goberno de Rueda, como antes os de Feijóo, non ten unha política cultural definida que planifique e execute, en diálogo aberto cos demais axentes culturais, prioridades e obxectivos. Non só é desidia: limitándose a tirar da chequeira para sufragar as mil e unha ocorrencias coas que okupar espazos (entre outros, o do Gaiás, un auténtico chupóptero dos raquíticos orzamentos culturais, ou o do CGAC, que pretenden domesticar) e entreter aos públicos (o arrebato macrofestivaleiro que engraxa o hiperconsumismo e fomenta o mercadeo musical). É desprezo: negándolle á cultura a soberanía, os recursos e todo o que a define como un dereito, desactivando así a súa dimensión socialmente transformadora e o seu potencial liberador.  

Promover factores de identidade como o da lingua -en estado minguante-, protexer co DOG e co aval de institucións como a Unesco a diversidade cultural das ameazas que veñen de fóra, fomentar a creatividade e a súa proxección exterior, e consolidar a participación cidadá -velaí os principios dunha política cultural á altura dos tempos-, prodúcelles urticaria ideolóxica e medo escénico. Ese compoñente escapista e desactivador reprodúcese por contaxio, con contadas excepcións, nas demais administracións, concellos e deputacións. Sen que case ninguén se atreva a esixir rendición de contas por isto e denuncialo. Nin os medios de comunicación: a TVG e a RG esgotan a súa axenda disfrazando de chistelandia o seu secuestro, e a maior parte dos privados conténtanse a cambio de pasta pública coas festas e obituarios de calendario. Nin tampouco as institucións e demais axentes culturais, a maior parte deles sen a autonomía nin a dimensión que precisarían para facelo.   

Urxe un pacto cívico. Para rebentar a burbulla que se abastece de flores dun día, e desafiar democrática e politicamente o que ameaza a nosa identidade nacional.