A cultura e a comunicación son eixos transversais, redes nerviosas que irrigan os sistemas económicos, sociais e políticos formando parte deles. Por ese nexo, a cultura deixa de ser un dato preestablecido, neutro, ou unha etérea forza espiritual, como nola seguen codificando a maior parte dos medios de comunicación. É, pola contra, unha variable activa central na configuración de calquera sociedade. Emerxe como un motor de múltiples comportamentos, decisións e conflitos. Os derivados do interculturalismo nas sociedades máis hibridadas e indefensas, os que teñen a súa raíz nos déficits de pluralismo comunicativo, os que xorden en paralelo coa configuración de redes de comunicación que teñen uns fortes impactos culturais, ademais de económicos e políticos; os que son consecuencia da autoproducción cultural nacional, como autodefensa fronte a hexemonismos culturais, e como base para o diálogo cultural con outras culturas.       

Que os medios sigan construíndo a actualidade cultural á marxe destes conflitos, que se materializan a escala en cada sociedade, é temerario. A crise de credibilidade na que está sumida a prensa escrita, en boa medida por estar máis pendente do roupeiro que do baile, ofrece nesa asintonía unha argumentación explicativa.

Hai nas direccións e nas redaccións da maior parte dos medios un prexuízo que vén causando estragos: a cultura é –róubolle o título a aquela fermosa e mordaz película de René Alió- unha vella dama indigna de ter un tratamento informativo normalizado. 

Que sucede entre nós? Os medios galegos seguen ancorados respecto da cultura nos vellos e caducos modelos periodísticos. Os diarios tradicionais adaptaron as súas tallas ao corpo social, sen máis autoesixencia que a de resistir mirando para outra parte. Imos con moito retraso. No fondo, estamos pagando as consecuencias de terlles negado significación cultural propia aos medios de comunicación durante moitos anos. Sempre os pensamos sometidos a modelos e a estratexias foráneas, e por iso acabamos por crelos incapaces de propiciaren procesos de construción identitaria. Cantos nos movemos desde hai anos no ámbito da comunicación somos testemuñas da baixura de miras coa que as elites políticas e culturais se veñen relacionando acriticamente cos medios, tanto públicos como privados. Nalgúns casos, con evidente cinismo; noutros, con patética ignorancia.   

Caen con máis frecuencia da debida no que se podería chamar vicios de calendario ao afrontaren a selección, produción e comunicación dos contidos culturais. Hai nas direccións e nas redaccións da maior parte dos medios un prexuízo que vén causando estragos: a cultura é –róubolle o título a aquela fermosa e mordaz película de René Alió- unha vella dama indigna de ter un tratamento informativo normalizado. Impóñenlle entón un permanente estado de excepción, facendo da sección un mausoleo de asepsias provida (premios, homenaxes, espectáculos, festas de ritual e crónicas de sociedade) e de asepsias postmortem (honras fúnebres, centenarios, cabodanos e demais).   

Todo iso é achacable á espiral da mercantilización informativa que, entre outras moitas cousas, destrúe os mecanismos de participación que fortalecían o espírito profesional no pasado. Todo queda nun xornalismo de aluvión, á marxe das demandas específicas que xorden desde unha nova sociedade en construción, que basea precisamente a súa dialéctica cultural na contraposición conceptual entre cidadáns (a cidadanía cultural ou o intento de plantear como a hibridade cultural á que nos levan os medios de masas pode incorporarse a un proxecto político) e consumidores (ou o resultado de asumir pasivamente o discurso tecnolóxico, que fai da comunicación e da cultura un campo de experimentación utilizado polos actores da mundialización para conseguir os seus obxectivos hexemónicos no económico, homoxeneizadores no cultural).  

Lexitiman o santoral que lles vén imposto desde fóra, espectacularizando a celebración á marxe dos valores culturais que puidera encerrar. Sacralizan así unha imaxe da cultura como realidade obxectiva e ideal, quérese dicir, como algo que está en certos lugares (nos libros, nos museos…), que un pode chegar a ter e que é preciso conservar, isto é, mantela á altura dos movementos que a revalorizan e cotizan polo valor de uso que posúe. Desa maneira, os medios deixan de lado a concepción creativa da cultura -a de base humanística e a que agora frutifica nunha ben entendida cultura media-, para afianzarse na concepción meramente reprodutiva, reducindo os seus potenciais receptores a meros consumidores de cultura.  En definitiva, a públicos que poden chegar a ‘ter cultura’. Non como individuos que experimentan e gozan profundando nos coñecementos e nas expresións culturais, senón como individuos abocados a unha apropiación obxectiva, sen máis, daquilo ao que outros (o mercado, por exemplo) lle dan valor. O sentido das noticias culturais veu así condicionado pola redundancia temática: exposicións, congresos, inauguracións oficiais, presentacións de libros, premios, eventos relacionados coa cultura institucional… Na súa repetición, e na súa rutinización, pérdese coñecemento. 

Fixeron tamén da actitude presentista (preferencia polo que vén de suceder, independentemente da súa transcendencia obxectiva) e da novidade (que case sempre identifican co inhabitual, co estraño, co espectacular) o criterio case hexemónico á hora de seleccionar feitos culturais. Obviando que, en razón do argumentado anteriormente, é nas tendencias, nas correntes de pensamento, nas novas linguaxes creativas e no conflitivo escenario onde a cultura, que redimensiona o seu valor e influencia valéndose da economía (as industrias culturais) e da política, se manifesta en toda a súa complexidade.  

Comunicar cultura non pode quedar, pois, reducido a un expositorio de noticias raras ou de calendario. Nin pode quedar á marxe da marca identitaria, dos valores, da creatividade e das maneiras de narrar que singularizan unha cultura como a que aos galegos nos diferencia no mundo. En definitiva, non pode obviar esa complexidade. Que é forzosamente conflitiva.