Alarmámonos na escuridade e a incomunicación producidas polo colapso eléctrico. Un puñetazo no estómago que nos fixo conscientes, en plena orxía tecnolóxica, da nosa indefensión. Persoal e colectiva. Un atracón de realismo. O apagamento demostrou que, precisamente porque estamos máis interconectados ca nunca, somos moito máis vulnerables. En plena crise do capitalismo serodio, cando a incerteza e o medo ao futuro se manifestan con máis radicalidade, nada parece estar seguro. A natureza especulativa e parásita que o caracteriza xera un impas sistémico que os seus axentes, tanto económicos como políticos, tentan reverter pola vía autoritaria. Como? Reforzando a imposición da estratexia neoliberal: privatización dos sectores estratéxicos da economía e dos servizos públicos, especulación financeira en detrimento do fomento produtivo, preservación do beneficio marxinando as políticas contra a catástrofe ambiental e o cambio climático, carreira armamentista para facer da guerra un negocio… Todo un programa que esixe, en boa lóxica, acabar considerando a democracia como un obstáculo a eliminar.
Aproveitan entón as dereitas populistas para levaren a cabo o que Yanis Varoufakis e outros analistas entenden como unha revolución. Involucionista, si, pero sostida baixo os estandartes duns rebeldes con causa. A que lles deparan o medo, a ira e o descontento de vastos sectores da poboación que se senten vítimas do rastro que deixa esa estratexia especulativa e impositiva (inestabilidade social, extrema polarización, enorme confusión política, coa desigualdade e a lei do máis forte formando parte da orde natural das cousas), sentíndose á vez abandonados pola gobernanza das elites tradicionais. E conseguen imantar o terreo da antipolítica valéndose das redes sociais, que exercen unha influencia mental e psicolóxica como nunca antes tiveron a prensa, a radio ou a televisión. Aparecen así, e dan o pego, como se de súpeto a rebeldía se volvera de dereitas. Con ese careto de rebeldes, arman e argumentan a guerra cultural na que esas dereitas populistas, con ramas e/ou ramalazos fascistas, se involucran contra a democracia e contra todas as expresións de pensamento emancipatorio que se manifestan no mundo.
Velaí o que está dando pé a un outro tipo de colapso, o moral, que se solapa cos colapsos que, como o que deixou a península ibérica sen luz o pasado 28 de abril, teñen no credo e nos coletazos do capitalismo serodio, economicamente especulativo e antisocial, a súa fonte de vida. E por se iso non abondase, Trump e o trumpismo amartelan ese solapamento. Todo o que se necesita para normalizar a barbarie. A fase máis extremosa a que dá pé a que a prestixiosa filósofa alemana Hannah Arendt describiu como a banalidade do mal. Contando, para desenvolvela, non só cos axentes de carne e óso que temos perfectamente identificados na internacional do odio e nas tramas que fornecen ou amparan violacións de dereitos, xenocidios e guerras incruentas, senón tamén e necesariamente cos cómplices que, por acción ou omisión, a acaban facendo posible.
Coincido con algúns dos analistas máis independentes e comprometidos en que tal vez non haxa mellor exemplo para constatar esa progresiva e crepuscular degradación sistémica, que ten na democracia un obxectivo a eliminar, que o do xenocidio que o Estado de Israel está levando a cabo contra o pobo palestino, contando para iso co aval político e co apoio armamentístico dos sucesivos gobernos estadounidenses. Coa operación Carros de Xedeón, Netanyahu escala ata o máis nauseabundo da maldade para atornillar a estratexia de exterminio que o exército veu executando, paso a paso, tanto en Gaza como en Cisxordania desde antes incluso do criminal atentado do 7 de outubro de 2023 cometido por Hamás, que lle segou a vida a máis de 1.200 israelíes. Unha operación anunciada e televisada, pavonándose en medio da masacre da súa prepotencia, e sabéndose impune por contar co apoio incondicional de Trump. Pensa alguén que Netanyahu e os seus socios de extrema dereita poderían ter chegado ata aquí sen a complicidade silenciosa dos gobernos e de boa parte da opinión pública dos países da UE e da de Occidente en xeral? É evidente que non. Aceptáronlle todas as coartadas, e de entre elas a do dereito á defensa fronte ao terrorismo de Hamás, organización por certo que el contribuíu a soster para manter a raia á Autoridade Palestina, e déronlle así alas á máis inimaxinable das crueldades e ao crime de Estado.
Non foron alleos os grandes medios de comunicación a esa capitulación moral e política dos gobernos e das opinión públicas correspondentes. Ao contrario do sucedido tras a invasión de Ucraína, cando editorializaron para secundar as sancións económicas contra a Rusia de Putin, os medios occidentais puxéronlle sordina ás mentiras e coartadas do goberno israelí, contribuíndo ao apagado informativo ordenado por Netanyahu para ocultar o asañamento do seu exército na Franxa de Gaza e o dos violentos colonos en Cisxordania. O asasinato premeditado de máis de 200 xornalistas que informaban da masacre sobre o terreo quedou tamén oculto pola “néboa da guerra”. Fuxir de chamarlle xenocidio ao que ten por fin último o exterminio do pobo palestino e a anexión do seu territorio de vida a Israel, é banalizar o intolerable e asumir en consecuencia a impunidade dos que o executan.
Tivo que alterar a ONU o letargo mediático poñéndolle cifras ao colapso alimentario ideado por Israel, con 14.000 bebés gazetíes ameazados de inanición, para que se producise un revulsivo de última hora que está tendo peso na reorientación das posicións dun número significativo -17 dos 27- de gobernos europeos, que demandan de Bruxelas unha revisión do Acordo de Asociación que a UE asinou no 2000 con Israel. Fano con moito retraso. Porque xa evidenciara Israel que ía facer da fame un complemento da ofensiva militar cando para desfacerse da UNRWA, a principal axencia de axuda aos refuxiados palestinos, mentiu acusándoa de conivencia con Hamás, para entregarlle agora ao exército o control da distribución dos escasísimos alimentos que entran na Franxa de Gaza. E nada fixeron por impedilo.
Co acelerón que Netanyahu e os seus socios ultras lle deron ao seu plan de exterminio medraron as manifestacións de indignación e solidariedade en todo o mundo. Eurovisión filtrounas contra a presencia de Israel no festival. Pero non é no simbólico onde un xenocida confeso pode sentirse presionado. É preciso que se sinta acorralado, e iso pasa por someter o réxime criminal de Israel a un bloqueo económico, comercial, diplomático e político total. Será cando se pase, como intenta que suceda Pedro Sánchez, das palabras aos feitos. Por desgraza, Trump e o trumpismo pesan demasiado nas cancillerías dos Estados europeos, Von der Leyer faise a sueca, e Feijóo está a outra cousa (entrar na Moncloa pola porta de atrás).
A banalidade do mal en estado puro.





