O que en tempo real e sen filtros vomita a diario ese enxame de medios, plataformas e redes que colonizan o noso diario existir e a nosa maneira de estar e percibir o mundo, altera a nosa capacidade de enxuizamento e átanos a sobrevivir na máis desasosegante escuridade. Somos as vítimas dunha epidemia de cegueira á que nos aboca, por caso, a patoloxía de poder que líderes imperiais como Trump, Netanyahu ou Putin encarnan na súa despiadada e criminal escalada bélica. Como o somos da que, en complicidade, nos impoñen os tecnoligarcas que, ademais de reforzar os dogmas económicos de Silicon Valley, desafían o funcionamento dos Estados e se aprestan a tomar o poder influenciados por pensadores neofascistas.
Que quedaramos sumidos nesa cegueira prefabricada é de por si unha fatalidade. Porén, aínda o é máis se, ademais de cegados, decidimos voluntariamente non abrir os ollos ante esa perda de visión ética, que non sucede por accidente senón como estratexia. Cando se xustifica a invasión dun país soberano como Ucraína ou se bombardea unha poboación como a de Gaza, Irán e Líbano coa escusa da seguridade, quen o fai coproduce e alimenta a cegueira que deshumaniza e desactiva a nosa capacidade crítica. A mesma que adquire tintes institucionais cando quen decide pechar os ollos é, por caso, Úrsula Von der Leyen, utilizando un dobre raseiro para medir a barbarie na guerra iraniana, limitándose a unha chamada á moderación dos agresores. Ou poñéndolle sordina ao terrorismo de Estado que asasina ao líder político/espiritual Jameneí -tomándoo Núñez Feijóo como unha gran noticia (sic)-, secuestra ao presidente venezolano Maduro ou somete aos cubanos a un bloqueo extremo que os condena a morte.
Quérennos cegos, e atolondrados, para que non vexamos a besta que aniña baixo as capas finas da civilización occidental. Esa que utilizan como coartada para xustificar a guerra contra Irán, país que está desde hai moitos anos no radar anexionista de Israel.
Ese é o marco psicopatolóxico no que desangra a xeopolítica. Quen teñen a forza bruta -exército, armas, arsenal nuclear, tecnoloxía letal, algoritmos e dominio informativo- ocúpano e actúan como se fosen loqueiros dun manicomio global. Quérennos cegos, e atolondrados, para que non vexamos a besta que aniña baixo as capas finas da civilización occidental. Esa que utilizan como coartada para xustificar a guerra contra Irán, país que está desde hai moitos anos no radar anexionista de Israel, e que o xenocida Netanyahu tenta executar agora aproveitando que o seu socio Donald Trump está en modo vampiro. Os dous á marxe da legalidade internacional, ciscándose en normas, principios e protocolos cos que foramos capeando os temporais desde os epígonos da segunda guerra mundial. E dispoñendo para iso dun arsenal tecnolóxico co que vixiar, ameazar, matar, destruír e poñer o mundo en ascuas (todo indica que nos encamiñamos cara un choque enerxético e monetario global de consecuencias impredecíbeis).
Trump está na súa salsa. Benefíciase da eficacísima alianza entre un exército obsesionado polo declive, un Silicon Valley absorbido por esta revolución algorítmica e sistemas opacos capaces de identificar, clasificar e atacar a unha velocidade sobrehumana, nos que o Pentágono inviste millonadas. Para autoabsolverse, reviste o seu matonismo presidencial de pontifical relixioso. Abonda con ver esa secuencia do Despacho Oval na que un feixe de pastores evanxélicos rodean a Trump, invocando a axuda divina que necesita para ter éxito nesa cruzada ilegal, violenta e asasina. Unha inadmisíbel sacralización da guerra. Ou seguir a estrambótica teoría do Anticristo ideada e propagada polo trumpista Peter Thiel, o multimillonario e teólogo político que, ademais de PayPal, inventou Palantir, empresa que ten na intelixencia artificial (IA) aplicada á guerra a máis letal arma de destrución masiva.
Ningunha outra empresa cristaliza con tanta precisión o máis característico deste século: a fusión da vixilancia, a guerra, o capital e a ideoloxía nun único produto. Palantir estase volvendo indispensábel para o funcionamento dos Estados e para os gobernos que non queiran parecer inxenuos fronte a China e Rusia. Permite que sistemas de información heteroxéneos, que antes non se comunicaban entre si, compartan unha mesma representación da realidade. Para unha administración militar, isto significa que a intelixencia humana, os datos aportados polos satélites, os fluxos de comunicación interceptados e as bases de datos loxísticas poidan consultarse xuntos en tempo real e nun único punto de conexión. Non se limita, pois, a procesar datos. Decide que é o que selecciona e conta como dato, que é o que conta como ameaza e como obxectivo.
Que quere dicir isto? Que esa capacidade de decisión non responde a un xogo automático de combinacións cuánticas, neutral, senón que é produto de decisións políticas codificadas nun software, invisibilizadas por unha forma técnica e, xa que logo, substraídas a calquera debate democrático. Así, en situación de conflito e confrontación bélica, non son os xuíces, os parlamentos ou os altos mandos dun exército os que deciden obxectivos, senón un sistema de optimización cuxos parámetros son privados e opacos. Velaí polo que Olivier Tesquet, coautor canda Nastasia Hadjadji de Apocalypse Nerds -sobre como os tecnoligarcas están tomando o poder influenciados por pensadores fascistas-, asegura que “Irán é o escenario no que se fai visible todo o que Palantir ten constituído durante vinte anos”. Xa lle proporcionou antes ao exército de Israel a infraestrutura da que se valeu para operar cos programas Gospel e Lavender na execución do xenocidio en Gaza, que fixo de laboratorio. Pero é agora, en Irán, cando esa infraestrutura empresarial optimiza o efecto automatizador do programa Maven, que contempla á IA integrada na cadea de mando do Pentágono.
A todo isto, unha nova xeración de líderes de Silicon Valley, respaldados por empresas de capital risco que acaparan os contratos de defensa e polos tecnoligarcas que lle dan a Trump cobertura dixital e impunidade, alardea con arrogancia do atractivos que son os ataques letais baseados na IA. Dous deles, o fundador e o director de Palantir, son declarados ideólogos trumpistas. O citado Peter Thiel, que se declara inimigo da modernidade política e financia causas reaccionarias, e Alex Karp, un filósofo de formación que se apoia torticeiramente en Habermas para chegar, en contra do que nunca aceptaría o desaparecido pensador alemán, a unha apoloxía da razón de Estado algorítmico. Que un psicópata como Netanyahu teña a complicidade dos actores desa tórrida alianza para levar ata o límite a súa razia colonizadora e criminal en Oriente Medio, é repugnante.
Urxe aplicarlle a ciruxía a esta cegueira. Non cabe outra resposta que a dunha rebelión cívica e global. Co non ás guerras e a regulación ética da intelixencia artificial, para empezar.





