Afogamos de demagoxia. A práctica política, di o dicionario de María Moliner, que ten como fin predominante agradar ou exaltar ás masas con medios pouco lícitos. E con graves consecuencias. Porque, como xa anticiparan os clásicos, a demagoxia está na raíz dexenerativa da democracia. Un dos mecanismos máis determinantes dos que se valeu sempre, e con obsesiva virulencia nos tempos que corren, é o da mentira. Na súa Divina Comedia, Dante describe un oitavo círculo infernal no que castigar aos mentireiros. De existir, poucos serían os políticos actuais que se librasen de semellante tormento. Gobernantes en tódalas escalas do poder, conselleiros, deputados, alcaldes, concelleiros…, e os seus correspondentes responsables de estratexia e comunicación que se encargan de asegurar nun calculado proceso de postprodución o impacto das mentiras que aqueles articulan. E con eles, cantos medios de comunicación, comunicadoras e comunicadores televisivos, xornalistas afásicos ou estupidamente neutrais e os mil e un influencers que venden nas redes a súa intoxicada mercadoría.
Os neofascistas son o cabalo de Troia que penetra en terreos de conquista para desde dentro ir gañando batallas nunha guerra cultural que ten nas políticas neoliberais, no instrumental da dixitalización e tamén nos actores da política conservadora e socialdemócrata que os normalizan e lexitiman aos seus máis eficaces aliados.
Con que obxectivo? En última instancia, o de conseguir o poder ou o de manterse nel a calquera prezo. Sometendo os valores -e de entre todos eles, o da verdade- á eficacia. Case sempre no nome da liberdade. Outro dos valores máis adulterados, como sobradamente temos comprobado detrás dos panexíricos da madrileña Ayuso, dos acólitos de Abascal ou do arxentino Milei. Converteuse no santo e sinal co que os ultras de última hora abandeiran cruzadas anti-progres (antidemocráticas máis ben), valéndose dun amplísimo catálogo de mentiras, bulos e fake news, que a rede do magnate Elon Musk e as grandes plataformas dixitais se encargan de facer xermolar entre as masas. Unha cruzada vomitiva. Se algún postulado filosófico tivo na historia do pensamento un avultado consenso, ese foi o da correspondencia liberdade/verdade. Con razón Albet Camus deixou escrito que “a liberdade consiste sobre todo en non mentir”.
Coa mentira como instrumento ou método de lexitimación e sedución política, nunca se pode dar por válida a afirmación de estarmos formando parte dunha democracia consolidada. Ubíquese onde se ubique. Desa ilícita práctica deriva en boa medida o endiañado estado de confrontación e ruído que españoliza o discurso político que, con todo tipo de ingredientes reaccionarios, se veu propagando globalmente de norte a sur. Comprobámolo a diario ao observar os pinchagatos cos que Núñez Feijóo e os dirixentes que conforman o seu sanedrín na sede de Génova tentan desde o minuto un derrubar a Sánchez e ao seu goberno de coalición. A eficacia sedutora, sempre por riba de todo. Aqueles valores cos que o agora líder da dereita soubera vender desde Galicia a súa baza presidencialista -liberar de ruídos o debate político, fuxir do frentismo, consensuar a política exterior, entre outros- foron carne dun día (cando Pablo Casado estaba no asador). Ségueno sendo, cada vez con maior histrionismo, buscando con todo tipo de trucos, lícitos ou non, o atallo que lle anticipe a chegada ao poder.
Non é de estrañar, pois, que logo de entrevistarse en Roma con Giorgia Meloni, non tivese empacho en aplaudir a política migratoria desta admiradora confesa de Mussolini co argumento probatorio único de que está sendo eficaz. Traducido a román paladino: pactos millonarios con países non seguros (Libia, Túnez, etc) para pecharlles o paso aos migrantes e refuxiados que tentan chegar a Italia, campos de concentración en Albania para acomodar fóra da UE aos migrantes rescatados, e acoso á ONGs para que non se inmiscúan actuando en defensa dos dereitos humanos. Non sabemos se, ademais, Feijóo corrobora tamén a brillante idea do seu hooligan no Congreso, Miguel Tellado, que requeriu o envío da marina de guerra para impedir, eficazmente, o tránsito de caiucos polo Mediterráneo. Tampouco é de estrañar a súa confrontación radical coa política exterior do Goberno, tanto no que ten a ver co xenocidio que Netanyahu e o seu exército están producindo en Gaza, como no referido á estratexia seguida en Venezuela tras as polémicas eleccións do pasado 28 de xullo.
As dereitas españolas parecen ter en vena o discurso reaccionario que colleu preponderancia en occidente, e que de maneira especialmente preocupante se institucionalizou en boa parte dos parlamentos e gobernos europeos. Explícano os expertos aludindo á forza coa que a extrema dereita deshibernou e conformou unha onda expansiva, profundamente demagóxica, en prexuízo especialmente da dereita clásica, que rebaixou os seus estándares ideolóxicos e democráticos como reacción autodefensiva. Porén, e isto é o máis novidoso e preocupante, ese movemento de arrastre reproduciuse tamén no ámbito da socialdemocracia. Así, a política migratoria da Meloni non só a tomou por modelo Feijóo. Tamén a valorou positivamente o primeiro ministro inglés, o laborista Starmer, despois de entrevistarse con ela en Roma. E para afrontar o avance de Alternativa para Alemaña (AfD), o partido de extrema dereita que está subindo como a espuma, os socialdemócratas e o goberno de coalición que preside Olaf Scholz estableceron fortes controis fronteirizos para impedir o tránsito de migrantes e asilados. En liña co que xa estableceran outras socialdemocracias do norte de Europa, coa primeira ministra de Dinamarca, Mette Frederiksen, á cabeza. Nove anos despois da marcha de Ángela Merkel, nada queda daquel seu valente e por iso admirado welcome refugees. A este paso, tamén vai quedar en nada o espazo Schengen, o acordo que garante a libre circulación polo territorio da Unión.
Caeron na trampa. As dúbidas sobre a eficacia que puidera ter en clave electoral ese entreguismo tactista, de natureza promíscua, son máis ca lóxicas. Entre a copia e o orixinal, a xente elixe isto último. O último caso, o da vitoria electoral dos ultras en Austria. E cada vez se producen máis concesións que empoderan o neofascismo, como vén de constatar a reelixida Úrsula von der Leyen entregándolle á ultra Meloni unha das vicepresidencias do Consello europeo, rompendo así o cordón sanitario que até agora mantiña a raia ás extremas dereitas por representaren un perigo para a democracia.
Xa nin o esconden. Os neofascistas son o cabalo de Troia que penetra en terreos de conquista para desde dentro ir gañando batallas nunha guerra cultural (inmigración, cambio climático, minorías sociais…) que ten nas políticas neoliberais, no instrumental da dixitalización e tamén nos actores da política conservadora e socialdemócrata que os normalizan e lexitiman aos seus máis eficaces aliados. Unha eficacia, reiterámolo de novo, a costa dos máis prístinos valores democráticos. Esa estraña e impúdica cohabitación coas extremas dereitas é pólvora exposta aos delirios de calquera iluminado que faga do supremacismo, do racismo e do odio ao diferente a súa única relixión.