Veu precedido pola Magnifica Humanitas. Unha encíclica rompedora. Lonxe de asumir a equidistancia dos que valoran a IA en función do uso que se faga dela, alerta dos perigos que comporta polo poder de priorizar obxectivos e de introducir criterios que poden contradicir a dignidade inalienábel da persoa. O papa León XIV viaxou a España con ese estandarte anti-tecnofeudalista, en medio da batalla que os oligarcas de Silicon Valley libran polo poderío global. E coa fronte aberta con Trump, ao que censurou sen panos quentes porque ‘no reino de Deus non hai espada, nin drons, nin vinganza, nin banalización do mal’. Unha liña de choque contra a barbarie bélica, a deshumanización, a criminalización do inmigrante, a polarización e o intento de manipular a mensaxe cristiá desde a ultradereita estadounidense, e tamén a Biblia por parte de Israel coa pretensión de avalar a guerra -e o xenocidio palestino- como unha cruzada.

León XIV asumiu o custo reputacional que para a Igrexa dos pobres e dos máis vulnerábeis comportou o exhibicionismo populista e propagandista deseñado pola Conferencia Episcopal rouquista, a cambio de conseguir o que priorizou para a igrexa española na axenda desta viaxe. 

Na axenda pública que lle deu pouso ao seu primeiro ano de pontificado vese, en efecto, unha moi comprometida maneira de manter acesa a vía inculturalizadora da Igrexa católica no mundo. E a de ter voz e influencia na interpretación, o axuizamento e a xestión dos acontecementos que interpelan á humanidade. Como bo seguidor do autor de A cidade de Deus, a visión cristiá do agustino Robert Prevost conforma unha postura política, e parece decidido como papa a que nada que remova conciencias e desafíe os baseamentos da dignidade humana lle sexa alleo. Ten, ademais, como tampouco ocultou o papa Francisco, sintonía cos postulados da latinoamericana teoloxía da liberación, que el mesmo puxo en valor cando exerceu como misioneiro e bispo en Perú, onde constatou os brutais efectos dun réxime ultraliberal que afunde a todo un país na pobreza e acaba derivando nunha ditadura. É de xustiza recoñecerllo.  

Agora ben, para reiterar esa súa axenda, de connotacións tan abertamente políticas e globais, non era necesario cambiar Roma por Madrid durante seis días, poñendo diplomacias, protocolos, institucións e medios de comunicación en acto de servizo. O único que podía singularizar en clave profética e internacionalista o periplo español estaba en pechar no porto canario de Arguineguí o triángulo da morte que o papa Francisco abrira en Lampedusa e continuara en Lesbos, para denunciar in situ, como fixo na véspera do seu regreso ao Vaticano, a traxedia da inmigración e as desalmadas políticas de deportación que envilecen a humanidade. Pero para iso non precisaba facer escala na capital do Reino nin na Barcelona de Gaudí, cidades nas que a misión evanxélica foi substituída -é certo que con moi diferente tonalidade a favor dos cataláns-, por unha sobredose de espectáculo e desconcertante culto á personalidade.  

A visita papal e a parafernalia organizativa que a converteu nun fenómeno de masas foron quen de monopolizar durante practicamente unha semana a axenda pública do país. Unha auténtica anomalía nun sistema democrático que sobrevive a contragolpe episodios desestabilizadores que precisan ventilación. A iso contribuíron as principais institucións e as primeiras autoridades gobernamentais, subordinando por puro oportunismo político a aconfesionalidade do Estado aos obxectivos, confesos ou non, que negociaran a Santa Sede e a Conferencia Episcopal española. Acoutando rúas e prazas para que o aclamasen as multitudes e as cámaras da televisión pública o retransmitisen en sesión continua, poñendo ao servizo da organización a infraestrutura urbana e un excepcional dispositivo de seguridade, e dándolle as Cortes Españolas o púlpito da soberanía para recriminarlles teren lexislado sobre asuntos (o aborto, a eutanasia, a familia non tradicional) que ningunha maioría pode vulnerar lexitimamente (sic), esa complicidade operativa e os sete minutos ininterrompidos de aplausos no Congreso desdebuxaron a delgada liña vermella que separa política e relixión. 

Comunga León XIV con esa maneira de exhibir, subido a un papamóbil, a súa condición de xefe dunha igrexa con 1.400 millóns de seguidores, un 17,8 por cento da poboación mundial? Non casa en absoluto coa súa traxectoria pastoral previa. Talvez fose esa a causa da negativa do papa Francisco a incluír a católica España no seu calendario viaxeiro. Estaban os bispos en guerra santa contra a lei de memoria democrática, que Bergoglio soubo valorar como xa o fixera en Arxentina (“unha sociedade non pode sorrirlle ao futuro tendo os seus mortos escondidos”). Ademais diso, a maior parte deles amosábanse displicentes no combate contra a pederastia eclesial mentres el ordenaba tolerancia cero. E tiña na Conferencia Episcopal, con Rouco á cabeza, un dos polos máis activos na cruzada que o cardenalato ultra mantivo contra el ata o día da súa morte. Deixándose utilizar facendo do papamóbil o salvoconduto que precisaban para ratificarse nesas tan reaccionarias como desapiadadas actitudes, sería suicida. Para el e para o seu pontificado. E negouse. E por que León XIV aceptou agora o reto, malia non disentir da decisión do seu antecesor? 

Porque mudaron algunhas circunstancias: concita maior consenso interno que Francisco, e cos seus posicionamentos antibélicos e anticapitalistas conseguiu tamén o de cantos veñen de descubrir nel o antagonista moral de Trump e do trumpismo que necesitaban para desafialos. Asume, pois, o custo reputacional que para a Igrexa dos pobres e dos máis vulnerábeis comportou o exhibicionismo populista e propagandista deseñado pola Conferencia Episcopal rouquista, a cambio de conseguir o que priorizou para a igrexa española na axenda desta viaxe. 

En primeiro lugar, a unidade episcopal, que pasa por desactivar os excesos corporativos e reaccionarios dunha asemblea escorada cara as dereitas extremas, taponando de paso que rexurda e se socialice o debate do laicismo como unha alternativa constitucional aos privilexios da Igrexa católica nun Estado supostamente aconfesional. E, ligado a iso, esa outra prioridade: a de establecer un plan de reconversión ao catolicismo dun país cada vez máis secularizado -segundo o CIS, o número de crentes entre a mocidade apenas chega, a pesar da cantante Rosalía, a un 30 por cento-. Está por ver a eficacia dese arriscado desafío. De entrada, recibiu unha de cal e outra de área. 

É verdade que apenas tivo contestación -un cento de colectivos e personalidades asinantes do manifesto de Europa Laica, Podemos e BNG-. Máis aínda. Cos seus sete minutos de aplausos na sede da soberanía popular, os deputados e senadores presentes déronlle implicitamente o plácet ao statu quo concordatorio que unha boa parte dos partidos aplaudidores prometen desactivar. Pero os trazos grosos do seu discurso político/relixioso caeron en saco roto. Aplaudir aplaudíronlle, pero antes de que cantase o galo xa o negaran facéndolle unha emenda á totalidade. As dereitas do combo PP/VOX sumáronse no parlamento europeo ao canto do vergoñento Send them back (Devolvédeos), logo de votar a favor das deportacións de inmigrantes a países extracomunitarios. O parlamento volveu ser, polarizado, xudicializado e mediatizado, un niño de víboras.  

Amiguiños si, santo Padre, pero a vaquiña polo que vale.