Eramos poucos…e chegou Montoro. Aquel ministro fanfarrón que xustificaba a utilización da motoserra austericida como castigo por vivirmos por enriba das nosas posibilidades. Un xuíz de Tarragona vén de poñelo a remollo, cargándolle un sumatorio de presuntos delitos contra as institucións e contra o ben público. Quérese dicir, contra o Estado de dereito e contra a cidadanía nel representada. Porque xa non se trata só dun estafador que, ao estilo Ábalos/Cerdán, intercambia privilexios empresariais por mordidas millonarias. El e o núcleo duro dos altos cargos que o acompañaron no ministerio de Facenda que lles encomendara Rajoy tomaron o BOE como vía para legalizar a corrupción. Cando nos parecía que xa estabamos curados de espanto, un sumario de máis de cinco mil páxinas argumenta con todo tipo de probas e indicios o que para algúns analistas constitúe un canallesco e criminal ataque á democracia. Non superaría o que no seu momento representou o fenómeno dos GAL, terrorismo de Estado, pero estaría en parangón co que reportaron tanto a operación Kitchen (pola que están imputados, entre outros, o ex-ministro do Interior Fernández Díaz e o seu secretario de seguridade Francisco Martínez) como a escandaleira de corrupción, vida licenciosa, impunidade e fuga protagonizada polo rei emérito Juan Carlos de Borbón.
O que desvela ese sumario é un modus operandi que agrava ad nauseam todo o que, baixo o paraugas bipartidista da Transición veu curtocircuitando, en diversas épocas e con asimétricos estándares de corrupción política, o desenvolvemento da democracia.
O que desvela ese sumario, armado fío a fío polo instrutor do caso durante os últimos sete anos, é un modus operandi que agrava ad nauseam todo o que, baixo o paraugas bipartidista da Transición veu curtocircuitando, en diversas épocas e con asimétricos estándares de corrupción política -co PP de Aznar e Rajoy como se a tivese inoculada en vena, pero tamén co PSOE de González e agora co de Sánchez-, o desenvolvemento da democracia. Non fomos quen de desmontar como sociedade prácticas políticas que o bipartidismo turnista acabou institucionalizando, aínda a sabendas do altísimo poder de transgresión que permitían e fomentaban. Non houbo vontade política para dificultar, e moito menos para atallar, o que en política comporta que alguén, amparándose no poder do partido ou do goberno, acabe dándolle chance a unha ambición desenfreada, aproveitando os baleiros institucionais para deixarse corromper.
Que medio século despois de sepultar canda o ditador un réxime que ademais de criminal era estruturalmente corrupto, un partido formalmente democrático se vise acurralado pola corrupción e forzado a abandonar o poder polo que en sentenza firme significaba terse comportado como unha organización criminal, constata ben ás claras ese desacato democrático. E, por derivación, a indefensión á que nos enfrontamos os cidadáns, que sufrimos as consecuencias. Verémolas con todo tipo de evidencias cando a partir de setembro pasen polos tribunais de xustiza a trintena de causas que o PP de Feijóo vai ter que soportar durante o ano 2026, ás portas dunha nova convocatoria electoral. Como as imos seguir vendo na medida en que o instrutor da trama de corrupción na que a UCO retrata aos dous últimos secretarios de organización do PSOE, o tamén ex-ministro Ábalos e Cerdán, vaia tirando do fío. Pero ningunha outra ocasión mellor para comprobar o alcance desas consecuencias que a propiciada polo caso Montoro.
Non hai en toda Europa unha tipoloxía de corrupción á que recorrer para comparar e valorar o seu alcance antidemocrático e delitivo. Durante os case sete anos que duraron os gobernos de M. Rajoy, unha rede de empresas (principalmente gasistas, pero tamén eléctricas, construtoras, de apostas…), todas elas clientas do despacho de xestión empresarial Equipo Económico que fundou o ex-ministro de Facenda español, pagou importantes cantidades a cambio de reformas lexislativas acordes cos seus intereses. Nada de establecer desde unha institución política, neste caso desde un ministerio que ademais é crucial para a supervivencia do Estado, o mecanismo tradicional de concesións mediante contratos ou subvencións a cambio de mordidas. O que venderon os 28 directivos e altos cargos que están imputados canda Montoro por esta trama son leis.
Máis en concreto, reformas das leis fiscais para abaratar ata un 85% os impostos das empresas corruptoras, que se valen do citado despacho para conseguilo. “A vía máis directa, coma sempre, é pagarlle ao Equipo Económico, que ten contacto directo co ministro Cristóbal M.”, pódese ler nun dos correos incautados que reproduce o sumario do xuíz instrutor. Como é fácil deducir, ese comportamento mafioso pon contra as cordas os fundamentos normativos polos que se ten que rexer un Estado de dereito. Porque as reformas lexislativas que redactan de común acordo os técnicos de EE e os altos cargos do ministerio son contrabando puro. Que pasa como tal polo Consello de ministros, deféndeno e vótano os deputados do grupo popular no Congreso e acaba tendo no BOE data de obrigado cumprimento.
Andan os de Feijóo facendo co tema política de burladeiro. Todo é pasado. Nada é presente. Aos poucos días de poñer aos ex-presidentes Aznar e Rajoy no pedestal dos símbolos e dos referentes éticos que o avalan a el e ao PP para acabar co sanchismo e volver ao poder. A trama Montoro descolocounos. Desta vez non contaban por adiantado coa filtración dun sumario que, se algo deixa meridianamente en claro, é o estado de putrefacción ao que chegaran con M. Rajoy á fronte do partido e do goberno. O xuíz instrutor e a policía que o auxiliou na investigación -os Mossos cataláns- están fóra do radar que as dereitas instalaron en Madrid para cercar a Sánchez e substituír o goberno Frankenstein polo goberno Drácula. Contan, si, coa militancia daqueles medios de comunicación que moven portadas, fabrican acontecementos e intoxican con ese mesmo escuro obxecto de desexo. E por iso o escándalo Montoro non sae nas súas portadas. Pero hai nel tanta carnaza, que non hai televisión nin redes sociais que a releguen porque asegura o espectáculo. Xusto cando os actores que moven os fíos da operación de acoso e derribo estaban a punto de darlle a Sánchez o xaque mate. Algún editorialista cabreado mesmo se esforzou por cualificar de sanchista ao ex-ministro.
O que de verdade importa é, porén, se a descuberta desa escalada na pirámide da corrupción pode contribuír a afianzar o estado de sitio ao que as forzas involucionistas, intra e extramuros, están sometendo a democracia. Como queira que Feijóo involuciona con elas facendo bo o ideario reaccionario e inconstitucional de VOX, non hai burladeiro que o libere da conexión causa/efecto co caso Montoro.





