O acto da toma de posesión de Donald Trump no Capitolio foi a escenificación máis obscena do poder escuro. En primeira fila, roubándolles plano aos do novo goberno, estaba unha representación de cantos amasan fortuna e maquinaria dixital para someter a arquitectura institucional estadounidense a un obxectivo que parece ir moito máis alá da Casa Branca. O de sobrepoñerse ao Estado e á súa capacidade de organización social. Cheira mal. E o cheiro chega ata nós.
O populismo neoliberal de dereitas que lle dera ao trumpismo da primeira presidencia un perfil reaganiano, e por iso democraticamente manexable, experimentou nos últimos anos unha deriva neofascista. David Bell, un recoñecido profesor de Historia na universidade de Princeton, ve na promoción do libertarismo, a conquista espacial e o antiwokismo do máis famoso desa oligarquía, Elon Musk, a pretensión de derrocar a democracia en América. E teme que tanto el coma outros do clan -entre eles, os seus primeiros ideólogos Thiel, Sacks, Yarvin e Andreesen-, que apoiaron con donacións millonarias a campaña de Trump e ao que custodian agora desde dentro das institucións, acaben saíndose coa súa. Con secuelas dentro e fóra dos EE.UU, como se pode constatar nas conexións, tamén presentes no acto solemne do Capitolio, coas extremas dereitas do mundo.
A pretensión de cantos, con Trump no vértice, conforman a alianza entre as grandes empresas do capitalismo tecnolóxico e financeiro e a extrema dereita mundial é a supremacía dunha elite global supranacional. O que o economista Branco Milanovic chama cesarismo globalizado.
Porque Musk é só a punta do iceberg. Que non emerxeu de súpeto. O fenómeno desta nova clase de oligarcas vén de bastantes anos atrás. Establecéndose principalmente na economía dixital e nos fondos de inversión. A volta de Trump e do trumpismo ao poder non é outra cousa que a panca que entre todos propiciaron para facer posible e operativo o superpoder que ambicionan. Tipos como Bil Gates, Steve Jobs e Jeff Bezos, entre outros, amontoaron na década de 1990 unha riqueza sen precedentes. Pero non amosaran entón interese algún por condicionar e cambiar radicalmente a política estadounidense. Agora si. Velaí a diferenza. Os vellos e os novos oligarcas xa non o ocultan. Non só detentan desorbitadas riquezas, tamén multiplican a influencia coa que aseguran que aquelas medren sen control democrático.
Oligarquía tecnolóxica e política converxen, pois, nesa estratexia de poder, á que se suma o empresariado estadounidense no seu conxunto, que seguira até agora camiños separados, empezando por aumentar a capacidade de Trump para manter a raia o Estado que pretenden minguar e destruír. Serviranse para iso dunha garda pretoriana elixida por eles mesmos, para controlar desde dentro das institucións as execucións fiscais que buscan e a eliminación das regulacións. Dan así o paso que media entre manipular o sistema -foi o que conseguiran durante a primeira presidencia- e apropiarse del por completo -a estratexia actual.
No “imos perforar coma tolos” do seu ameazador discurso no Capitolio está simbolizado todo o que os oligarcas marcaron na súa axenda, coincidente coa de Silicon Valley que eles mesmos denominan axenda de destrución creativa. Describía desa maneira bruta non só o que directamente vai contra as políticas que perseguen desactivar os efectos do cambio climático que negan, tamén todo o que ten como obxectivo eliminar o que as envalentonadas extremas dereitas do mundo chaman virus woke (concepto no que engloban o feminismo, os dereitos LGTBIQ+ ou o multiculturalismo).
O retornado presidente comprometeuse a reactivar a extracción de gas, petróleo e carbón -incumprindo así os compromisos adquiridos por EE.UU. no COP28-, desentendéndose por decreto do Acordo de París, e arremeteu contra a lei de redución da inflación, as turbinas eólicas e os coches eléctricos. Consciente do potencial da tecnoloxía para moldear a opinión pública e controlar as masas, Trump está á altura das súas grandes expectativas en todos os sentidos. O seu negacionismo climático e pandémico, o seu acendrado antiwokismo ideolóxico, a dobre promesa de desregulación do mercado e privatización do Estado, teñen esa base. Tamén as súas pretensións expansionistas, que reflectan un imperialismo depredador, coherente cos intereses do clan dos oligarcas, que lle esixen manter a raia a China. O batacazo en bolsa e reputacional que vén de sufrir o supremacismo tecnolóxico de Wall Street co lanzamento por sorpresa dun novo modelo chinés e low cost de intelixencia artificial, forzando a crise da empresa americana de chips procesadores -a do modelo ChatGPT- que acaparaba o mercado mundial, vai radicalizar por iso esa estratéxica alianza tecnopolítica.
Para facela operativa, reforzarán aínda máis o poder que posúen as grandes plataformas dixitais deses oligarcas para romper os estándares sistémicos que, cando menos ata a aparición de Internet, salvagardaban a autonomía dos medios de comunicación convencionais. As principais plataformas de comunicación de masas convertéronse nunha poderosísima maquinaria de desinformación e mentira ao servizo desa estratexia destrutiva. Sen fisuras no clan oligárquico que as posúe. Mesmo aqueles que, como é o caso de Bezos (Amazon, The Washington Post) ou de Zuckerberg (Meta), mantiveran unha prudencial distancia da cruzada reaccionaria á que tamén tardou en sumarse Musk, acabaron entregándose a ela ao se convencer de que a onda extremista ía ter percorrido. Velaí ao dono de Facebook e Instagram eliminando os verificadores de datos, decisión que empodera aos propagandistas dese puzzle ultra para difundir libremente as súas fake news.
O economista Branko Milanovic fala dun cesarismo globalizado. Quérese dicir, a supremacía dunha elite global supranacional. Esa parece ser a pretensión de cantos, con Trump no vértice, conforman a alianza entre as grandes empresas do capitalismo tecnolóxico e financeiro e a extrema dereita mundial. Estando Europa no ámbito de influencia de EE.UU., e sendo como é tecnoloxicamente dependente, non resulta anómalo pensar que estamos abocados a padecer os efectos desa marexada antidemocrática. E fascistizante. Que ten, ademais, un gancho de atracción para as novas xeracións. Esa visión libertaria e autoritaria, tecnosolucionista, está tendo eco entre nós: os datos sociolóxicos amosan a alta receptividade desa onda antiwoke entre a mocidade española.
Alarmante, sen dúbida.