A pregunta coa que encabezo esta carta non é baladí: é o sentimento máis poderoso que a verdade? Levándoa ao terreo da política, e ao das plataformas nas que aniñan cantos fan das redes sociais unha esterqueira, interioriza que estamos expostos aos efectos dunha corrente que desertiza a democracia. Acaba por facela improdutiva e impracticable. Os que a investigan bautizárona cun nome que, de non ter esa connotación desestabilizadora, podería incentivar en nós a ilusión de estarmos ás portas dunha nova dimensión da ciencia ficción: a posverdade. Pero non. Os autores do diccionario de Oxford non se deixaron engaiolar polas apariencias: aquelas maneiras de interpretar a realidade nas que os feitos importan menos que as opinións, as emocións e as crenzas.
Nese novo universo da posverdade cada vez é máis difícil distinguir o certo do falso, a realidade da ficción. E non se produce por xeración espontánea. Ten actores, e tamén vítimas, perfectamente identificables. Con seguidores, ou secuaces, que reproducen os seus perversos efectos en lugares e circunstancias moi diversas. O trumpismo non é senón unha das súas manifestacións máis desafiantes. A volta do multimillonario e histriónico Donald Trump á presidencia dos Estados Unidos de América, agora sen practicamente ningún contrapoder que o vixíe, lexitímaa e internacionalízaa aínda máis. O que reviste unha dobre gravidade. En primeiro lugar, naturaliza mediante as urnas a súa aposta por enlamar a política, activándoa e facéndoa exitosa mediante as técnicas da telerrealidade, da desinformación e a mentira. E traslada a mensaxe de que non é na política senón na antipolítica como as democracias aseguran a súa supervivencia.
Non é, porén, esa corrente da posverdade algo exclusivo dunha das democracias que ata o de agora soubo superar os desgarros dos tempos máis convulsos. O modelo de democracia liberal está en retroceso no mundo. Acolle cada vez a menos países e persoas. Tal como sucedeu durante este 2024 que está a punto de rematar, cando se abren a procesos electorais, padecen os efectos de programadas e cada vez máis sofisticadas operacións subversivas coas que minar o campo de xogo, utilizando para iso todo un arsenal de armas de destrución masiva: granxas de trolls, hackers dixitais, desinformación e bulos a granel. Auga pantanosa, en definitiva, na que en tempos de crise económica e de inestabilidade xeralizada -nunca desde o final da Guerra Fría se adentrara o mundo nunha época de belixerancia tan endemoñada- pescan a discreción os movementos ultraconservadores. Conformando ben unha internacional operativa, con múltiples nodos interactivos no mesmísimo corazón de Europa, ben unha de base e dimensión territorial e/ou nacional.
A tormenta política que desencadeou a pésima xestión que da traxedia da DINA valenciá fixeron o presidente Mazón e o seu goberno evidenciou unha vez máis o triángulo principal do desazo contemporáneo: as crises da verdade, da información e da democracia.
Por caso, a que teñen en permanente estado de revista as dereitas españolas contra o goberno de Sánchez. Unha estratexia de acoso e derribo que, a semellanza doutra contra o daquela presidente Felipe González (a quen teñen agora como aliado), estarían dispostas a levala ata o extremo de rozar a estabilidade do propio Estado. Cito palabras textuais coas que un dos conspiradores, o director do ABC de entón Luís María Ansón, confesou e describiu anos despois as cavidades desa tramoia golpista.
A que se veu artellando nestes últimos anos ten unha compoñente moito máis letal. Non só polos actores que participan nela: a dereita política que lideran Feijóo e os kale borroka de Abascal, a dereita económica que move os fíos desde múltiples burladeiros, a dereita mediática na que milita un batallón de editores, comunicadores, xornalistas, tertulianos e influencers, e unha dereita xudicial (Marchena, García Castellón, Peinado, Espejel, Luís Pastor, Eloy Velasco, xente desa) abrazada ao lawfare. Tamén polo instrumental ao que teñen acceso, o máis axeitado para propagar sen apenas filtros un discurso manipulador que se vale das máis sofisticadas técnicas de desinformación para desarmar activistas e sumar á causa masas de desesperados. Facilítanllo Internet e as plataformas dixitais que se autoproclaman xuíces da verdade mundial e funcionan en modo Elon Musk, a constelación de pseudomedios on line que se venden ao mellor postor e funcionan para iso en modo feiral, e tamén os medios de sempre forzados a competir con todos eles en modo espectáculo.
A tormenta política que desencadeou a pésima xestión que da traxedia da DINA valenciana fixeron Mazón e o seu goberno evidenciou unha vez máis ese pantanoso escenario. Reproducindo o que en palabras do comunicólogo Ignacio Ramonet é o triángulo principal do desazo contemporáneo -neste caso, a que os milleiros de afectados polas riadas amosaron con rabia por sentirse abandonados-: a crise da verdade, a crise da información e a crise da democracia, articuladas entre si. Véndose acorralado, o PP externalizou responsabilidades (nada novidoso, como quedou historiado nos casos do 11-M, Yak 42, metro de Valencia, Prestige, a Covid) á custa da verdade, do descrédito da política, mesmo de crear unha crise no seo da UE.
Todo vale con tan de que nin sequera unha catástrofe con máis de 200 mortos poida esfarelar o relato frankenstein de Koldos, Begoña Gómez e Aldama co que tanto martirizan a Sánchez. Negando a evidencia dos feitos, que fan reos de culpa a Mazón e o seu goberno por non aplicar os protocolos cos que aminorar a dimensión da catástrofe, o principal partido da oposición instala un cortalumes de mentiras e bulos que a fachosfera española, política e mediática, aproveita para conspirar. A antipolítica en estado puro.
É nese falso escenario onde a proclama “Só o pobo salva o pobo” penetra na opinión airada dos afectados polas riadas, dándolle credibilidade ao mantra do Estado falido. Tamén é, en consecuencia, onde a pregunta que eu me facía ao principio pode ter unha resposta doada. O sentimento de abandono, de anguria existencial e dor polos desaparecidos, tan ben detectada e instrumentalizada polos que conspiran contra o goberno, puido máis que a aposta pola verdade. A que se lles debe a mortos e vivos.
O caso da DINA serve para evidenciar a continuidade dunha estratexia que se inspira na antipolítica e fai da desinformación, dos bulos e das mentiras o instrumento co que desenvolvela.
Desenmascarala a tempo é unha obriga democrática.