A cidadanía que ve na política un instrumento válido para manter engraxado un sistema democrático de convivencia e benestar social volve padecer o síndrome do queimado. Cando parecía que se liberara do pesadelo da corrupción que acabou con M. Rajoy e o seu partido expulsados do poder, revíveo de novo á maneira dun cóctel explosivo que o trío Koldo/Ábalos/Cerdán activou coas mordidas que tiveron no ministerio de Transportes e en Ferraz a súa terminal. Que, a diferenza do sucedido co PP, non haxa ata o de agora probas de terse beneficiado delas o PSOE, non reduce a dimensión escandalosa do caso. Polo feito en si, que merma a autoridade de Pedro Sánchez, desestabiliza o partido, medra a desconfianza entre os socios de investidura e ameaza a continuidade do seu goberno. E tamén polo contexto no que ese novo golpe de corrupción se fixo público: un tempo de extrema polarización, que vén alimentada desde fóra por unha onda reaccionaria que ten no trumpismo o seu punto de máxima ignición, tendo intramuros na estratexia de acoso e derribo contra o goberno progresista de coalición a connivencia de actores con mando en praza en sectores chave da xudicatura, as forzas de seguridade, empresarios do Ibex 35 e medios de comunicación.
Desenmascarar a cultura da corrupción é unha obriga institucional, e política, para que a sociedade volva tomar conciencia do que iso representa na urxente revalorización do público fronte ao privado, e para facer realidade a tan demandada rexeneración democrática.
Máis alá da excitación que o último informe da UCO (Unidade Central Operativa da Garda Civil) produciu entre a feligresía que Feijóo e Abascal encirran contra o sanchismo –o merchandising que inventaron para lexitimar o todo vale, traducido nun chamamento conspirativo de Aznar como quen poida facer que faga-, o que se describe nel identifica dúas alarmantes constatacións. Por unha banda, a pervivencia dun modus operandi, amoral e delictivo, que está no ADN dun tipo de corrupción política que se veu reproducindo en todas e cada unha das etapas da transición política. Pola outra, o fracaso das iniciativas coas que os dous grandes partidos, PSOE e PP, e os gobernos que un e outro lideraban tentaron acalar as acusacións de connivencia cos episodios de corrupción, individual e de colectiva, que os salpicou.
Entre o “váyase, señor González” de Aznar e o “váyase, señor Sánchez” de Feijóo, mediaron Filesa, Naseiro, Roldán, Gürtel, Bárcenas, Púnica, ERES, Ábalos, Cerdán, e todo un longo etcétera que puxo no mapa da corrupción política ao Madrid de Esperanza Aguirre, á Valencia de Francisco Camps, á Catalunya dos Pujol, á Galicia dos Baltar e das extorsións empresariais confesadas polo condenado Pablo Crespo, que gozou o mesmo que Naseiro uns anos antes da plena confianza de Fraga, e un rei Borbón que amasou impunemente mordidas millonarias codeándose agora en Abu Dhabi, tan demócrata e campechano el, cos xerentes dunha das autocracias máis ominosas do planeta. Como para non desconectar se un non está precavido!
Non son só unhas cantas, centos, mazás apodrecidas no cesto das organizacións. É, pola contra, un fenómeno estrutural, sistémico. Que acabou alumbrando co tempo, e coa persistencia, algo que ten todas as trazas de conformar o que se pode chamar unha cultura da corrupción. Comporta custes político/electorais, pero moi desescalados. Porque entre outras virtudes ten a favor dos corruptos e dos corruptores a de enmarcar nun relaxador déjà vu os episodios que de cando en vez saltan a barreira do politicamente inasumible. Desenmascarala é unha obriga institucional, e política, para que a sociedade volva tomar conciencia do que iso representa na máis que urxente revalorización do público fronte ao privado. E para facer realidade a rexeneración democrática que vimos demandando desde que unha chea de avinagrados acontecementos enturbou as augas do noso Amazonas político/institucional.
Entre outros, a guerra de todas as mentiras na que nos meteu Aznar, o atentado de Madrid que ese mesmo gobernante envenenou atribuíndollo falsamente a ETA, a revolta cívica en Catalunya que provocou o cepillado dun Estatut refrendado e a súa vingativa xudicialización, a escalada das tramas corruptas que un tal M. Rajoy disculpou con aquel escandaloso ánimo –Luís, sé fuerte– ao seu xerente ladrón, a policía patriótica contra os líderes da nova esquerda e os independentistas catalás, o boicot no Consello do Poder Xudicial para seguir controlando a sala segunda do Supremo e outros xulgados desde atrás (Coisidó dixit, o negociador)… E desde o 2018, con reforzada carrocería a partir das eleccións do 2023, a enxurrada antisanchista que, contando agora coa bendición do presidente da Conferencia Episcopal, se vén de reactivar desde o momento en que se soubo da sentenza que avala a constitucionalidade da lei de amnistía, aínda que a escusa máis socorrida á hora de xustificala sexa a da trama de corrupción que a UCO atribúe, cando menos atá o de agora, ao trío Koldo/Ábalos/Cerdán, pero que as dereitas personalizan en quen os nomeou e fixo homes da súa confianza, Sánchez. Velaí o das sospeitas lanzadas por Aznar e Feijóo sobre os resultados electorais, a esixencia de eleccións inmediatas, a folga de fiscais e xuíces togados, contando ademais cunha pequena lexión de resentidos socialistas que se suman ao tándem PP/VOX pedindo, por dignidade, a cabeza do presidente do Goberno, encabezando a lista dous dos condenados pola creación e o financiamento dos GAL, o exministro Barrionuevo e o exsecretario de Seguridade Rafael Vera.
Malia formar parte do ritual discursivo de todos, mesmo daqueles que a fan impracticable boicoteándoa nas votacións das cámaras de representación popular, nas concentracións ideolóxico/reaccionarias e nas plataformas corporativas que manteñen colonizadas, a rexeneración democrática sempre está por chegar e nunca chega. Proclámana nos seus congresos, pero contradícena na práctica política. E xa o fan de vello. Cortar de raíz a corrupción política é a condición sine qua non para facela posible. Porque contra a cultura da corrupción non hai máis alternativa que a democracia. Non abonda con poñerlle parches, que é ao que se limitaron os partidos e os gobernos para salvarse da queima sempre que se atoparon en semellante trance. O mal é sistémico. E precisa dunha estratexia de choque que instale no interior dos partidos e nas estruturas das administración públicas eficaces curtocircuitos. Un deles, o que sanciona por igual a corruptos e a corruptores (as empresas que son pilladas in franganti pagando mordidas non poden seguir contratando obra pública coas administracións).
Se, como parece, a trama dos tres tenores corruptos non implica o financiamento ilegal do PSOE, e os socios de investidura obteñen garantías -esta vez con programa de iniciativas e calendario definido- de que Sánchez e o seu partido non van de farol e van coller polos cornos o plan de rexeneración ao que se comprometeran, e a estratexia de choque coa que cortar de raíz a corrupción, estaría xustificado aparcar a tentadora, pero arriscadísima, convocatoria anticipada de eleccións.





