Desenmascarounos o Prestige. Pancartas e manifestantes denunciaron a manipulación informativa que daquela catástrofe fixeran os medios públicos. Nunca tal se vira. As mareas de contestación conseguiron romper o cerco propagandístico, que tiña en RTVE e nas emisoras da CRTVG o seu principal funil reprodutor. Así foi como a vaga de chapapote acabou levándose por diante a Fraga Iribarne e puxo en corentena á plana maior do noso ecosistema mediático. Desde entón, a TVG e a Radio Galega quedaron baixo sospeita. Coa cobertura que lle deron á vaga incendiaria de agosto, acomodando o relato diario desa catástrofe social, ambiental e económica á estratexia exculpatoria do presidente Rueda e o PP, confírmase que, malia o tempo transcorrido, seguen atados a intereses espúreos, traizoando os principios de servizo público que xustificaron hai 40 anos a súa creación.
Os chamados ‘Venres negros’ -a denuncia semanal contra a manipulación que desde hai sete anos veñen facendo visible moitos dos seus traballadores e traballadoras- conforman a crónica máis descarnada do proceso de degradación no que deron os nosos medios públicos. E a resposta do executivo de Rueda á iniciativa lexislativa ‘Liberemos a Galega’, coa que 24.000 asinantes tentaban garantir a súa independencia e autonomía, foi aproveitar a maioría absoluta do PP para anticiparse e aprobar unha lei que amartela o seu control partidario e gobernamental. Non só atentan con ela contra o articulado da lei europea de liberdade de medios que o Parlamento comunitario aprobou en marzo do 2024, tamén contra o articulado da lei de creación da CRTVG (rebautizada agora por eles como CSAG, Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia). Cun obxectivo demostrado: o de mantelos desactivados como actores estratéxicos que son no proceso de reafirmación do noso proxecto colectivo. O de facermos país. Nada mellor para iso que secuestralos, poñéndoos ao seu servizo.
No novo marco regulatorio europeo ten a lei Rueda o seu talón de Aquiles. Aproveitalo para desmontar a estratexia de dominio dos medios públicos galegos por parte do PP é un imperativo cívico e democrático.
Como liberar a TVG e a Radio Galega deses seus depredadores? Nada os privou até agora de utilizar estes medios en beneficio propio. Como sucedeu cos devastadores incendios deste último agosto, revertendo a responsabilidade política que os gobernantes conservadores contraeron pola súa desidia preventiva e a incompetencia demostrada na coordinación dos operativos de extinción, converténdoos en vítimas dunha suposta deslealdade sanchista. Contando para iso coa obediencia cega dos seus directivos e directivas, os responsables profesionais desa anomalía deontolóxica, institucional e constitucional. Porque con esa supeditación aos intereses de goberno e de partido sabotean un dereito fundamental para a participación en democracia: o do acceso a unha información veraz.
A única baza que nos queda como cidadáns galegos para liberar aos nosos medios públicos dese secuestro está na Lei Europea de Liberdade de Medios (EMFA, nas súas siglas en inglés) que os Estados membros da UE están obrigados a cumprir desde o pasado 8 de agosto. Á luz do seu articulado, a lei Rueda é fraudulenta. Levan razón por iso os da alianza ‘RTVs Públicas en loita’ -representantes do persoal da maioría dos medios públicos existentes no Estado español- cando reclaman a aplicación do regulamento europeo aos seus respectivos medios. Aquel que, en síntese, ten como obxectivo principal protexer a liberdade, a independencia e o pluralismo dos medios de comunicación, establecendo regras comúns para evitar inxerencias políticas e económicas nas redaccións, asegurar a transparencia na propiedade dos medios, e reforzar a cooperación entre reguladores nacionais a través do novo Comité Europeo de Servizos de Medios. Este último organismo, con capacidade sancionadora.
O sistema mediático español, e con el o galego, segue estando regulado con normas do réxime franquista -por caso, a lei Fraga de prensa, nunca derrogada na súa totalidade, ou a de segredos oficiais-, e os pasos en positivo que se deron nos últimos anos para democratizalo sempre acabaron curtocircuitados por outras iniciativas de signo contrario, como a da lei mordaza. En realidade, nunca houbo vontade política para abordar o deseño de políticas integrais en materia de información e comunicación. Velaí por que non prosperou a idea de crear o Consello Estatal de Medios Audiovisuais que figuraba na lei xeral do Audiovisual impulsada por Zapatero. España é o único país da UE que non conta con ese órgano de control, e está tamén no ránking dos países nos que se dá un maior nivel de concentración. Co dominio, de facto, dun duopolio audiovisual, que se complementa coa concentración intensiva da prensa escrita e co dominio do capitalismo de plataformas. Todo ao que a lei europea que vén de entrar en vigor tenta poñerlle freo. Porque son fenómenos que ameazan o pluralismo, fannos informativamente dependentes e socavan o principio de soberanía. Son, en definitiva, unha ameaza para a democracia.
É nese marco no que a alternativa duns medios públicos independentes e autónomos se fai imprescindible. A EMFA obriga aos Estados membros a que garantan con normas adaptadas ao seu articulado a súa independencia editorial. En concreto: protexer a liberdade dos xornalistas fronte a presións internas e externas -creando Consellos de redacción e un Estatuto que recolla os principios éticos polos que se han rexer-, elección dos seus directivos e membros dos correspondentes consellos de administración por procedementos abertos, transparentes e non discriminatorios -por concurso público de méritos-, que ofrezan unha variedade de información e opinión de maneira imparcial, cumprindo coa súa misión de servizo público, e que o seu financiamento sexa plurianual, estable, adecuado e separado dos orzamentos xerais.
Todo o que a lei Rueda incumpre para a TVG e a Radio Galega. Como incumprirá a normativa coa que o goberno de Sánchez tenta asumir lexislativamente os requirimentos de Bruxelas, e pase o filtro do Congreso. Chega con retraso e con deficiencias (por caso, dándolle á Comisión Nacional do Mercado e da Competencia, que depende do executivo, capacidade supervisora e representativa no Comité Europeo de Servizos de Medios). Pero vai na dirección correcta.
Nese novo marco regulatorio ten a lei Rueda o seu talón de Aquiles. Aproveitalo para desmontar a estratexia de dominio dos medios públicos galegos por parte do PP é un imperativo cívico e democrático.





