Escopetas nacionais

 

Fumata branca. O Goberno e o PP pactaron a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial. Campás ao vóo na Moncloa, porque conseguiron romper o cerco das dereitas, e a medio gas en Génova, porque tras cinco anos de boicot, e a poucos días de expirar o prazo que lles dera Sánchez para ir a por todas se non cedían, o acadado limítase a participar nun intercambio de cromos: dez por dez. Unha volta, ou revival, ao que acordaran no 2020 e horas despois os conservadores renunciaran a asumir. A condición sine qua non das dereitas de que os xuíces elixan directamente aos xuíces quedou desactivada. Serán as Cortes as que en última instancia referenden a proposta de candidatos que fagan os vinte para os diferentes órganos que conforman o poder xudicial. Fóra deses dous santuarios do poder político, o acordo asinado en Bruxelas polo ministro Bolaños e González Pons foi recibido con moitas prevencións.

Non afrouxarán a cacería na que, xa desde antes pero sobre todo desde a moción de censura que lle deu o finiquito a Rajoy, veñen participando representantes cualificados das tres grandes columnas de asalto que lle dan vida e consistencia, sen reparar en medios, ao nacionalismo político, xudicial e mediático español. 

En primeiro lugar, porque xulgan que o sanedrín do PP, que desde as últimas eleccións xerais vive emboscado na estratexia de negarlle ao goberno de coalición o pan e o sal, nunca houbera cedido de non estaren pactando en paralelo conservadores, socialdemócratas e liberais a gobernación da UE para os vindeiros cinco anos. As presións dos seus correlixionarios europeos fixeron que Feijóo arriscase por unha vez desautorizando aos de Aznar e Ayuso, que tan só unhas horas antes do acordo aseguraba que renovar o CGPJ sería “la estocada final a la democracia”.

A tentación partidaria que o PP exprimeu tradicionalmente sempre que necesitou escudos xudiciais de protección é moi acuciante, e non sería estraño que en calquera momento, e xa sen a presión europea, reactive o boicot inconstitucional que exerceu, tan proveitosamente por certo para moitos dos seus militantes encausados e tamén para a cruzada que libran contra o goberno de coalición progresista, durante os últimos cinco anos. Con procesos abertos polas tramas de corrupción e forzando atallos nada ortodoxos polos que re-ocupar o poder, ese requisito era e segue a ser para Feijóo e os seus un seguro de vida. As cúpulas da xudicatura, nas que o CGPJ que saíu da maioría absoluta do PP no 2013 reproduciu a súa propia fisonomía ideolóxica a base de nomeamentos ad hoc, comungan de maneira maioritaria non só co ideario das dereitas. Tamén militan nas causas políticas que estas últimas cociñan e patrocinan.

En segundo lugar, porque en medio dese insoportable cheiro a lawfare, con maxistrados, xuíces e fiscais en plan escopetas nacionais, todo o que non sexa desfacer a tea de araña que se encargaron de tecer e de alimentar as cúpulas da xudicatura podería quedar nunha simple reacomodación ideolóxica nos órganos de decisión e control xudicial -xa a partir de agora no CGPJ e de seguida no Tribunal Supremo-. Reacomodación, ademais, limitada a efectivos de sensibilidade PSOE e de sensibilidade PP, como lle reprochan en nome desa España plural á que tanto acode na retórica do día a día os socios de investidura e lexislatura de Sánchez.

Xa que logo, máis alá de desencallar o CGPJ para poñelo a funcionar, non parece que o acordo vaia ter outro tipo de consecuencias na estratexia política que desenvolven as dereitas para facerse co poder ao prezo que sexa. A do todo ou nada. Non afrouxarán a cacería na que, xa desde antes pero sobre todo desde a moción de censura que lle deu o finiquito a Rajoy, veñen participando representantes cualificados das tres grandes columnas de asalto que lle dan vida e consistencia, sen reparar en medios, ao nacionalismo político, xudicial e mediático español. Con dúas presas a abater: a que desafía a integridade dunha España una, grande y libre, por unha banda, e a que está representada polo sanchismo, o recolector nominal que popularizaron e socializaron facéndoo sinónimo de autoritarismo, corrupción e traizón á patria, pola outra.

Seguiremos escoitando, pois, ruídos de togas. De maneira estentórea, como veu sucedendo sempre que os perseguidos tiñan e teñen que ver cos acontecementos do 1-0 do 2017 en Catalunya, ao terse decantado a xudicatura española por identificalos como autores dun inexistente golpe. Velaí polo que, antes incluso de que se puxera en valor unha lei de amnistía no Congreso, ese ruído se volvese enxordecedor ás portas dos tribunais. E tamén agora, nunha enfebrecida carreira por desnaturalizar e obstaculizar a aplicación da lei aos centos de persoas encausadas e/ou condenadas a penas manifestamente vingativas polos maxistrados do tribunal que presidiu o xuíz Marchena -o home que, segundo un xa famoso whatsapp do deputado conservador Cosidó, lles garantía aos do PP controlar a sala segunda do Supremo pola porta de atrás-.

E tamén con ruídos revestidos de cerimonial xurídico/administrativo, como para despistar, aínda a costa de caeren os seus maxistrados proponentes no máis ridículo dos surrealismos. Por caso, cando o xuíz García Castellón ficciona as mobilizacións do Tsunami Democrátic para que Puigdemont poida ser acusado do delito de terrorismo -non amnistiable-, ou cando o xuíz Aguirre retoma, xa a deshora, a novelística que lle endilga a Puigdemont unha estrambótica conspiración para que Putin militarizase con 10.000 soldados a Catalunya do día despois da declaración unilateral de independencia, para así podelo acusar de alta traizón -tamén non amnistiable-.

Porén, non se trata só duns cantos xuíces fanáticos da unidade nacional que se deixan levar pola causa e non paran ata sentirse recompensados. Velaí como un deles, Joaquín Aguirre, se atribúe nun vídeo o mérito de que “ao Goberno lle queden dous telediarios” grazas a ter el reactivado a trama rusa. Son os maxistrados do Tribunal Supremo os que lle dan pábulo a ese torticeiro argumentario, amosando un absoluto desprezo á lóxica xurídica. Máis aínda. Son os mesmos que, mediante un novo auto dado a coñecer o pasado día 1, recargan as baterías do boicot contra a lei de amnistía facendo non amnistiables os delitos de malversación. Con que efectos? Cos que produce un elefante entrando nunha tenda de cacharros. Encadeados uns con outros, poden chegar a facer inevitable unha repetición electoral en Catalunya. É ese o obxectivo do Supremo? Paréceo. Co aplauso dos que buscan o mesmo: o PP e Vox.

A norma entra en vía morta para os condenados na Causa especial 20907/2017, cando menos ata que os seus anunciados recursos de amparo ante o Tribunal Constitucional non se solventen. Colle folgos o xuíz Pablo Llarena e publicita simultaneamente un auto mantendo vixente a orde de detención contra Carles Puigdemont, que non está procesado, obstaculizando así a súa anunciada participación na sesión de investidura que se negocia. O envoltorio argumental deses autos ten, iso si, un tufo político que apesta. Son os maxistrados da sala segunda dese alto tribunal -os mesmos que asinaron as condenas no xuízo do Procés- os que se autodenuncian nese propósito ao recriminar “la condescendencia del legislador español frente a malversadores condenados en sentencia firme”.

Parten dunha suposición: o enriquecemento persoal (non amnistiable) produciuse porque o uso dos fondos públicos permitiulles non poñer diñeiro dos seus bolsillos para soster o Procés. Como quera que esa doutrina non casa ben coa realidade, o auto retorce o significado da malversación, e o resultado déixanos a todos (non só aos entendidos, tamén aos que somos legos nas artes do dereito aplicado) un tanto aturdidos: “el castigo en los delitos patrimoniales no se justifica por quedarse con las cosas de otro, sino por quitarle a otro las cosas”. Porque os obxectivos dos condenados e perseguidos eran políticos. Non buscaban gañar diñeiro no proceso.

Ningún país democrático pode permitirse que o poder xudicial perda a autoridade que sustenta a forza das súas decisións. E o 60 por cento dos españois, segundo un estudo demoscópico recente, desconfía dos xuíces, asumindo a maioría que no Estado existe o lawfare, e un 44 por cento afirma que se dan casos de persecución xudicial. Porén, moito nos tememos que se cumpra o dito lampedusiano de que é necesario que algo cambie para que todo siga igual. O que cambia co acordo sobre o CGPJ non vai facer, ipso facto, que os protagonistas do lawfare (que xa vén de lonxe, como experimentaron o ex presidente do parlamento vasco Juan Mari Atutxa, os independentistas vascos e os catalás de antes e despois do Procés, Podemos, e ultimamente o propio presidente Sánchez depositando no seu entorno familiar unha sobredimensionada sombra de corrupción) lle dean sosego ás togas.

Mentres non se leve a cabo unha reforma da xustiza que a democratice e a desvincule de familias, de bandos políticos e de falsos salvadores da patria, nunca poderá pasar a proba do algodón: a da súa independencia e imparcialidade. A que esperan as forzas progresistas para acometela?