Unha vintena de activistas da Global Sumud Flotilla chegou de volta de Barcelona: “fomos secuestradas e brutalmente agredidas”.
Non hai día no que non nos chegue algunha nova sobre as barbaridades que o sionismo está cometendo en Palestina. Tampouco hai día no que non nos teñamos que avergonzar, e pedir perdón, polo comportamento dos dirixentes europeos coa excepción duns poucos entre os que destaca Pedro Sánchez. Persoalmente tamén me pregunto todos os días cantos horrores estamos dispostos a soportar sen indignarnos e revelarnos? Porque estamos diante dun xenocidio como foi a Nakba (1948) e de novo co silencio cómplice de Occidente.
Reproduzo unha nova da BBC News Mundo, publicada pola súa correspondente Alejandra Martins, “Adam era un neno alegre e conversador, pero aos cinco anos e de xeito repentino, deixou de interactuar co mundo. O seu caso non é unha excepción. Diante da violencia, destrución e morte en Gaza, a resposta dalgúns nenos ao sufrimento foi calar. Non hai ningún neno en Gaza que non estea traumatizado” lle di a BBC Mundo Katrin Glatz, un psicoterapeuta infantil norueguesa que traballa en Gaza. “Hai máis dun millón de nenos que sufriron traumas graves”.
A realidade é que despois de máis de seis meses desde que o goberno sionista anunciara un alto o fogo, os ataques continúan “de xeito rutinario” (Voker Turk, Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos). Algo que sabemos grazas á xenerosidade de moitas ONGs e dos funcionarios da ONU que seguen traballando na rexión a pesar dos riscos que corren e os atrancos que poñen as tropas sionistas, a pesar do silencio imposto por Estados Unidos e Israel coa complicidade, repito, de moitos gobernos europeos.
Remato recollendo outra parte da entrevista citada que merece toda a nosa atención: “Por que hai nenos en Gaza que deixaron de falar?” -pregunta Alejandra Martins-. ”Cando un neno sofre un trauma grave” -responde Katrin Glatz- “e vive en condicións de grande incertidume durante moito tempo, como lle sucede aos nenos de Gaza, teme pola súa propia vida, pola da súa familia, amigos e coñecidos. E en Gaza viven así desde hai dous anos e medio. O nivel de estrés e o impacto no seu sistema nervioso son tremendos. A reacción de cada neno é diferente. Algúns se volven moi axitados e teñen problemas para durmir, anóxanse, berran; é doado detectar este sufrimento. Outros, pola contra, bloquéanse por completo. É como se o seu sistema nervioso dixera “non poido máis”. E o xeito de protexerse é retraéndose. A linguaxe forma parte diso. Para eses nenos é un xeito de interactuar con este mundo que non deixa de facelos sufrir e de provocarlles dor. Así que non é unha elección consciente, senón unha resposta neurolóxica ao estrés e ao trauma extremo” (ler artigo orixinal).
Mentres isto sucede Benjamin Netanyahu, este criminal de guerra, vén de ordenar ao seu exercito que se faga co control do 70% do territorio de Gaza mentres programa a “emigración voluntaria” dos palestinos. O goberno dos Estados Unidos renova as sancións á valente Francesca Albanesa, Relatora Especial sobre a situación dos dereitos humanos no territorio palestino ocupado dende 1967, sancións ás que agora suma novos activistas.
Pola súa parte, Pedro Sánchez, presidente do goberno español, ten que contemplar impotente como a Unión Europea non se suma á súa proposta de suspender o Acordo de Asociación Unión Europea-Israel polos “presuntos crimes de guerra en Líbano e Palestina”. Un chanzo máis no crecente desprestixio da Unión Europa como defensora do dereito internacional.
Volvo a pregunta do titular: e nos, os cidadáns europeos, canto horror estamos dispostos a soportar?





