Efeméride dun cambio que non foi

Nestes días hai 20 anos de que, por primeira vez na historia autonómica galega, as esquerdas chegaron a gobernar conxuntamente (PSdeG-BNG) a Xunta de Galicia (2 de agosto do 2005). A primeira e, polo de agora, única vez en que por vía electoral as dereitas galegas (PPdeG) perderon unhas eleccións, o que puxo en evidencia a excepcionalidade da conxuntura. En máis de corenta anos (se a memoria non me falla as primeiras eleccións autonómicas celebráronse no ano 1981) e con 13 convocatorias electorais celebradas dende ese ano, só unha vez as esquerdas gañaron unhas eleccións e gobernaron, aínda que só durante unha lexislatura, do 2 de agosto de 2005 ao 16 de abril do 2009.

Dada a indiscutible excepcionalidade deste fito político e coa perspectiva que proporcionan os anos transcorridos, vou intentar reflectir de xeito obrigatoriamente resumido as (miñas) razóns que favoreceron o cambio, e tamén as que provocaron que só durara unha lexislatura. Empecemos polos datos que explican a vitoria electoral.

Na vitoria electoral das esquerdas influíron varios factores. En primeiro lugar, o forte ascenso experimentado pola socialdemocracia galega (PSdeG) -11 puntos, do 22,2% ao 33,6%- que pasou de 17 a 25 escanos. En sentido contrario, as dereitas (PPdeG) perderon votos -7 puntos menos, do 52,5% ao 45,8%- pasando de 41 a 37 deputados, un por debaixo da maioría absoluta. Finalmente, a abstención baixou 4 puntos -do 39,8% ao 35,8%-. Hai bastante consenso en sinalar o impacto positivo que nos votos das esquerdas tivo o movemento social Nunca máis -sendo o PSdeG o principal beneficiario- que coincidiu en sentido contrario co declive físico e intelectual de Manuel Fraga, que restou votos ao PPdeG.

Una vez confirmada a vitoria electoral varios interrogantes se abriron diante da nova conxuntura. A primeira, que non quere dicir que fora a máis importante, era se os dous partidos das esquerdas serían quen de deixar a unha beira a súa forte e antiga rivalidade para actuar como un goberno unido e ben cohesionado. En segundo lugar, se tamén serían quen de colmar as aspiracións de cambio que os votantes de esquerdas desexaban. En terceiro lugar, se os partidos do goberno entendían que a vitoria electoral non supoñía ter a maioría social, ser hexemónicos en sentido gramsciano, que parece propiedade eterna da dereita conservadora. Finalmente, cal ía ser a relación do goberno cos partidos que a sustentaban.

Axiña quedou claro que as rivalidades partidarias seguían vivas e que cada un dos partidos de goberno ía rivalizar por deixar clara a súa pegada particular. Unha realidade que se reflectiu nunha evidente falta de sintonía, algo que unha grande parte do electorado -a menos partidaria- valorou moi negativamente e que as dereitas mediáticas souberon aproveitar para debilitar a imaxe do novo goberno. Ao anterior tamén influíu, aínda que non de forma prioritaria, que o novo goberno non fora quen de entender que as maiorías sociais que os votaron aspiraban a algo máis que a un cambio de cromos, senón a un auténtico cambio de ruta, o que debía supoñer non só unha mellor e máis xusta xestión senón, ademais, mostrar “luces longas”, un proxecto de cambio real a medio e longo prazo algo que nunca se fixo efectivo.

A euforia electoral seguramente non lles permitiu ver aos líderes e dirixentes de ambos os dous partidos que a pesar da derrota ao PPdeG seguían sendo hexemónicas (45,8% dos votos: 756.562 votantes), e que para manterse no poder era imprescindible substituír esa hexemonía conservadora por unha hexemonía democrática e progresista. A realidade foi que ese cambio non se produciu, como se puido comprobar na seguinte convocatoria electoral (2009), cando as dereitas galegas recuperaron o goberno. E ata hoxe.

Finalmente, a relación entre o novo goberno e os respectivos partidos nunca foi o complementaria e solidaria que sería preciso. A proba está en que inmediatamente despois da derrota (2009) os dous partidos laminaron aos respectivos líderes (Touriño e Quintana).

Moitos buratos para poder facer un bo cesto.