O ataque das tropas dos Estados Unidos e Israel contra Irán, coa conseguinte morte de centenares de civís e a eliminación de dirixentes políticos sen xuízo previo, constitúe unha nova e grave vulneración do dereito internacional. É un crime. E, ademais, non é un feito illado, senón un novo episodio nunha longa historia de intervencións que normalizaron o uso da forza á marxe das regras que supostamente rexen a convivencia entre Estados.
Quen goberna estas potencias —hoxe Donald Trump e Benjamin Netanyahu— demostraron reiteradamente que conciben a política exterior como un exercicio de poder sen límites efectivos. O desprezo polos mecanismos diplomáticos, a erosión sistemática do dereito internacional e a lexitimación preventiva da violencia non son erros puntuais: forman parte dunha lóxica de dominación que se presenta como seguridade e termina producindo inestabilidade, sufrimento e resentimento.
Pero non nos equivoquemos. Aínda que o problema se amplifica cando aparecen en escena dirixentes como Trump ou Netanyahu, non é de natureza persoal, senón estrutural. É o resultado dunha orde internacional que permite a excepcionalidade permanente dalgúns Estados, que tolera que a forza se converta en argumento e que aplica os principios xurídicos cunha dobre vara de medir. Cando as normas só obrigan aos débiles, deixan de ser normas e transfórmanse en instrumentos de poder e dominación inxusta.
Doe, sen dúbida, a decisión de quen dá orde de bombardear e matar centenares de civís. Pero tamén o silencio de moitos outros gobernos que, en nome do cálculo político ou a conveniencia estratéxica, elixen non denunciar o que contradí os principios que din defender. E, por suposto, doe e preocupa a resignación e falta de resposta de millóns de persoas e de sociedades enteiras que, saturadas de conflitos, acaban aceptando como natural e inevitable o que non se debe tolerar.
Axuda igualmente a que se produzan crimes, violacións graves do dereito internacional humanitario e violencia sen pausa que a defensa dos dereitos humanos, do imperio da lei e da paz se asuma selectivamente. Como algo que se activa só cando o agresor é o noso adversario.
Se se invoca o dereito internacional, invócase sempre; se se condena o autoritarismo, condénase en todas as súas manifestacións; se reclamamos dignidade humana, non podemos facelo só en función do pasaporte das vítimas. Se defendemos un pobo, fagámolo sexa quen sexa o que o reprime, domina ou humilla.
A paz non é un don gratuíto nin un reclamo inxenuo. É unha construción política que esixe coherencia, límites ao poder e, moi especialmente, cidadanía vixiante e decidida a facela realidade. Obriga a rexeitar a idea de que a violencia preventiva é unha ferramenta lexítima de xestión do mundo e a entender que a seguridade sen xustiza é unha ilusión perigosa.
Con frustración, pero tamén coa convicción de que o silencio nunca mellorou nada, só podo achegar a miña palabra, a miña denuncia e o meu berro. Un reclamo de coherencia, de legalidade e de humanidade. Abonda xa de tanta barbarie!
Porque a barbarie non se combate con máis barbarie. E porque, se renunciamos a esixir regras para todos e paz, o que desaparece non é o conflito, senón a civilización e a vida.
Tradución do texto publicado orixinalmente no blog de Juan Torres.





