Escribo estas liñas cando a xustiza británica está debatendo se atender ou non a demanda de extradición do periodista e activista australiano Julian Assange aos Estados Unidos. Unha decisión que pode supoñer, de acceder, un novo e brutal ataque a liberdade, en concreto a liberdade de información que garanta o dereito dos cidadáns a estar ben informados. Unha decisión que tamén pode conducir ao encarceramento de por vida e, moi probablemente á morte na cadea dun loitador pola liberdade.
Lembremos que a demanda de extradición susténtase, entre outros, no pecado cometido por Julian Assange e a súa rede WIKILEAKS de informarnos aos cidadáns do mundo de que, por caso, todo o que tanto o Goberno dos Estados Unidos como os seus aliados da OTAN nos contaran para xustificar o brutal ataque a Iraq, a suposta posesión de armas química, eran mentiras pois o réxime de Hassan Hussein carecía das mesmas. Unhas informacións, nunca desmentidas, que nos permitiron saber como o auténtico obxectivo do imperio USA era realmente derribar o réxime iraquí tanto para apropiarse do petróleo e o gas (están entre as maiores reservas a nivel mundial) como para incrementalo seu poder de influencia en Oriente Medio.
WIKILEAKS tamén nos informaría de como o exército estadounidense estaba cometendo tanto en Iraq como en Afganistán continuas e feroces violacións dos dereitos humanos, asasinando civís e torturando supostos terroristas (todos lembramos as imaxes extraídas do que estaba sucedendo, por caso, na prisión de Abu Ghraib ou no campo de concentración de Guantánamo que escandalizaron a opinión pública mundial).
En relación a situación de Julian Assange convén lembrar que a persecución de que está sendo obxecto lle supuxo permanecer pechado sete anos na Embaixada de Ecuador en Londres (2012-2019) onde o periodista buscara refuxio diante da causa aberta contra el nos Estados Unidos e tamén pola demanda de extradición ditada dende Suecia por unha acusación de suposta violación que sería posteriormente desestimada. Embaixada da que sería sacado as arrastras (11 de abril 2019) para ser trasladado a unha prisión de máxima seguridade (Belmarsh) na que permaneceu até hoxe. Si a estancia na embaixada tivo lugar baixo unha enorme presión psicolóxica e física (a CIA tiña instalados sistemas de gravación na embaixada) con ameazas de secuestro e asasinato, o peche na prisión de alta seguridade baixo un estrito réxime esta supoñendo un grave deterioro da súa saúde física e mental tal que, segundo o propio relator da ONU para a tortura NILS MELZER, de non cambiar o actual réxime este pode “rematar custándolle a vida”.
Como puxeron reiteradamente de manifesto numerosos medios de comunicación e opinión de todo o mundo, organizacións de dereitos humanos, gobernantes de distinto signo e diferentes países, dirixentes políticos das esquerdas e as dereitas, deputados, alcaldes de grandes cidades…, a extradición de Julian Assange aos Estados Unidos, onde sería encarcerado de por vida, sentaría un precedente terriblemente perigoso para a liberdade de información e opinión, para os dereitos humanos no mundo.
No fondo a Julian Assange e a súa rede WIKILEAKS perségueselles por sacar á luz as mentiras e os enganos que moitos gobernos comenten cos seus cidadáns, que ademais en moitos casos supoñen ataques ás liberdades e os dereitos fundamentais. Por esta razón cando se persigue a Julian Assange están, dalgún xeito, perseguíndonos a todos, limitando os nosos dereitos e as nosas liberdades.