Cóntannos os expertos e algúns medios de información independentes que cada día que pasa vense mais voitres negros voando sobre os campos. Que voitres son? Que están buscando?
Estes voitres son fondos especulativos. E, que son os fondos especulativos? Entidades financeiras, maiormente vinculadas a grandes bancos, con domicilio en paraísos fiscais e que dispoñen de enormes recursos financeiros cos que executan operacións especulativas. Operacións a moi curto prazo coas que esperan obter zumarentas ganancias grazas a volatilidade dos prezos, neste caso de produtos agrícolas. Eles mesmos contribúen a esa volatilidade, directa ou indirectamente, grazas á enorme influencia que teñen tanto nas administracións públicas como nos medios de información e opinión, así como nas bolsas. Estes fondos consideran que calquera activo -dende os bonos do estados deica as vivendas, pasando polos alimentos, a enerxía, as terras abandonas…- poden ser susceptibles de especulación, de compra e venta rápida para o que o único que precisan é a falla de regulamentación do mercado respectivo para poder así especular cos prezos.
Agora, estes voitres teñen o seu foco posto nas terra agrarias que, en non poucos casos, ben pasan de mans dos pequenos agricultores ás de grandes propietarios, ben son abandonadas. O mecanismo é a compra directa polos fondos para de inmediato alugarllas a unha empresa, ou tamén estar a espera de que os prezos volvan subir. Na práctica, o que estes fondos -”agribusiness”- están provocando é desprazar a agricultura familiar, que pasa a ser substituída por grandes explotacións que acaparan as subvencións públicas -maiormente as procedentes da PAC-, e recursos naturais como, por caso, as terras e a auga.
Entre os efectos secundarios que provoca esta entrada dos fondos voitre nos campos está, ademais dos anteriormente sinalados, a inflación nos prezos das terras, o que loxicamente prexudica aos pequenos campesiños interesados en ampliar a superficie destinada a usos agrarios. Non ten menos impacto a superespecialización produtiva que estes fondos, na procura da máxima ganancia no máis curto prazo, provocan no sector e concretamente na oferta alimentaria.
Polas opinións recollidas de expertos coñecedores da realidade agraria non parecera que en Galicia, por mor do minifundismo e a reforestación, teñan aniñado estes voitres, pero non deberíamos pensar que iso non vaia suceder incluso no curto e medio prazo. Algunhas fontes ben informadas avisan dun proceso que, aínda que incipiente, empeza a tomar forza en Galicia como é a “uberización” ou “land grobbing” -acaparamento de terras, en moitos casos por medio de compra das herdanzas- por fondos especulativos que se aproveitan de fondos públicos -están sendo os principais beneficiarios dos fondos da PAC- e do intenso abandono de terras –en Galicia máis dun terzo da superficie agraria, unhas 300.00 hectáreas-.





